DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 21 de xullo do 2017

Este xoves presentáronse os proxectos do Campus Illa San Simón

O Sinsal levanta o pano con creatividade universitaria

Os escenarios dos concertos que arrancan hoxe venres están decorados por alumnas de Belas Artes


ImageO Sinsal Son Estrella Galicia arranca oficialmente este venres, pero na xornada de onte e a modo de prolegómenos a illa de San Simón tivo a creatividade universitaria como protagonista. A edición deste 2017 do festival comprende dous proxectos con selo pontevedrés: por unha banda, o Campus Illa San Simón, no que participan 15 estudantes de cinco titulacións do campus e que consiste nun programa combinado de obradoiros docentes e desenvolvemento de proxectos, nos que os alumnos e alumnas levan traballando varias semanas divididos en catro grupos, e por outra, o proxecto A 42°18’ de latitude e 08°37’ de lonxitude, impulsado por cincos alumnas e apoiado pola Unidade de Igualdade, a través do cal deseñaron varias intervencións que se situarán nos escenarios do festival.

Duvi | Vigo
O Sinsal Son Estrella Galicia arranca oficialmente este venres, pero na xornada de onte e a modo de prolegómenos a illa de San Simón tivo a creatividade universitaria como protagonista. A edición deste 2017 do festival comprende dous proxectos con selo pontevedrés: por unha banda, o Campus Illa San Simón, no que participan 15 estudantes de cinco titulacións do campus e que consiste nun programa combinado de obradoiros docentes e desenvolvemento de proxectos, nos que os alumnos e alumnas levan traballando varias semanas divididos en catro grupos, e por outra, o proxecto A 42°18’ de latitude e 08°37’ de lonxitude, impulsado por cincos alumnas e apoiado pola Unidade de Igualdade, a través do cal deseñaron varias intervencións que se situarán nos escenarios do festival.

No acto de presentación dos proxectos estiveron presentes o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; a directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín, así como os docentes coordinadores e os estudantes participantes.

Os catro proxecto do Campus Illa San Simón

Despois de varias semanas de traballo de quince estudantes dos graos en Belas Artes e Comunicación Audiovisual, os mestrados en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual e en Dirección de Arte en Publicidade e o programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, onte xoves San Simón acolleu a presentación dos catro proxectos desenvolvidos. En total foron nove semanas de traballo (seis para construír os proxectos, dúas de obradoiros e unha de montaxe na illa) baixo a coordinación dos profesores Ignacio Barcia e Fernando Suárez, de Belas Artes e Oswaldo García, de Ciencias Sociais e da Comunicación e titorizados por Roi Fernández, Marta Verde e Eduardo Outeiro. Os traballos teñen como nexo común as sinerxías entre creatividade e tecnoloxía e os resultados están expostos na illa dende onte xoves.

Aitana Tubío, Carlota Rivas e Iago Fernández, a través dunha historia narrada por un dos antigos residentes na illa, crearon unha peza composta por unha cúpula de látex amarrada ao chan a través de cordas de metal que transmiten unha vibración emitida por motores. Este eqouipo, ademais, xoga co son ao reproducir na peza “o ruído duns bichos que fan que a obra conecte coa narración contada por esta persoa”. Unha segunda proposta é a de Acacia Ojea, Adrián García, Marta Rodríguez, Héctor Ramos, Alejandro González e Nicolás Vázquez que tamén se centran nos sons das illas de San Simón e San Antón. “Existe un amplo espectro sonoro que permanece constante ante calquera condición humana que o eclipse temporalmente”, explican. A súa proposta concentra os sons nun só punto da illa, creando un sistema autónomo e independente que reúne as forzas naturais sonoras (terra, mar e aire) “conducidas pola variables silenciosa da luz solar a tempo real”. Óliver Alonso e Yoseba Cuña traballaron no terceiro proxecto, que parte da clasificación do filósofo Javier Echeverría das “tres contornas” da comunicación social. Trátase dunha intervención interactiva que propón unha historia ambientada na illa que argumenta como a función social mutará co paso do tempo forzada polos cambios ambientais e a contaminación. Finalmente Ana Pérez, Helena Fernández e Laura Navarrete propoñen unha instalación sonora que consiste nun refuxio de rede habitado por seres mariños. “É unha experiencia visual e sonora que nos evoca diferentes momentos da illa, dende a aparición na literatura de Xulio Verne, ata a súa historia cos trobadores, os mariñeiros, etc. pero sempre ligada ao mar”.

O mar ante os escenarios de Sinsal

A 42°18’ de latitude e 08°37’ de lonxitude é o proxectos das tituladas en Belas Artes e alumnas de Esdemga Teresa Búa e Miriam Cartagena, a alumna de doutoramento Yolanda Ríos e as tamén estudantes de Esdemga Claudia González e Lara Santos. Co apoio da Unidade de Igualdade trátase de empoderar ás alumnas, ofrecerlles unha canle de visibilización do seu traballo nun evento de gran proxección como é este festival. Elas deseñaron unha serie de estruturas baseadas nun material de baixo custo que, dende hai uns días, comezaron a instalar ante os tres escenarios.

Illa, natureza, topografía, o mar e as súas ondas e a música e o son foron os cinco conceptos que estas artistas empregaron como punto de partida para definir “tres pezas moi orgánicas en canto a súa forma e estrutura”, que teñen o cartón como material base, segundo explica Lara Santos, encargada de coordinar os traballos de execución das pezas. Partindo deses conceptos, a estrutura, de máis de dez metros de longo, que as alumnas deseñaron para o escenario principal Son Estrella, constitúe unha “interpretación topográfica” da ría de Vigo, que “ao mesmo tempo simula as ondas sonoras e que foi realizada unicamente con cartón cortada ao láser. Para o escenario San Antón New Balance, emprazado neste caso na illa de San Antón, buscaron unha “estrutura que dialogase coa propia paisaxe mariña”, xa que a principal característica deste segundo palco, lembran, é que ten o mar como pano de fondo. Neste caso, a súa estrutura, tamén de máis de dez metros, está formada por varios planos verticais integrados por módulos nos que combinan o cartón con redes de pesca e elementos téxtiles, co propósito de simular tamén as ondas do mar “nun xogo de superposición de capas e transparencias”. Por último, para o escenario Buxos decantáronse por fusionar as dúas pezas anteriores, aproveitando as dúas caras deste último espazo, e deseñar así unha estrutura que formulan como “unha parella de opostos”, na que se combinan as ideas de mar e terra, as ondas e a topografía da contorna.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós