DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 16 de xuño do 2017

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de xullo

Aumenta o número de prazas ata 459 nas residencias universitarias para o próximo curso

Increméntase en 27.360 euros o importe destinado ás axudas de aloxamento, que ascende a 84.960 euros


ImageCoa reapertura do complexo residencial As Burgas en Ourense para o vindeiro curso incrementaranse en 163 o número de prazas de aloxamento nas residencias universitarias para as e os estudantes dos tres campus. En total ofértanse 459 prazas entre as residencias propias de O Castro no campus de Vigo e As Burgas no campus de Ourense e as concertadas de Alcai en Allariz e Afundación en Pontevedra, que se inclúe por primeira vez para o primeiro curso. Todas estas prazas distribúense en diferentes tipos de aloxamento: apartamentos individuais con cociña, apartamentos individuais con cociña compartida, apartamentos dobres con cociña, habitacións dobres con baño e apartamentos con habitación individual.

Inés Tornero | Vigo
Coa reapertura do complexo residencial As Burgas en Ourense para o vindeiro curso incrementaranse en 163 o número de prazas de aloxamento nas residencias universitarias para as e os estudantes dos tres campus. En total ofértanse 459 prazas entre as residencias propias de O Castro no campus de Vigo e As Burgas no campus de Ourense e as concertadas de Alcai en Allariz e de Afundación en Pontevedra. Esta última contará con concerto coa Universidade de Vigo por primeira vez en substitución da residencia A Peregrina, que pechou ao longo deste curso. Todas estas prazas distribúense en diferentes tipos de aloxamento: 19 en apartamentos individuais con cociña e 199 en apartamentos individuais con cociña compartida en O Castro; 131 en apartamentos individuais con cociña, 56 en apartamentos individuais con cociña compartida e 4 en apartamentos dobres con cociña en As Burgas; 40 en habitacións dobres con baño en Afundación e 10 en apartamentos con habitación individual en Alcai.

O prazo de presentación de solicitudes para unha praza de aloxamento nestas residencias para o curso 2017/2018 estará aberto dende o 15 de xuño ata o 21 de xullo. A convocatoria está aberta ao alumnado que estea matriculado en estudos de grao, mestrado ou programas de doutoramento e que posúa a nacionalidade española ou doutro país da Unión Europea, ou de terceiros países, cando se acredite a condición de residente en España e estar matriculado no curso 2017/2018 nalgunha das titulacións que se imparten na Universidade de Vigo. Ademais destes requisitos, hai outros, tanto xerais como académicos, que as e os solicitantes deben cumprir para a adxudicación das prazas, na que terán preferencia as solicitudes de renovación e despois iranse cubrindo co alumnado de nova admisión en función da puntuación total, que será a suma das puntuacións académica e económica.

Cerca de 85.000 euros en axudas en función da renda

Como consecuencia do aumento do número de prazas, auméntanse este ano en 28 o número de axudas ao aloxamento que convoca a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais. Deste xeito, ofrécense 59 axudas de 100 euros mensuais e outras 59 axudas de 60 euros ao mes en función da renda e cunha duración de nove meses, do 1 de setembro de 2017 ao 31 de maio de 2018. O importe destinado a estas axudas, incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda polo mesmo concepto, ascende este ano a 84.960 euros, o que supón un aumento de 27.360 euros con respecto ao ano pasado, e dos que 37.760 son para o exercicio económico de 2017 e 47.200 para 2018. O alumnado que teña adxudicada unha praza de residencia das ofertadas para o próximo curso poderá optar ás axudas que ofrece a Universidade de Vigo e que serán outorgadas en función da renda per cápita en orde ascendente.

Ambas solicitudes, a de prazas e a de axudas de aloxamento, deberán ser cubertas nos modelos que aparecen na páxina web e presentadas antes do 21 de xullo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós