DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 25 de maio do 2017

Nun encontro dos responsables deste eido nas universidades españolas e portuguesas

60 expertas e expertos abordan en Vigo o reto de adaptar o protocolo á sociedade do século XXI

Reivindicaron o seu valor como “ferramenta de orde” nunha época de cambios, desafíos e inestabilidade


ImageNa península ibérica existen universidades con séculos de historia ás súas costas, institucións como a de Salamanca, que neste 2017 cumpre 800 anos, ou a de Coimbra, con máis de 700. O cerimonial, costumes e normas que rexen as relacións, actos e eventos no eido universitario teñen mudado moito no transcurso de todo ese tempo. Por iso, para as universidades, a adaptación do todo o seu protocolo a unha sociedade cambiante e dinámica, como é a do século XXI, é todo un reto. Para analizar este desafío, representantes das universidades españolas e portuguesas reúnense dende hoxe xoves e ata o sábado no campus de Vigo no XVI Encontro de Responsables de Protocolo e Relacións Institucionais das Universidades Españolas e o VIII Encontro Hispano-luso de Protocolo Universitario.

M. Del Río | Vigo
Na península ibérica existen universidades con séculos de historia ás súas costas, institucións como a de Salamanca, que neste 2017 cumpre 800 anos, ou a de Coimbra, con máis de 700. O cerimonial, costumes e normas que rexen as relacións, actos e eventos no eido universitario teñen mudado moito no transcurso de todo ese tempo. Por iso, para as universidades, a adaptación do todo o seu protocolo a unha sociedade cambiante e dinámica, como é a do século XXI, é todo un reto. Para analizar este desafío, representantes das universidades españolas e portuguesas reúnense dende hoxe xoves e ata o sábado no campus de Vigo no XVI Encontro de Responsables de Protocolo e Relacións Institucionais das Universidades Españolas e o VIII Encontro Hispano-luso de Protocolo Universitario. Durante estas tres xornadas debaterán sobre o protocolo e a organización de actos tratando de unir a necesaria transformación e adaptación das disciplinas tradicionais aos novos tempos, conciliando conceptos como comunicación, protocolo, imaxe, linguaxe, publicidade, márketing e relacións públicas.

No acto inaugural, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, deulles a benvida ás e aos asistentes lembrando que “nos tempos que corren a palabra desafío está sempre presente”, en referencia ao lema das xornadas. Tamén se referiu á longa historia das universidades peninsulares, lembrando que o seu “cerimonial primixenio”, que enterra as súas raíces nos costumes católicos, mudou moito ata a actualidade, remarcando que agora “se busca a simplificación na súa execución e se fortalece a mensaxe que se desexa transmitir”. Neste sentido, tamén engadiu que a Universidade de Vigo, unha institución de 26 anos, “sempre está disposta ao cambio; a innovar” e que xa apostou por eliminar a pompa e simplificar as cerimonias, limitando o seu tempo de duración. Amosouse convencido de que deste encontro “sairán iniciativas para que o protocolo nos faga a vida máis cómoda; que é ao fin e ao cabo, o que se debe perseguir” e apuntou tamén que as universidades deben formar a profesionais “que cultiven o saber facer como un sistema onde todo encaixa perfectamente”.

Pola súa banda, Alba Nasarre, presidenta da Asociación para el Estudio y la Investigación del Protocolo Universitario, destacou que a finalidade de todas e todos os que traballan no eido do protocolo “é coidar as relación entre persoas” e remarcou como un dos principais retos a adaptación aos medios dixitais, tecnoloxías que considera “fundamentais” para manter as relacións persoais pero “sen esquecer as tradicións”. Nasarre incidiu tamén en que o campo de traballo das e dos profesionais do protocolo é cada vez máis amplo, “xa que as nosas universidades chegan cada vez máis lonxe e con elas recibimos constantemente novos retos aos que debemos dar resposta e prepararnos para anticipar o que se nos demanda”. Finalmente, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, tamén lles deu a benvida aos participantes e recoñeceu o seu traballo como “fundamental e relevante” na busca de recoñecemento e afecto para as universidades. “Coñecer a universidade, achegarse a ela, esixe desentrañar os seus propios ritos, a súa peculiar linguaxe, o modo no que estas institucións adornan, arroupan e desenvolven os seus acontecementos máis solemnes”.

O protocolo, un instrumento de orde nunha época de desorde

A intervención inaugural do encontro correu a cargo de Félix Losada, director de Márketing e Relacións Institucionais de Deloitte e autor do libro Protocolo Intelixente. O experto reflexionou sobre o papel do protocolo no contexto actual, nun século XXI convulso, de cambio constante, “de verdadeira metamorfose” provocada principalmente polo impacto das novas tecnoloxías, a globalización, a cuarta revolución industrial, a da industria 4.0, e pola falta de reflexión sobre ideas e pensamentos. “Todo isto aféctanos a todos de maneira brutal, xa que as persoas quedamos na periferia”, mentres o centro é ocupado pola tecnoloxía. Así, nun mundo caracterizado, segundo Losada, polo desorde político social e económico, “o protocolo é unha ferramenta de orde”, pero a “inestabilidade e a insensatez nun contexto no que se cuestiona a política, a relixión ou a ciencia”, o protocolo é unha ferramenta dun poder “tamén cuestionado”, polo que se fan necesaria novas estratexias e propostas.

Ante a complexidade de traballar con normas e costumes nunha época de obsolescencia de leis e normativas e cunhas ferramentas que “cada vez van ser máis inservibles”, Losada aposta por facer fronte á situación “adquirindo maior capacidade, relevancia e autonomía persoal”. As e os profesionais do protocolo deben adaptarse á nova contorna e non quedarse no pasado, “debemos deixar de ser administradores do protocolo e ser máis útiles para achegar valor á organización” e converterse en elemento clave nas negociacións, en coñecedores da contorna institucional e das relacións comunicacionais, en interlocutores para resolver problemas. Todo isto, concluía Losada, supón “un crecemento persoal co propósito de ter máis poder e capacidade”.

A segunda ponencia da xornada correu a cargo dos profesores Fernando Ramos e Artur Filipe dos Santos, que analizaron protocolo universitario portugués, aos que tomou a remuda o director do Gabinete do reitor da Universidade de Vigo, Ciprián Rivas, que analizou o protocolo como técnica para o desenvolvemento de prestixio institucional, centrándose no caso vigués. Na xornada de mañá venres abordaranse temas como o protocolo militar, as exequias de estado en Portugal, a esencia non verbal do protocolo ou as galas de cine, mentres que as actividades do sábado serán de carácter cultural.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós