DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 23 de xuño do 2017

Celébrase dende hoxe venres 23 ata este domingo 25 de xuño na cidade francesa de Lille

Adrián Pérez disputa co equipo español o Campionato de Europa de Atletismo de Seleccións

O estudante da Universidade disputa a proba de remudas 4x100 metros lisos


ImageAdrián Pérez, estudante do Grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, participa coa Selección española esta fin de semana no Campionato de Europa de Atletismo de Seleccións, que se celebra na cidade francesa de Lille. Pérez, despois de ser a gran sorpresa no Campionato de España Universitario impoñéndose a velocistas de fama estatal e gañando o ouro nos 100 metros lisos, foi seleccionado para esta gran cita do deporte europeo. Porén, esta non é a súa primeira participación internacional, xa que no ano 2013 disputou, acadando un sétimo posto, a proba de remudas 4x100 metros lisos no Campionato de Europa Júnior, a mesma proba na que participa neste campionato.

Inés Tornero | Vigo
Adrián Pérez, estudante do Grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, participa coa Selección española esta fin de semana no Campionato de Europa de Atletismo de Seleccións, que se celebra na cidade francesa de Lille. Pérez, despois de ser a gran sorpresa no Campionato de España Universitario impoñéndose a velocistas de fama estatal e gañando o ouro nos 100 metros lisos, foi seleccionado para esta gran cita do deporte europeo. Porén, esta non é a súa primeira participación internacional, xa que no ano 2013 disputou, acadando un sétimo posto, a proba de remudas 4x100 metros lisos no Campionato de Europa Júnior, a mesma proba na que participa neste campionato.

Esta competición é a máxima cita por equipos deste deporte e nela coróase ás mellores seleccións do continente europeo. A principal novidade desta edición do Campionato é que o programa de competición se celebrará en tres días con probas o venres para participantes en probas de velocidade e valos. Nesta ocasión o obxectivo de Adrián Pérez é realizar unha boa actuación na súa posta de remudas para sumar o máximo número de puntos posibles para España, todo isto “cun equipo de remudas con marcas individuais discretas, a excepción dun dos integrantes, ademais de que tres de nós temos pouca experiencia”, explica o atleta. Este é o motivo polo que o equipo español está concentrado na Residencia Joaquín Blume de Madrid.

Mellorar a sétima praza alcanzada na edición de Estocolmo 2011 e manterse entre as grandes potencias do atletismo europeo son os grandes obxectivos do equipo nacional, para os que a expedición española contará cos xefes de equipo Enrique López e Carlota Castrejana, xunto co director técnico Ramón Cid, e o grupo de adestradores, persoal médico e fisioterapeutas. Para isto, o equipo está a preparase na Residencia Joaquín Blume de Madrid, na que, como explica Pérez, “pola mañá realizamos o noso adestramento individual, aínda que con algunhas modificacións, xa que pola tarde preparamos e ensaiamos as postas das remudas, así como os aspectos técnicos máis relevantes”.

Unha tempada chea de altos e baixos

Para Adrián Pérez a tempada empezou cunha lesión debida ás nefastas condicións da pista na que se realizou unha competición, polo que o seu único obxectivo era chegar en forma ao Campionato de España Absoluto en pista ao aire libre e pelexar por repetir ou mellorar o sexto posto acadado o pasado ano polo atleta. Aínda que “o incrible estado de forma no que me atopaba foi toda unha sorpresa e foi o que fixo que gañara o Campionato de España Universitario, ademais das sucesivas boas actuacións na liga co meu club”, explica Pérez, ao que engade que “nunha destas competicións conseguín mellorar a miña marca persoal, o que me levou á Supercopa de Europa e a conseguir a miña primeira internacionalidade absoluta”. O atleta explica que, dado o mal inicio da tempada, “nunca pensei algo así para esta tempada e ao final resultou ser moito mellor do que planeara co meu adestrador” e, ademais, afirma que a súa participación neste campionato despois dos logros acadados durante o ano “é un soño feito realidade”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós