DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 06 de xullo do 2017

Organizada polo Campus CREA S2i e pola Cátedra Jean Monnet Understanding the EU in the 21st Century

Unha xornada chea de exemplos de boas prácticas na cooperación entre a Universidade e as empresas

O tecido empresarial coñeceu as canles de financiamento dispoñibles a través do programa Erasmus+


ImageOfrecer unha panorámica das posibilidades de cooperación entre a Universidade e o tecido empresarial e das canles de financiamento dispoñibles a través de Erasmus+ para o período 2014-2020 é o principal obxectivo da xornada de Cooperación Universidade-Empresa, organizada pola cátedra Jean Monnet Understanding the EU in the 21st Century xunto co Campus CREA S2i e celebrada hoxe xoves 6 de xullo na Casa das Campás. “Esta iniciativa está dirixida ás empresas, xa que queremos chamar a súa atención sobre as oportunidades, financeiras e de mobilidade, que ofrece o programa Erasmus+”, explica Celso Cancela, coordinador da cátedra e profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía.

Inés Tornero | Vigo
Ofrecer unha panorámica das posibilidades de cooperación entre a Universidade e o tecido empresarial e das canles de financiamento dispoñibles a través de Erasmus+ para o período 2014-2020 é o principal obxectivo da xornada de Cooperación Universidade-Empresa, organizada pola cátedra Jean Monnet Understanding the EU in the 21st Century xunto co Campus CREA S2i e celebrada hoxe xoves 6 de xullo na Casa das Campás. “Esta iniciativa está dirixida ás empresas, xa que queremos chamar a súa atención sobre as oportunidades, financeiras e de mobilidade, que ofrece o programa Erasmus+”, explica Celso Cancela, coordinador da cátedra e profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía.

Este ano celébrase o trixésimo aniversario do programa europeo, grazas ao que desde os seus inicios no ano 1987 se incrementou a apertura de fronteiras en Europa e permitiu a máis de nove millóns de estudantes europeos beneficiarse dunha bolsa de mobilidade internacional. Actualmente, o programa Erasmus+ céntrase en impulsar as perspectivas laborais e o desenvolvemento persoal das e dos estudantes, ademais de auxiliar aos diferentes sistemas de educación, formación e mocidade na promoción dun ensino e dunha aprendizaxe para fornecer ás persoas coas capacidades necesarias para o mercado laboral e a sociedade actual e futura. Así mesmo, pretende contribuír á inserción laboral das mozas e mozos e aumentar a súa empregabilidade a través da mellora das súas habilidades e da adquisición de experiencia laboral. Porén, esta iniciativa europea traballa tamén para incentivar a cooperación entre a universidade e a empresa reforzando tanto o potencial empresarial como a súa capacidade de resposta fronte ás novas necesidades xurdidas no ámbito laboral. Precisamente neste último aspecto é no que centra a xornada desenvolvida hoxe na Casa das Campás.

Un programa que aborda varios casos concretos

Centrada nos campos da educación, a formación, a mocidade e o deporte, a xornada abriuse cunha introdución á cooperación entre a Universidade e a empresa no marco do programa Erasmus+ por parte de Cancela. Trala súa intervención, a técnico superior de Relacións Internacionais da Universidade, Eva Garea, ofreceu un relatorio sobre o financiamento dispoñible e as accións específicas de cooperación enmarcadas dentro da acción clave KA2, que á súa vez forma parte do programa e Erasmus+ e que pretende desenvolver, transferir e fomentar iniciativas conxuntas innovadoras a nivel institucional, local, rexional e europeo.

A xornada pechouse coa presentación dunha serie de exemplos de boas prácticas desenvolvidos desde a Universidade de Vigo. Concretamente, o profesor Anxo Sánchez Bermúdez do departamento de Enxeñaría Química abordou os proxectos Edulink Heems e Tempus Momate, que pretenden incrementar os vínculos entre as universidades europeas e as de países africanos e do Caribe a partir do desenvolvemento de proxectos de agricultura e enerxía que axuden a reducir a pobreza, reforzando e mellorando a cualificación do persoal académico destes países. Posteriormente, Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus e profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, explicou o proxecto CIAKL (Cinema and Industry Alliance for Knowledge and Learning), que pretende definir, en contacto coa industria, novas competencias necesarias nos estudantes de Comunicación Audiovisual e crear contidos didácticos comúns.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós