DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 13 de xullo do 2017

O proxecto está encabezado pola investigadora Nazaret Rodríguez

Desenvolven unha crema solar con auga termal e pebidas de bagazo

Co obxectivo de valorizar os recursos hídricos e os residuos vitivinícolas


ImageNos últimos anos, investigadoras dos departamentos de Enxeñería Química, Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde e de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo, con Herminia Domínguez, María José Pérez e Elena Falqué á cabeza, veñen desenvolvendo diferentes proxectos nos que se aborda a valorización tanto das augas mineromedicinais de Ourense como de residuos forestais e agroalimentarios a través da elaboración de produtos cosméticos. Un dos últimos avances acadados neste eido foi a recentemente realización con éxito de cremas solares con augas dos principais mananciais termais ourensáns e cun extracto de pebida de bagazo de Mencía.

Rosa Tedín | Ourense
Nos últimos anos, investigadoras dos departamentos de Enxeñería Química, Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde e de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo, con Herminia Domínguez, María José Pérez e Elena Falqué á cabeza, veñen desenvolvendo diferentes proxectos nos que se aborda a valorización tanto das augas mineromedicinais de Ourense como de residuos forestais e agroalimentarios a través da elaboración de produtos cosméticos. Un dos últimos avances acadados neste eido foi a recentemente realización con éxito de cremas solares con augas dos principais mananciais termais ourensáns e cun extracto de pebida de bagazo de Mencía.

Ourense, explican as responsables desta liña de investigación, conta con varias fontes termais mineromedicinais que, polas súas características físico-químicas, están indicadas para diversos tratamentos de saúde, entre os que se atopan afeccións reumatolóxicas, da pel e do aparato locomotor. “A aplicación cosmética deste tipo de augas é un importante mercado cada vez máis demandado e, ademais, os consumidores reclaman, con máis frecuencia, o emprego de extractos naturais que lle aporten novas características e propiedades aos produtos cosméticos”, sinalan. Ao longo dos proxectos desenvolvidos estes últimos anos, detallan, “xa vimos que as augas mineromedicinais de Ourense son válidas para a elaboración de cremas solares e que á xente lle gustan. Agora seguimos probando a súa elaboración con diferentes extractos que obtemos de residuos, como neste caso o bagazo”.

Co fin de revalorizar as augas mineromedicinais termais dos mananciais de As Burgas, A Chavasqueira, Tinteiro, Muíño da Veiga e Outariz, e os bagazos desbotados na actividade vitivinícola, concretamente da variedade Mencía, neste estudo valorouse o seu uso para a elaboración de cremas solares. A parte de laboratorio estivo realizada por Nazaret Rodríguez, egresada en Ciencias Ambientais da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, que realizou o seu traballo fin de grao sobre este tema e que continúa traballando nel como investigadora, e por Matías Bas, encargado de obter o extracto empregando a técnica “verde” de microondas asistida por hidrogravidade. O traballo de investigación enmarcouse dentro do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e na actual liña de revalorización de residuos da actividade vitivinícola consistente na extracción de compoñentes químicos comercialmente demandados.

Análises e avaliación do consumidor

En total, detalla Nazaret Rodríguez, no marco deste proxecto elaboráronse seis cremas de cor branca “non demasiado consistentes nin graxas e con un lixeiro olor a uva” e seguindo a formulación descrita no seo do grupo de investigación participante por Mª Luisa Soto e Elena Balboa. Durante o traballo estudouse a seguridade microbiolóxica e a estabilidade química de cada emulsión ao longo de medio ano e os posibles efectos que o proceso de conxelación puidese causar nos parámetros químicos das diferentes emulsións. Tamén se realizou unha análise sensorial para avaliar a aceptabilidade de cada unha das cremas por parte dos consumidores.

Os resultados obtidos, comenta Rodríguez Iglesias, mediante a elaboración de seis cremas solares con extracto de pebida permitiron concluír que “todas as cremas elaboradas permanecen estables ao longo do tempo, tanto microbiolóxica como quimicamente, ao menos, ata os seis meses da súa elaboración. Polo tanto, de acordo coas organizacións competentes, considéranse aptas para o consumo humano”. A conxelación das cremas, engade a investigadora, repercutiu significativamente sobre a maioría dos parámetros químicos analizados nelas, “o que fai inviable esta práctica”. Polo que respecta á análise sensorial, apunta por último Nazaret Rodríguez no seu traballo, revelou que as emulsións elaboradas con auga mineromedicinal foron valoradas positivamente polos consumidores, independentemente do sexo ou a idade, sendo a preferida a crema elaborada con auga do Tinteiro, seguida por aquelas nas que se empregou auga dos mananciais do Muíño da Veiga e A Chavasqueira.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós