DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 18 de xullo do 2017

O reitor e o conselleiro de Educación visitaron este martes a nova infraestrutura

As obras do edificio do Campus da Auga entran na súa recta final

Albergará 16 laboratorios, entre eles os da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo


ImageSe este luns se presentou á comunidade universitaria e á cidadanía o primeiro produto académico do Campus da Auga, o seu Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, este martes o protagonismo correspondeulle ao que será o edificio que alberguará este proxecto de especialización do campus de Ourense. A piques de cumprirse un ano do inicio das obras, estas foron visitadas por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Acompañados doutras autoridades e membros da comunidade universitaria, os responsables institucionais puideron coñecer de primeira man os espazos que albergarán a sede institucional do Campus de Ourense-Campus da Auga e 16 laboratorios de investigación e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Rosa Tedín | Ourense
Se este luns se presentou á comunidade universitaria e á cidadanía o primeiro produto académico do Campus da Auga, o seu Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, este martes o protagonismo correspondeulle ao que será o edificio que alberguará este proxecto de especialización do campus de Ourense. A piques de cumprirse un ano do inicio das obras, estas foron visitadas por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Acompañados doutras autoridades e membros da comunidade universitaria, os responsables institucionais puideron coñecer de primeira man os espazos que albergarán a sede institucional do Campus de Ourense-Campus da Auga e 16 laboratorios de investigación e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. “O Campus da Auga é xa unha realidade para Ourense”, recalcou Salustiano Mato tralo percorrido.

O novo edificio constrúese no marco dun convenio asinado en 2014 entre a institución académica e a Xunta de Galicia no contexto da aposta pola especialización dos campus universitarios. Cun custe de 4,6 millóns de euros achegados pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria con Fondos Feder, as obras está previsto que rematen o vindeiro mes de novembro. Deste xeito, a actividade administrativa agárdase que comece no primeiro trimestre de 2018 e que a dotación de laboratorios se realice progresivamente ao longo de todo o ano 2018 co obxectivo de ter plenamente operativo o edificio no curso 2018/2019. “Estamos ante o primeiro campus en especializarse de Galicia”, recalcou en referencia aos campus non centrais o reitor, que fixo fincapé “na puxanza e futuro consolidado do campus de Ourense” e no seu reforzo con esta nova infraestrutura. Neste senso, Salustiano Mato quixo agradecer especialmente a aposta da consellaría e da Xunta por esta iniciativa, agradecemento do que tamén fixo partícipe ao Concello e á Deputación Provincial de Ourense, estando presentes no acto o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

Pola súa banda, Román Rodríguez destacou trala visita ás obras “o salto cualitativo que supón a posta en marcha deste edificio administrativo e de investigación”. O conselleiro subliñou a importancia do desenvolvemento deste campus de especialización, que, indicou, está chamado a ser “o centro de referencia na investigación da auga dentro de Galicia”. Deste xeito, recalcou como esta infraestrutura permitirá “concentrar un grupo de investigadores importante" vencellados a un recurso “fundamental para Galicia” como é a auga. A posta en marcha desta iniciativa, lembrou Román Rodríguez, responde a “un modelo intelixente de especialización” dos campus que no caso de Ourense permitirá “dar oportunidades aos estudantes e ao conxunto da sociedade”. Nesta "senda de crecemento", o titular de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria avanzou durante a visita a próxima sinatura, en setembro ou outubro, dun novo convenio coa Universidade de Vigo para o impulso eficiente das estruturas de investigación do campus de Ourense, dotado con 3,6 millóns de euros para distintas accións vinculadas ao Campus da Auga e á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, entre outros aspectos.

16 laboratorios singulares e un laboratorio de hidráulica

O novo edificio, de tres plantas e máis de 3500 metros cadrados, contará con 16 laboratorios singulares e un laboratorio de hidráulica. Na primeira planta situaranse laboratorios singulares de contaminación de augas e solos; tecnoloxía e diagnose de medios acuáticos; compostos bioactivos e antioxidantes; avaliación toxicolóxica de augas e alimentos; biotecnoloxía; tecnoloxía dos alimentos e nutrición e bromatoloxía. Na segunda planta estarán laboratorios singulares de arqueoloxía e territorio; análise de concas hidrográficas e informática aplicada. Esta segunda planta completarase coa ubicación do Laboratorio Espacial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, dunha aula de informática e dun espazo para o Programa de Doutoramento do Campus da Auga.

Polo que respecta ao laboratorio de hidráulica, o principal uso será para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que terá nel un laboratorio de aerodinámica, outro de propulsión e motores e outro de materiais e resistencia de materiais. Ademais, neste laboratorio de hidráulica haberá un espazo de investigación en hidroloxía e outro en arqueoloxía, territorio e auga. Por último, o novo edificio tamén pasará a estar ocupado polos servizos administrativos do campus de Ourense, ata o de agora dispersos en diferentes edificios, e dará soporte á Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus da Auga.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós