DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 11 de xullo do 2017

O director xerente de Coplant Galicia afondou no campus nos chamados ERP

Sobre as vantaxes de facer 'a medida' un sistema de planificación de recursos empresariais

Investigadores do grupo Lia2 colaboraron no deseño do modelo que ten esta empresa de plantas ornamentais


ImageDesde arredor do ano 2010, investigadores do Laboratorio de Informática Aplicada Lia2, con sede na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do campus de Ourense, veñen desenvolvendo diferentes proxectos con Coplant, a segunda maior empresa estatal en comercialización de planta ornamental viva. Froito deste traballo conxunto a entidade conta na actualidade cun sistema tecnolóxico de xestión da información que lle permite dar resposta ás súas necesidades internas e externas. Para falar deste proceso e dar a visión dun CEO sobre a implantación dun ERP, un sistema de planificación de recursos empresariais, este martes estaba previsto que se achegase ao campus Emilio Estévez.

Rosa Tedín | Ourense
Desde arredor do ano 2010, investigadores do Laboratorio de Informática Aplicada Lia2, con sede na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do campus de Ourense, veñen desenvolvendo diferentes proxectos con Coplant, a segunda maior empresa estatal en comercialización de planta ornamental viva. Froito deste traballo conxunto a entidade conta na actualidade cun sistema tecnolóxico de xestión da información que lle permite dar resposta ás súas necesidades internas e externas. Para falar deste proceso e dar a visión dun CEO sobre a implantación dun ERP, un sistema de planificación de recursos empresariais, este martes achegouse ao campus de Ourense Emilio Estévez, director xerente de Coplant Galicia.

Segundo explica Francisco Javier Rodríguez, un dos investigadores que participa nos proxectos con Coplant e director tamén da Escola Superior de Enxeñaría Informática que organizou a conferencia, a relación con esta empresa ten sido “moi frutífera”. A colaboración con ela, apunta, naceu a través dun proxecto de “intelixencia de negocios” no que se evidenciou “como a empresa necesitaba mellorar toda a súa parte de tecnoloxía”. O seguinte paso, sinala, foi, cun equipo máis amplo, “detectar as necesidades que tiña de ferramentas tecnolóxicas tendo en conta as súas características” e deseñar un sistema integrado, “subindo de nivel tecnolóxico á empresa”. Froito da experiencia adquirida, indica Rodríguez Martínez, investigadores do grupo que participaron no proxecto crearon unha empresa tecnolóxica para ofrecer este e outros servizos tecnolóxicos.

Integración de tres sistemas

“Para nós a colaboración foi moi positiva”, valora pola súa banda Emilio Estévez. O director xerente da empresa Coplant Galicia explica como ao longo dos proxectos levados a cabo co grupo Lia2, nos que tamén colaborou Gonzalo Barrio, de Feuga, traballaron a integración da información e a tecnoloxía. Para dar conta da complexidade deste reto na súa entidade, o seu responsable lembra como teñen na actualidade unha facturación anual superior aos seis millóns de euros e xeran emprego director a arredor de 150 persoas, sendo o primeiro empregador do Concello de Tomiño, onde ten a súa sede. Aínda que na actualidade contan con catro viveiros propios, Coplant comercializa, tanto no estado como no principais mercados europeos, como Francia, Reino Unido, Alemaña, Holanda, Bélxica, Portugal, Italia e Dinamarca, plantas de arredor de 40 viveiros externos. “A primeira tentación, o máis fácil, era comprar un programa de ERP, pero quixemos facer algo mellor atendendo ás nosas necesidades e retos e por iso acudimos aos enxeñeiros informáticos”, explica este enxeñeiro industrial, titulado pola Universidade de Vigo.

O obxectivo nos proxectos desenvolvidos entre os membros de Coplant Galicia e os investigadores do campus foi a integración por unha banda do sistema dos produtores, por outra do sistema de comercializadores e por outra o da propia empresa, de xeito que os tres estiveran integrados nun único sistema. “Hai unha sinerxía tremenda entre todos”, recalca o directivo. Deste xeito, detalla, se un cultivador dá de alta unha planta no sistema esta xa se pode comercializar en calquera dos seus puntos. Ademais, explica, na implementación deste deseño de xestión da información e recursos tamén se tivo en conta a páxina web da entidade e a venta a través dela. Foi, resume Emilio Estévez, “un traballo que fixemos con paciencia e cariño” e do que se amosa satisfeito cos resultados, continuando na actualidade a súa colaboración co grupo Lia2 da Universidade de Vigo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós