DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 16 de xuño do 2017

As eleccións celebraranse o vindeiro venres 23

Juan E. Pardo e José Carlos Prado encabezan as dúas candidaturas nas eleccións da Escola de Enxeñería Industrial

Os dous profesores, do Departamento de Organización de Empresas e Márketing, aspiran a suceder a Juan Pou


ImageDous profesores do Departamento de Organización de Empresas e Márketing serán os candidatos a suceder a Juan Pou á fronte da Escola de Enxeñería Industrial. A proclamación definitiva de candidaturas que tivo lugar este venres confirma que o centro terá que elixir entre as propostas de Juan E. Pardo e José Carlos Prado nas votacións do vindeiro 23 de xuño. A candidatura de Juan E. Pardo conta coa boa parte dos membros do equipo directivo actual, mentres que José Carlos Prado achega unha lista de renovación. O que resulte elixido tomará a remuda de Juan Pou, que dirixiu o centro máis grande da Universidade de Vigo dende 2011, tras ser o único candidato tanto nese ano, como en 2014, cando renovou o cargo.

M. Del Río | Vigo
Dous profesores do Departamento de Organización de Empresas e Márketing serán os candidatos a suceder a Juan Pou á fronte da Escola de Enxeñería Industrial. A proclamación definitiva de candidaturas que tivo lugar este venres confirma que o centro terá que elixir entre as propostas de Juan E. Pardo e José Carlos Prado nas votacións do vindeiro 23 de xuño. A candidatura de Juan E. Pardo conta coa boa parte dos membros do equipo directivo actual, mentres que José Carlos Prado achega unha lista de renovación. O que resulte elixido tomará a remuda de Juan Pou, que dirixiu o centro máis grande da Universidade de Vigo dende 2011, tras ser o único candidato tanto nese ano, como en 2014, cando renovou o cargo.

A candidatura de Juan E. Pardo

Juan E. Pardo é profesor do Departamento de Organización de Empresas e Márketing e está á fronte do grupo de investigación OSIG (Organización, Sostenibilidad, Innovación y Gestión). Forma parte tamén do equipo directivo actual como subdirector de infraestruturas da sede campus e presenta unha lista que inclúe a todo o equipo directivo actual, coa excepción do director saínte, Juan Pou, e na que entra como única novidade Fernando Manzanedo. Así, a súa candidatura está composta por Fernando Cedeira, Rafael Comesaña, Celso Fernández, María Fernández, Gloria Fiestras, Fernando Manzanedo, Ana Mª Mejías, Francisco Rodríguez, Cristina Trillo, Begoña Urgal e Rafael Verdugo. Explica Pardo que decidiu presentarse empuxado polo “apoio de compañeiros e o alento e compromiso de todo o equipo co que veño traballando nos últimos anos” e engade que, lonxe de cansárense, “foi unha motivación para seguir con novos proxectos e novas ideas que nos gustaría poñer en práctica”. Destaca como principal éxito dos dous mandatos anteriores a creación da actual escola, “un fito histórico” nun período de moitos desafíos que “nos fixo sentir paixón por defender o prestixio de Enxeñaría Industrial”.

Respecto ao seu programa electoral, a aposta clara de Juan E. Pardo é a continuidade, “por coherencia e por convencemento de todo o equipo”. Neste sentido, explica que, de resultar elixido, seguirá apostado por un compromiso coa calidade na docencia, a difusión e posta en valor da actividade da escola, o fortalecemento dos vínculos coa industria, a modernización das instalacións e a apertura internacional do centro. Propoñen abrir un “un novo período para traballar na proxección institucional da EEI cun talante construtivo e dialogante que contribúa ao impulso da nosa Universidade”.

A proposta de José Carlos Prado

O catedrático José Carlos Prado forma parte tamén do Departamento de Organización de Empresas e Márketing e é o investigador principal do Grupo de Investigación de Organización, GIO. O equipo co que concorre ás eleccións está composto por Estrella Álvarez, Joaquín Collazo, Marcos Conde, Mª Emma Delgado, Inmaculada Fenollera, José Luis González Cespón, Alfonso Lago, Mª Consuelo Pérez, Francisco Javier Sánchez, Ricardo Vidal e Daniel Villanueva. Destaca Prado que se trata dunha candidatura “representativa”, xa inclúe docentes de 11 áreas de coñecemento da escola. Explica que tras o proceso de fusión das dúas escolas de enxeñaría, “unha época delicada” que tivo como resultado a creación da EEI, “é hora de dar un novo pulo ao centro, de abrilo máis ao exterior, de ser máis transparentes e fomentar a participación nos procesos internos”. Eses son os piares da súa proposta electoral, “que a escola recupere o seu peso, que volva ser referente na Universidade e na sociedade”. Considera que a EEI perdeu “forza e protagonismo” e “a ilusión coa que nos presentamos é que volvamos ser o buque insignia desta Universidade”.

As liñas estratéxicas do seu programa fan fincapé en apuntalar a docencia como piar fundamental; o profesorado como activo estratéxico; o alumnado actual e os egresados como imaxe da escola e o persoal de administración e servizos como símbolo de funcionalidade e eficiencia. Ademais, o equipo de Prado aposta por “promover a transparencia, a coordinación e a innovación; potenciar as infraestruturas e o equipamento; impulsar a internacionalización; fomentar a investigación e a transferencia vinculada coas empresas e institucións; fortalecer a relación coa contorna académica e visibilizar a escola como eixo do coñecemento para a sociedade”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós