DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 04 de xullo do 2017

Co obxectivo de fomentar a transferencia no marco do Campus CREA S2i

A comunidade investigadora do campus reúnese esta semana cunha vintena de empresas e asociacións

Os encontros arrancaron esta mañá na Casa das Campas coa presenza do vicerreitor Juan Manuel Corbacho


Image“Dar a coñecer ás empresas o traballo que fan as investigadoras e investigadores do campus para poder crear posibles sinerxías e fomentar a transferencia no campus de Pontevedra”. Así describe o vicerreitor Juan Manuel Corbacho o principal obxectivo co que esta mañá arrancaron na Casa das Campás unha serie de catro talleres nos que a comunidade investigadora do Campus CREA S2i exporá ante unha vintena de empresas e asociacións de diferentes sectores os seus principais eixes de traballo, ao tempo que tentará pórse ao día das súas principais demandas e necesidades.

Duvi | Vigo
“Dar a coñecer ás empresas o traballo que fan as investigadoras e investigadores do campus para poder crear posibles sinerxías e fomentar a transferencia no campus de Pontevedra”. Así describe o vicerreitor Juan Manuel Corbacho o principal obxectivo co que esta mañá arrancaron na Casa das Campás unha serie de catro talleres nos que a comunidade investigadora do Campus CREA S2i exporá ante unha vintena de empresas e asociacións de diferentes sectores os seus principais eixes de traballo, ao tempo que tentará pórse ao día das súas principais demandas e necesidades.

Arte, comunicación e creatividade

Divididos en catro grupos, coincidindo coas catro grandes áreas do Campus CREA, os encontros botaron a andar co taller de Arte, Comunicación e Creatividade e nel contouse coa participación da profesora Anna Amorós, en representación do Grupo de Comunicación Audiovisual e Publicidade (X14); Lola Dopico, directora de Esdemga e investigadora do grupo de Deseño e Cultura Dixital (DX7) e Ignacio Barcia, do Departamento de Escultura (H07) que tiveron a oportunidade de intercambiar opinións cos representantes da Asociación Cultural Urbana Taller Abierto, o Clúster do Audiovisual Galego, a editora Kalandraka e o estudo de deseño e comunicación Innovación Ágil.

Tras un pequeno acto de benvida, no que participou o vicerreitor, os talleres comezaron cunha pequena presentación das liñas de investigación e dos servizos que poden prestar cada un dos grupos de investigación para, a continuación, escoitar as necesidades e intereses de colaboración cos representantes das empresas participantes. Feitas as presentacións, o programa de cada un dos obradoiros inclúen o que denominan unha sesión de speed-dating entre as e os investigadores e os representantes empresariais. “Eliximos este formato porque é moi áxil e innovador e facilita que todos falen con todos”, subliña o vicerreitor, que explica que se ben desde a vicerreitoría se teñen organizado diferentes actividades de emprendemento e formación con e para persoas emprendedoras, esta é a primeira vez que se lanza este tipo de encontro directo entre a comunidade investigadoras e as empresas.

Deporte, saúde e benestar

Tras este primeiro taller, a actividade continuará pola tarde co obradoiro dedicado á colaboración externa no ámbito do Deporte, a Saúde e o Benestar e nel participarán as investigadoras da Facultade de Fisioterapia Iria da Cuña, Mercedes Soto, Eva Lantarón e Yoana González; Lourdes Maceiras, do grupo de investigación de Medicina e Saúde Pública (MP1) e Ana Rey, do Departamento de Didácticas especiales (X05), que terán a oportunidade de intercambiar impresións con representantes da Asociación Juan XXIII, a Asociación de Jóvenes Empresarios, o centro de maiores Saraiva e a firma Atendo Calidade de servizos de axuda integral ás persoas maiores.

Os talleres continúan mañá mércores

Os encontros continuarán mañá mércores con dous novos talleres, un pola mañá, centrado no ámbito da Educación, a Innovación social e a Xestión pública, e outro pola tarde sobre Medio ambiente e natureza. No primeiro participarán as investigadoras do Departamento de Didácticas Especiais Mari Lires e Mª Asunción Lorenzo; Rosa Ricoy de Xestión Publica e, de novo, Ana Rey que intercambiarán opinións con persoal das firmas Neenos Pontevedra, Netex Innovative Learning Technologies, CreAppCuentos e Aldeas Infantís de Galicia.

No caso do obradoiro de Medio ambiente e natureza sumarase ás profesoras Mari Lires e María Asunción Lorenzo a profesora do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, Julia Armesto. Por parte do sector empresarial participarán Buo Estudio, do sector da arquitectura e o paisaxismo; Aeromedia, especializada en drones; o Instituto de Estudos do Territorio e a comunidade de montes de Salcedo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós