DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 12 de xullo do 2017

No VII Foro Internacional de Innovación Universitaria que se celebra en Vigo ata o venres

Profesionais do ámbito universitario reflexionan sobre a transformación das institucións académicas na sociedade dixital

Preto de 200 persoas procedentes de América, Asia e Europa reúnense na sede de AFundación


Image Desde hoxe e ata o venres 180 persoas procedentes de varios países de Europa, América e Asia participarán no VII Foro Internacional de Innovación Universitaria que se celebra na sede de AFundación en Vigo. Baixo o lema Tendencias actuais das transformacións das universidades nunha nova sociedade dixital, as sesións, organizadas xunto ao foro polas tres universidades galegas, abordarán durante tres días, “os temas máis sobranceiros que atinxen á universidade, especialmente aqueles que teñen que ver coa transformación dixital, cos novos xeitos de entender a docencia centrada na aprendizaxe autónoma do alumnado e coa xestión das institucións, así como a responsabilidade social nun mundo cambiante”, dixo na inauguración o director da Área de Calidade da Universidade de Vigo e membro do comité organizador, Xosé María Gómez Clemente.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Desde hoxe e ata o venres 180 persoas procedentes de varios países de Europa, América e Asia participarán no VII Foro Internacional de Innovación Universitaria que se celebra na sede de AFundación en Vigo. Baixo o lema Tendencias actuais das transformacións das universidades nunha nova sociedade dixital, as sesións, organizadas xunto ao foro polas tres universidades galegas, abordarán durante tres días, “os temas máis sobranceiros que atinxen á universidade, especialmente aqueles que teñen que ver coa transformación dixital, cos novos xeitos de entender a docencia centrada na aprendizaxe autónoma do alumnado e coa xestión das institucións, así como a responsabilidade social nun mundo cambiante”, dixo na inauguración o director da Área de Calidade da Universidade de Vigo e membro do comité organizador, Xosé María Gómez Clemente.

Tras pasar por Chile, México, Euskadi, Costa Rica, Colombia e Paraguai o foro regresa a España na súa sétima edición para centrarse “na transformación que o impacto das tecnoloxías está a producir en todos os ámbitos da sociedade”, explicou Aurelio Villa, presidente do Foro. Villa agradeceu a predisposición das institucións académicas galegas a participar neste encontro no que as e os participantes reflexionarán sobre os cambios que se están a producir, ao tempo que avanzarán nas novas tendencias do desenvolvemento do ámbito universitario e o seu impacto no ámbito do coñecemento e das relacións sociais. Noa inauguración do Foro, no que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animaron ás e aos asistentes a gozar da súa estadía na cidade de Vigo, a secretaria xeral da Universidade, Gloria Pena, reivindicou o fomento do espírito crítico e apuntou os que considera tres grandes retos que enfrontan as institucións académicas: “acadar o equilibro entre a estabilidade que precisa o coñecemento nunha sociedade tan cambiante como a actual; estender a innovación tecnolóxica sen esquecer que o maior recurso son as persoas e sobrevivir nun mundo global no que cada universidade debe diferenciarse das outras ao tempo que traballan conxuntamente”. Pola súa banda, o asesor de Internacionalización da USC, Hector Rodríguez, e a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez, gabaron a celebración dun congreso que permitirá ás e aos asistentes poñerse ao día en cuestións como os novos materiais, enfoques e técnicas, ao tempo que se referiron á innovación como “o motor da transformación que debe estar incluída na estratexias das institucións”.

Catros eixos e catro obxectivos para abordar durante tres días

Co relatorio inaugural a cargo do reitor do Tecnológico de Monterrey, David Garza, titulado Reinventando la Universidad. Administración del cambio y cultura de innovación, comezaba este mediodía o Foro. A conferencia de Garza inseriuse no eixo Xestión para a innovación, unha das catro liñas temáticas nas que se articulan as xornadas e que se completan con Deseño curricular e pedagóxico; Innovación e responsabilidade social e Tecnoloxías aplicadas á educación. “O deseño curricular e pedagóxico estase a facer nas universidades de xeito lento, case paquidérmico e a sociedade esixe cambios máis rápidos e profundos” asegurou Villa na súa intervención inaugural e citou o caso das clases maxistrais, asegurando que “costa soltar o lastre das clases maxistrais, que aínda que necesarias, teñen a súa xusta medida”. O docente emérito do University College London Ronald Barnett, foi encargado de afondar co seu relatorio The coming of the Ecological University no eixo do Deseño curricular e pedagóxico.

Na sesión de tarde da primeira xornada do Foro, o director do Centro de Ética Aplicada da Universidad del Pacífico, François Vallaeys falará da Responsabilidade social universitaria en Latinoamérica: un marco político e de xestión para a innovación universitaria, mentres que desde o Centro de Investigación de Estudios Avanzados do Instituto Politécnico Nacional de México Judith Kalman ofrecerá un relatorio titulado O académico, a escritura e o xiro dixital.

As sesións continuarán mañá e o venres con relatorios, mesas redondas, comunicacións e grupos de discusión co obxectivo de reflexionar sobre a innovación nos novos enfoques de entender as carreiras universitarias máis centradas no desenvolvemento autónomos do alumnado, así como coñecer e difundir experiencias significativas de institucións e reflexionar sobre os cambios na xestión máis innovadora que están a realizar algunhas universidades pioneiras.

O Foro Internacional de Innovación Universitaria

O Foro Internacional de Innovación Universitaria, FIIU, está integrado na actualidade por unha trintena de universidades españolas e latinoamericanas co obxectivo de promover o encontro de persoas e iniciativas arredor da innovación universitaria co obxectivo de potenciala na contorna universitaria, incorporándoa nos procesos das institucións de educación superior.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós