DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 28 de xuño do 2017

No Día Mundial do Medio Ambiente, como actividade piloto, elmináronse 290 kg de herba do Himalaia

A OMA estreará o vindeiro curso un programa de voluntariado pioneiro para erradicar as especies invasoras no campus

En colaboración co laboratorio de Ecofisioloxía Vexetal, a Unidade de Xardinería e Delegación de Alumnos de Bioloxía


ImageO vindeiro curso a OMA inaugurará un innovador programa de voluntariado no campus de Vigo que unirá estudantes de todos os ámbitos para que realicen tarefas de control e erradicación das especies invasoras das zonas verdes lindeiras ás escolas e facultades viguesas. O obxectivo desta iniciativa é contar coa participación de persoas de toda a comunidade universitaria para formar un equipo multidisciplinar que aprenda sobre a contorna do campus, sume experiencia e conforme un grupo que axude a identificar e erradicar as especies alóctonas que ameazana a biodiversidade da contorna.

Duvi | Vigo
O vindeiro curso a OMA inaugurará un innovador programa de voluntariado no campus de Vigo que unirá estudantes de todos os ámbitos para que realicen tarefas de control e erradicación das especies invasoras das zonas verdes lindeiras ás escolas e facultades viguesas. O obxectivo desta iniciativa é contar coa participación de persoas de toda a comunidade universitaria para formar un equipo multidisciplinar que aprenda sobre a contorna do campus, sume experiencia e conforme un grupo que axude a identificar e erradicar as especies alóctonas que ameazana a biodiversidade da contorna.

A proposta está sendo deseñada pola Oficina de Medio Ambiente (OMA) en colaboración co laboratorio de Ecofisioloxía Vexetal, a Unidade de Xardinería, a Delegación de Alumnos de Bioloxía ‘Lynn Margulis’ e diferentes departamentos das facultades do eido das ciencias experimentais da Universidade. As metas que perseguen os organizadores son “sensibilizar á comunidade universitaria, estender redes desde os distintos órganos da Universidade para traballar xuntos por un mesmo fin e erradicar o problema do campus coas especies invasoras”, sinala Cristina Míguez, unha das coordinadoras do proxecto da OMA.

O programa de voluntariado, divido en dúas partes, contará cun primeiro módulo formativo no que se impartirán unha serie de coñecementos técnicos e teóricos que abordarán temas como as plantas invasoras, os métodos de erradicación e control, os mecanismos para minimizar os danos que causan estas especies ás autóctonas e os procedementos para acabar con este problema no campus. No segundo módulo, de carácter práctico, os voluntarios e voluntarias participarán en tarefas de control e erradicación e realizarán o seguimento das especies invasoras da contorna universitaria.

As invasoras do campus e o seu impacto

A presenza destas especies alóctonas representa un risco de transformación dos ecosistemas propios, xa que aumenta a competencia entre especies para conseguir os recursos tróficos e o espazo e ademais alteran a estrutura das comunidades tróficas que deberán tratar de adaptarse ás novas especies. Isto favorece o cambio no medio físico e modifica o hábitat no que se hospedan as invasoras. Por outra banda, a expansión das especies invasoras tamén acaba producindo danos socioecómicos considerables, polo que dende a OMA consideran “fundamental a participación de voluntarios nas tarefas de control e erradicación de EEI no campus”. Entre as plantas foráneas presentes no campus vigués destacan, igual que en outros moitos lugares de Galicia, a mimosa (Acacia dealbata), a acacia negra (Acacia melanoxylon), a acacia prteada (Acacia retinodes), a falsa acacia (Robina Pseudoacacia), a cortadera (Cortaderia selloana), a herba do asno (Oenothera glazioviana), a margarita africana (Arctotheca calendula), a caña (Arundo donax) ou a herba do Himalaya (Persicaria capitata).

290 kg menos de invasoras pola erradicación do Día Mundial do Medio Ambiente

Para festexar o Día Mundial do Medio Ambiente a comezos deste mes de xuño e como actividade piloto do programa de voluntariado, a OMA celebrou no campus unha xornada de erradicación da especie vexetal invasora Persicaria capitata, tamén coñecida como herba do Himalaia ou ‘nudosilla’. Esta xornada, na que participaron quince persoas, consistiu na poda manual duns 290 quilos de herba do Himalaia na contorna da Escola da Enxeñaría de Telecomunicación. Ademais, nalgunhas zonas cubríronse os brotes desta especie cun plástico para estudar o mellor xeito de eliminar definitivamente esta invasora do campus.

A Persicaria capitata é unha especie vexetal perenne propia do norte de India, China e Indochina que ten carácter invasor. “Esta planta tróuxose xa hai moitos anos, nun principio cunha finalidade ornamental, para poñer nas xardineiras, pero rapidamente se estendeu sen control”, explica Cristina Míguez. A pesar de que a súa eliminación, mediante a poda, é sinxela, esta especie ten unha alta capacidade de expansión e diseminación favorecida pola súa resistencia climatolóxica, xa que se propaga por solos tanto secos coma húmidos e soporta diferentes temperaturas. Isto, apuntan desde a OMA, pon en perigo a vexetación autóctona próxima ao seu núcleo de crecemento porque medra de xeito descontrolado e reduce as súas poboacións. A coordinadora, Cristina Míguez, sinala a necesidade de “manter esta planta baixo control, xa que así pode empregarse como especie educativa”.

Inscrición

As persoas interesadas en formar parte deste programa de voluntariado poden inscribirse a través da páxina da OMA. As e os participantes contarán cun horario flexible en función das actividades establecidas que será contabilizado pola persoa responsable de cada grupo de traballo. O alumnado poderá validar 1 crédito ECTS cada 30 horas de traballo dedicadas ás tarefas do programa.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós