DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 21 de xuño do 2017

Gañaron tres alumnas de centros de Rianxo, Vigo e Tui

A Universidade premia os mellores traballos de lingua e literatura galega feitos nos institutos

A iniciativa está impulsada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina, a ANL e Edicións Xerais


ImageLanzáronse a comezos de ano para pór en valor o traballo feito nos institutos en lingua e literatura galega e xa están a dar os seus primeiros froitos: un traballo sobre a onomástica de Rianxo e dous relatos curtos cos que amosar os primeiros xermolos dunha creatividade que comeza a agromar. A Universidade de Vigo entregou este mércores o I Premio de investigación lingüística e etnográfica sobre lingua e culturas galegas Marcosende a Fátima Ordóñez, de Rianxo, e o I Premio de Creación Literaria Galega Cumieira das Cantigas 2017 a Laura Isasi, de Vigo (1º premio) e a Andrea Taboada, de Tui (2ºpremio).

D. Besadío | Vigo
Lanzáronse a comezos de ano para pór en valor o traballo feito nos institutos en lingua e literatura galega e xa están a dar os seus primeiros froitos: un traballo sobre a onomástica de Rianxo e dous relatos curtos cos que amosar os primeiros xermolos dunha creatividade que comeza a agromar. A Universidade de Vigo entregou este mércores o I Premio de investigación lingüística e etnográfica sobre lingua e culturas galegas Marcosende a Fátima Ordóñez, do IES Muriel de Rianxo, e o I Premio de Creación Literaria Galega Cumieira das Cantigas 2017 a Laura Isasi, do Colexio Rosalía de Castro de Vigo (1º premio) e a Andrea Taboada do IES Indalecio Tizón de Tui (2ºpremio).

O acto de entrega tivo lugar no despacho do reitor, Salustiano Mato, a onde acudiron acompañadas das súas familias e onde escoitaron palabras de agradecemento e tamén numerosos parabéns dos principais responsables dunha iniciativa que xurdiu do Departamento de Filoloxía Galega, en parzaría coa Área de Normalización Lingüística e Edicións Xerais de Galicia. “Para nós e un pracer tervos aquí e non teño máis que darvos os nosos parabéns polos vosos traballos e animarvos a que sigades adiante con esa inquedanza pola investigación e a escritura en lingua galega”, subliñoulles o reitor, que entregou os diplomas acreditativos acompañado por Xose Henrique Costas, director do departamento e presidente do xurado dos premios; Fran Alonso, subdirector de Edicións Xerais e Paulo Cabral, director da ANL:

Dirixidos ao alumnado de cuarto curso de ensino secundario e bacharelato dos centros de ensino de Galicia e das comarcas exteriores con variantes do galego, recibíronse aínda poucas colaboracións, pouco máis dunha vintena de traballos, pero a idea é seguir adiante cunha iniciativa que xurde para pór en valor o traballo do alumnado preuniversitario. “Somos conscientes de que nos institutos hai alumnas e alumnos que fan moi bos traballos e que, a maior parte das veces, quedan no caixón, e a nós parecíanos moi interesantes facer algo que axude a que ese labor saia á luz pública, xa que na actualidade os premios de investigación para investigadores mozos practicamente desapareceron”, explicou Costas, ao que engadiu que este “é o noso particular xeito de darlles un recoñecemento a estas alumnas e animalas a que sigan por ese camiño”.

De Tui a Rianxo pasando por Vigo

Con respecto ao traballo sobre a onomástica de Rianxo, gañador da categoría de investigación lingüística e etnográfica, o xurado destacou a súa elevada calidade e a rigorosidade da metodoloxía empregada. “Estivemos todo o curso investigando este tema e o certo é que canto máis coñecía máis me gustaba”, explicou Ordóñez, quen, tras coñecer as notas da Abau, admitiu “estou tremendamente contenta porque me permiten matricularme en Medicina que era o que quería”.

No referido aos traballos de creación, Costas gabou a elevada calidade dos dous traballos gañadores. “Ambos están moi ben escritos, con intención e neles vese dúas autoras con moito potencial, polo que a nosa intención co lanzamento destes premios é axudar a que ese potencial siga adiante”, recalcou Costas. “O meu relato ten a contaminación como temática central e nel conta a historia dunha moza disposta a viaxar a Marte e salvar o mundo”, explicou Laura Isasi, alumna de cuarto da ESO. “No meu caso intentei innovar un pouco combinando a estrutura da traxedia grega con lendas tradicionais da zona de Forcarei, de onde é o meu pai”, explicou Andrea Taboada, gañadora do 2º premio, quen o ano que ven se incorporará as aulas universitarias viguesas para estudar Tradución e Interpretación.

Pensando xa en próximas edicións

Entre os aspectos a mellorar de cara a próximas edicións, o director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina apuntou a necesidade de flexibilizar as bases de ambos concursos para eximir ao alumnado de fóra de Galicia de presentar os traballos en galego estándar. “Este ano chegáronnos varias preguntas de persoas da Galicia exterior, en concreto de Valverde O Fresno en Estremadura interesadas en participar pero a obrigatoriedade de facelo en galego da Real Academia Galega impediulles participar”, apuntou Costas, ao tempo que explicou que de cara a facilitar a participación deste tipo de alumnado se está a barallar a posibilidade de que o alumnado que non cursa de xeito obrigatorio lingua galega poida presentar os traballos nas súas respectivas variantes.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós