DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 03 de xullo do 2017

A utilización dun cilindro de espuma permite reducir os seus niveis de lactato en sangue tras un rescate

O grupos Remoss demostra a efectividade dun novo método de recuperación de socorristas

O estudo foi publicado no American Journal of Emergency Medicine


ImageO foam roller é un cilindro de espuma empregado como método de liberación miofascial na recuperación muscular de deportistas de diferentes disciplinas, pero pode ser tamén unha alternativa rápida e eficaz para a recuperación de socorristas da fatiga que supón un rescate acuático. Así o puido constatar o grupo de investigación Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que comprobou os seus efectos na redución do ácido láctico en sangue, un marcador de fatiga fisiolóxica, trala aplicación dun protocolo de exercicios de 20 minutos, que pode levarse a cabo sen perder de vista o que acontece no mar.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
O foam roller é un cilindro de espuma empregado como método de liberación miofascial na recuperación muscular de deportistas de diferentes disciplinas, pero pode ser tamén unha alternativa rápida e eficaz para a recuperación de socorristas da fatiga que supón un rescate acuático. Así o puido constatar o grupo de investigación Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que comprobou os seus efectos na redución do ácido láctico en sangue, un marcador de fatiga fisiolóxica, trala aplicación dun protocolo de exercicios de 20 minutos, que pode levarse a cabo sen perder de vista o que acontece no mar e empregando un equipamento“moi accesible”, como salienta o investigador principal do grupo, Roberto Barcala.

Os resultados deste estudo, no que participaron tamén Alexandra Pérez, Alexis Padrón, Antón Kalén, Andrés Ríos, e Maria Fernández, xunto aos investigadores Cristian Abelairas, da Universidade de Santiago de Compostela, e José Antonio Prieto, da Universidad de Oviedo, veñen de ser publicados no American Journal of Emergency Medicine, unha revista especializada no ámbito das emerxencias extrahospitalarias. “Trátase do primeiro artigo sobre recuperación de socorristas no medio natural e o primeiro que demostra que o foam roller consegue baixar o ácido láctico”, salienta Barcala da publicación na que dan conta dos resultados dun estudo levado a cabo no mes de abril cun grupo de socorristas.

Máis eficaz e máis seguro que botar a correr

“O foam roller é unha técnica de automasaxe habitualmente utilizada en deportes colectivos”, relata Padrón, que se atopaba precisamente estudando os efectos neste eido dun cilindro sobre o que o deportista debe rodar para realizar esa liberación miofascial, o que motivou que o grupo decidise analizar tamén os seus posibles usos no campo do salvamento e o socorrismo. “A vantaxe deste grupo é que é moi interdisciplinar”, salienta Barcala da idea que lles levou a comparar cun grupo de socorristas as variacións nos niveis de lactato en sangue trala realización de tres métodos de recuperación posteriores á simulación dun rescate.

Como explica Barcala, un rescate acuático é unha actividade física “moi esixente” que pode xerar unha media de entre 10 e 12 milimoles de ácido láctico por litro de sangue. “Cando o exercicio é moi intenso, non es capaz de eliminalo o lactado do sangue dun xeito rápido, e isto fai que se che adifique o corpo, co que a contración muscular non é tan boa”, explica o coordinador do grupo Remoss, que incide na importancia de que os e as socorristas poidan recuperarse o mellor posible tras un rescate para, no caso de que se producise outro incidente na auga pouco despois, puidesen intervir de novo nas mellores condicións. “Isto é bo para o socorrista porque vai a estar máis seguro, pero tamén para a vítima porque unha mellor recuperación normalmente tradúcese nunha mellor técnica e nun menor tempo de rescate”, destaca.

No estudo medíronse os niveis nos que se atopaba este marcador antes e despois da simulación do rescate, así como nunha terceira ocasión, trala realización de tres métodos de recuperación: un pasivo, consistente en permanecer sentado, e dous activos, correr pola praia e realizar o protocolo proposto co foam roller. Os resultados, como explica Fernández, amosan a este último como o que logra a maior porcentaxe de diminución do ácido láctico, que se situou en todos os casos en preto de 10 milimoles tralo rescate, para descender un 55%, ata os 4,4, tralos exercicios co foam roller, un 51,5% despois de correr tralo rescate, e só nun 30% no caso de non levar a cabo ningún método de recuperación.

“No protocolo que utilizamos collemos cinco grupos musculares dos membros inferiores”, dado que cando volven coa vítima os e as socorristas só poden empregar as súas pernas para desprazarse “e é cando máis tempo están nadando”, explica Fernández. A aplicación deste método, engade Padrón, pasaría por dúas series de exercicios dun minuto de duración en cada grupo e en cada perna, “un protocolo moi sinxelo que ademais permíteche estar pendente do mar por se sucede calquera tipo de incidente”, o que non sería posible con outros métodos de “recuperación activa, como correr, andar en bicicleta ou nadar”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós