DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 12 de xuño do 2017

O festival presentou a programación da súa segunda edición, que terá lugar do 27 de xuño ao 2 de xullo

As creacións do alumnado do campus abrirán Novos Cinemas

O cineasta arxentino Matías Rodríguez, protagonista dunha retrospectiva, impartirá un curso en Belas Artes


ImageDez curtas realizadas polo alumnado do campus, co cineasta Oliver Laxe como guía, que poñen en relación a contorna do Lérez coas persoas que a habitan e transitan, serán exhibidas no Teatro Principal na xornada de apertura de Novos Cinemas, que este luns presentou a programación da súa segunda edición, que se desenvolverá entre o 27 de xuño e o 2 de xullo. Un total de 40 filmes integran a programación dun festival promovido pola produtora Matriuska co apoio da Vicerreitoría do campus, o Concello, a Deputación e a Agadic, e definido pola súa “aposta polo talento emerxente”, como salientou o seu director técnico, Suso Novás.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Dez curtas realizadas polo alumnado do campus, co cineasta Oliver Laxe como guía, e que poñen en relación a contorna do Lérez coas persoas que a habitan e transitan, serán exhibidas no Teatro Principal na xornada de apertura do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas, que este luns presentou a programación da súa segunda edición, que se desenvolverá entre o 27 de xuño e o 2 de xullo. Un total de 40 filmes integran a programación dun festival promovido pola produtora Matriuska co apoio da Vicerreitoría do campus, o Concello, a Deputación e a Agadic, e definido pola súa “aposta polo talento emerxente”, como salientou o seu director técnico, Suso Novás. Non en van, a súa sección oficial, integrada por nove filmes procedentes de Francia, Estados Unidos, Arxentina, Bulgaria ou Líbano, que se exhibirán por primeira vez en Galicia, está dedicada ás primeiras e segundas películas dos novos directores e directoras.

Nun acto celebrado no Museo de Pontevedra, os directores de Novos Cinemas, Novás e Ángel Santos, debullaron o programa de proxeccións e actividades, como sesións familiares, proxección na rúa ou a nova sección Latexos, que completan un festival que terá neste 2017 como figura convidada ao cineasta arxentino Matías Piñeiro, protagonista dunha retrospectiva e responsable de impartir un seminario na Facultade de Belas Artes. De aí que o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, puxese o acento na vertente formativa dun evento que apostou desde o inicio “por un espazo aberto de formación, divulgación e transferencia”, a Aula CREA S2i, na que se enmarca o obradoiro Correntes, impartido polo cineasta e ex-alumno de CCSS e da Comunicación Oliver Laxe. “Defendemos un modelo de formación integral que fomente o encontro e a interacción directa entre os profesionais e o estudantado”, engadiu Corbacho nunha presentación na que o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, sinalou este “importante labor formativo” como “un dos grandes acertos” de Novos Cinemas e no que a concelleira de Animación Sociocultural e Festas, Carme da Silva, defendeu que o festival estase a converter nunha “nova marca de identidade” para Pontevedra.

Creando en torno ao Lérez

Correntes, o obradoiro que neste 2017 toma o relevo de Mirar o río, do que saíron dúas curtas finalistas nos permios Suroscopia, celebra este luns a súa terceira sesión, dirixida a que os dez estudantes de CCSS e da Comunicación e Belas Artes seleccionados, poidan debater con Laxe sobre a primeira montaxe das pezas que esterarán o 27 de xuño. “Nunca presentei nada en pantalla grande e teño ganas dese momento”, recoñece Lois Búa, que estreará neste festival a súa peza As Margaridas, que reúne “fragmentos descontextualizados” de conversas nacidas a carón do Lérez. “Presentar o resultado final no festival é todo un orgullo”, engade Ester García, que recoñece como unha “experiencia apaixonante” ter traballado con Oliver Laxe, así como a proposta de traballar a carón do río, “que era para min unha zona por descubrir e foi sen dúbida o sitio idóneo para rodar a miña curta”, Heimlich 1421.

“Oliver provocounos para conseguir traballos máis libres”, engade Pablo Aguilar, quen recoñece que “estamos acostumados a que nos ensinen a ver o cine, e a facelo, dunha forma moi diferente”. Este alumno de Comunicación Audiovisual desenvolve no marco deste taller unha curta experimental, Las Cítaras, mentres que tamén alumna deste grao Raquel López amosará en Xénese, “un retrato da infancia, da inocencia e do vulnerables que somos cando somos pequenos”, nacido desa proposta de Laxe de que as pezas vinculasen o río coa presenza humana. “É interesante facer este tipo de pezas en función dunha temática, porque obrígache a explorar cousas nas que ao mellor non te sentes tan cómoda, e tamén esa obriga de ir a un espazo natural e intentar reflexionar sobre cousas nas que normalmente non nos fixamos”, engade Ariadna Cordal, quen traballa na montaxe de Siluetas, mentres que Vanessa Soares faino na de Ogallá, un “retrato de tipo documental”, combinado con elementos de cine fantástico, dunha “persoa que interactua co río”. “Con Laxe vemos outros métodos”, recoñece David Cruces, quen presentará neste festival El, Río, unha peza de ficción centrada nun personaxe “moi próximo ao río”. Noemí Parga, con Elocuencia, Andrea Alonso, con Suturas e Marta Valverde, con El tiempo suspendido, completan a relación de estudantes participantes neste taller.

Ademais o alumnado tamén participa no festival a través do Xurado Novo, integrado por cinco estudantes, Irene Martínez, Ana Pérez, Iria Potti e os propios Aguilar e Valverde, que terán a responsabilidade de outorgar un dos premios da sección oficial.

36 leccións de cinema

Unha escolma de 36 filmes e directores que lle marcaron como cineasta e que van de Hitchcock ou Antonioni a Yasujiro Ozu, Ernest Lubitsch ou Jean Marie Straub, conforman o núcleo de 36 Leccións de Cinema, o seminario que Matías Rodríguez impartirá o 29 de xuño en Belas Artes. Aberto a toda a cidadanía, previa inscrición, este curso permite afondar “en como funciona a mente dun creador, esa capacidade de percibir cousas totalmente diferentes que poidan axudarte a conformar unha historia do cinema e o teu propio proceso creativo”, partindo desa idea do “cineasta que primeiro é cinéfilo”, como apunta Novás. A través destas 36 pezas, o taller busca trazar un percorrido polos diferentes elementos que abrangue a creación cinematorgráfica, da man dun “cineasta novo cunha traxectoria moi destacada” que é tamén profesor do Pratt Institute de Brooklyn.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós