DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 08 de xuño do 2017

A Universidade participou por primeira vez no desfile internacional da Graduate Fashion Week de Londres

Esdemga exhibe potencial xunto a escolas de moda de todo o mundo

A titulación da Facultade de Belas Artes estivo representada pola colección da egresada Aida Mosquera


Image“A experiencia foi fantástica, verte xunto a un grupo de escolas que son unha referencia internacional é moi emocionante”. Deste xeito resume Lola Dopico, directora de Esdemga, o que supuxo o paso da titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes pola Graduate Fashion Week, a pasarela londidense na que o alumnado dos principais centros formativos británicos exhibe os seus proxectos e que, na súa xornada de peche, amosou tamén as coleccións de estudantes de 32 universidades e escolas de Europa, América e Asia. Entre os seleccionados e seleccionadas pola organización para a Swarovski International Catwalk Competition figuraba por primeira vez este título da Universidade de Vigo, que estivo representado na pasarela do Truma Brewery londinense pola colección que a egresada Aida Mosquera presentou na última edición de Debut.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
“A experiencia foi fantástica, verte xunto a un grupo de escolas que son unha referencia internacional é moi emocionante”. Deste xeito resume Lola Dopico, directora de Esdemga, o que supuxo o paso da titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes pola Graduate Fashion Week, a pasarela londidense na que o alumnado dos principais centros formativos británicos exhibe os seus proxectos e que, na súa xornada de peche, amosou tamén as coleccións de estudantes de 32 universidades e escolas de Europa, América e Asia. Entre os seleccionados e seleccionadas pola organización para a Swarovski International Catwalk Competition figuraba por primeira vez este título da Universidade de Vigo, que estivo representado na pasarela do Truma Brewery londinense pola colección que a egresada Aida Mosquera presentou na última edición de Debut.

As estadounidenses The New School Parsons e Savannah College of Art and Design, a Esmod e o Instituto Marangoni de París, a Universidade das Artes de Berlín, a FAD da India ou a Bunka Fashion Graduate University de Xapón son algúns exemplos desta relación de 32 escolas e universidades seleccionadas para este desfile internacional, no que o premio, entregado na noite deste mércores, foi para Po-Chien Chew, da Shih Chien University de Taiwán. “O feedback, é moi positivo, permíteche establecer contactos con escolas de moitos puntos e logo permíteche ver que o teu traballo, posto en relación co de estudantes de todo o mundo, é moi competitivo”, engade Dopico dun evento que levou a Esdemga a unha das capitais mundiais da moda e que reuniu en Londres aos representantes das principais firmas do sector. Un evento no que Mosquera presentou sobre a pasarela seis dos estilismos que integran Je ne sais pas, a colección inspirada nun filme de Jacques Tati que constituíu o seu proxecto de fin de estudos, presentado o pasado mes de novembro na última edición de Debut, a pasarela na que o alumnado de Esdemga amosa os seus traballos finais.

Foi precisamente a raíz da participación no xurado deste desfile do director de Educación da Accademia Costume e Moda de Roma, Adrian Roberts, un dos responsables da organización desta Graduate Fashion Week, cando comezou a xestarse a participación de Esdemga na edición número 26 deste evento, celebrado entre o 4 e o 7 de xuño. Unha selección que, como recoñece Dopico, chega ademais “nun momento moi interesante”, ao coincidir coa apertura da preinscrición do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda que comezará a impartirse o vindeiro curso, “ e no que seguiremos traballando con máis intensidade aínda na liña na que o levamos facendo moitos anos”.

De Debut a Londres

Na mañá do mércores, Dopico e Mosquera encargáronse de preparar todos os detalles para un desfile que, á súa vez, viuse sucedido por unha recepción á representación das 32 escolas internacionais e unha exposición na que reunían algúns dos proxectos de cada un dos e das participantes neste desfile internacional. “A experiencia foi xenial”, apunta Mosquera, quen recoñece que “simplemente estar aquí, xunto a unha selección de escolas de todo o mundo e ver todo o que hai e que a xente che vexa, xa é fantástico”, ao que suma a posibilidade de compartir impresións “e coñecer os diferentes puntos de vista de estudantes de todos os lugares do mundo”.

Nese senso,a egresada recoñece que “non viña con ningún tipo de expectativas” á que ía ser a segunda presentación pública de Je ne sais pas, unha colección inspirada no filme Mon Oncle, no que Tati contrapón dous mundos, un marcado pola modernidade tecnolóxica e outro pola naturalidade. “Collín moitos aspectos que me interesaban da película, desde a arquitectura e o interiorismo, ao uso da cor ou so personaxes e intentei xuntalo todo e crear unha estética nova”, salienta dunha proposta que recibiu máis dun eloxio na pasarela londinense, o que a leva a reivindicar a calidade da formación que se imparte na Universidade. De aí que poña o acento na importancia desta Graduate Fashion Wek “como un escaparate non só para a escola”, senón tamén para a súa propia traxectoria profesional.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós