DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 14 de xullo do 2017

O campus acolleu este venres a reunión constitutiva do seu comité de xestión e coordinación

O Proxecto RISC Miño-Limia arranca co obxectivo de mitigar os efectos do cambio climático na conca internacional

O orzamento da iniciativa ascende a 2.335.283 euros


ImageO campus de Ourense acolleu este venres a reunión constitutiva do Comité de Xestión e Coordinación do Proxecto RISC Miño-Limia. Este proxecto, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020, ten como obxectivo o deseño de medidas orientadas a mitigar os efectos dos fenómenos extremos derivados do cambio climático, como inundacións ou secas, nesta demarcación hidrográfica internacional. O líder do proxecto, que conta cun orzamento superior aos dous millóns de euros, é a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os socios a súa homóloga lusa ARH Norte e as universidades de Porto e Vigo.

Rosa Tedín | Ourense
O campus de Ourense acolleu este venres a reunión constitutiva do Comité de Xestión e Coordinación do Proxecto RISC Miño-Limia. Este proxecto, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020, ten como obxectivo o deseño de medidas orientadas a mitigar os efectos dos fenómenos extremos derivados do cambio climático, como inundacións ou secas, nesta demarcación hidrográfica internacional. O líder do proxecto, que conta cun orzamento superior aos dous millóns de euros, é a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os socios a súa homóloga lusa ARH Norte, da Agência Portuguesa do Ambiente; a Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto e a Universidade de Vigo.

O comité constituído este venres é o órgano de decisión, recepción e emisión da información do proxecto e do grupo de traballo conxunto que coordinará a planificación, distribución e execución das accións do proxecto. Antes de comezar a reunión, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil; José Carlos Pimenta, director da ARH Norte da Agência Portuguesa do Ambiente, e Antonio Mendes, vice-presidente do Conselho Científico da Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto, amosaron a súa satisfacción e expectativas polo arranque desta iniciativa conxunta.

Impacto na sociedade

Virxilio Rodríguez lembrou como o RISC Miño-Limia se enmarca dentro do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e amosouse “convencido de que con este proxecto obteremos uns froitos dos que se beneficiarán todos os cidadáns da Eurorrexión”. Pola súa banda, Francisco Marín fixo fincapé no feito de que o proxecto, “que marcará un camiño para o resto de concas”, implica a dous organismos de conca e a dúas universidades dos dous países co obxectivo último de “adaptarse ao cambio climático”. Entre os obxectivos do traballo que se desenvolverá, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil destacou que se traballará na cartografía da conca, coa premisa de que “coñecéndoa mellor poderemos protexela mellor”, e na prevención e xestión dos eventos extremos, secas e inundacións.

Polo que respecta aos socios lusos do proxecto, José Carlos Pimenta fixo fincapé en como este proxecto “pioneiro” “reponde a un tema emerxente”, como é o cambio climático e as súas consecuencias climáticas, e destacou a importancia de que desta iniciativa nazan “ferramentas técnicas” que permitan unha xestión anticipada que minimice os riscos que poden supor os eventos extremos para as persoas e territorios. O proxecto que este venres arrancou no campus de Ourense, recalcou tamén Antonio Mendes, é moi importante “polo impacto que pode ter na sociedade e na vida das persoas”.

75% de fondos europeos

O Proxecto RISC Miño-Limia, aprobado pola Unión Europea o pasado 5 de maio, ten como obxectivo o deseño dun conxunto de medidas orientadas á preparación, prevención e unha mellor xestión da demarcación hidrográfica internacional do Miño-Limia. Estas medidas están encamiñadas a mitigar os efectos dos fenómenos extremos, inundacións ou secas, co ánimo de mellorar na xestión dos recursos naturais tendo en conta a necesaria adaptación ao cambio climático. Trátase, apuntan os seus responsables, dun proxecto no que se investirá “en coñecemento”.

Con esta iniciativa interrexional, explican os líderes da iniciativa, preténdese contribuír a un mellor coñecemento da demarcación hidrográfica internacional das concas dos ríos Miño e Limia, de acordo co principio de unidade de conca e co establecido na Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, en relación coas demarcacións hidrográficas internacionais e os plans hidrolóxicos únicos. O orzamento do Proxecto RISC Miño-Limia ascende a 2.335.283 euros e a achega de fondos europeos supón o 75% do total.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós