DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 26 de xullo do 2017

A organización vén de facer pública a selección de participantes na edición deste ano

Pont-Up Store dará protagonismo a 41 casos de emprendemento

A cita desenvolverase do 21 ao 23 de setembro


ImageA feira Pont-Up Store celebrarase do do 21 ao 23 de setembro en Pontevedra por cuarto ano consecutivo consolidada xa como o evento de referencia do novo emprendemento en Galicia. Despois dun intenso proceso de selección entre un total de 123 solicitudes de participación recibidas, a organización da cita vén de escoller a 41 casos de emprendemento para ter presenza neste evento. “Nesta edición constatouse un importante incremento na calidade dos emprendementos que presentaron candidatura, tanto no seu carácter innovador como no potencial de desenvolvemento”, destaca Pedro Figueroa, director da feira.

Duvi | Pontevedra
A feira Pont-Up Store celebrarase do 21 ao 23 de setembro en Pontevedra por cuarto ano consecutivo consolidada xa como referente do novo emprendemento en Galicia. Despois dun intenso proceso de selección entre un total de 123 solicitudes de participación recibidas, a organización da cita vén de escoller 41 casos de emprendemento para ter presenza neste evento, promovido pola Universidade de Vigo dentro do proxecto de especialización CREA S2i. “Nesta edición constatouse un importante incremento na calidade dos 'emprendementos' que presentaron candidatura, tanto no seu carácter innovador como no potencial de desenvolvemento”, destaca Pedro Figueroa, director de Pont-Up Store, que ten ao Concello de Pontevedra como patrocinador principal.

Destes 41 emprendedores escollidos, 33 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus produtos, ideas e servizos, e cinco terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades de dinamización, desenvolvendo propostas como unha sesión de networking empregando a intuición e o xogo para obter información útil na empresa; unha cata de cervexa artesá; un obradoiro no que aprender a arte floral dos kokedamas; unha sesión de contacontos para promover a arte e a cultura entre a cidadanía, e un achegamento en familia ao mundo do álbum ilustrado empregando as vivencias persoais. Por último, dez das propostas elixidas participarán no Puntazo Exprés, no que terán a oportunidade de explicar o seu caso en cinco minutos a cinco destacadas empresas e entidades galegas.

Todos os proxectos escollidos contan con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a creación da empresa. Entre as propostas seleccionadas hai empresas como 7Varas, que fai bicicletas de bambú; Paus, que vende paquetes de adhesivos especiais para tapar as cámaras dos dispositivos móbiles e protexelos de ciberataques; Care your Car, de Degaltc, unha aplicación que permite xestionar o mantemento do vehículo, ou a plataforma Send2Me, de caixas de correo electrónicas que permiten recibir compras electrónicas aínda que o comprador non estea no domicilio. Tamén participará a empresa galega Start-T-Case, de carcasas que ademais de recargar os teléfonos móbiles aproveitando a luz solar ou a luz artificial son ao mesmo tempo fundas protectoras e poden pasar carga a outros dispositivos. Ademais, Pont-Up Store reserva parte do seu espazo a iniciativas empresariais que operan dentro da economía social, como nesta ocasión Bico de Xeado, da cooperativa Granxa O Cancelo.

Diversidade de procedencia

Sobre a procedencia das candidaturas, Pedro Figueroa afirma que “Pont-Up Store consolídase como o referente do novo emprendemento en Galicia cun 50% das solicitudes procedentes de fóra da provincia de Pontevedra”. Ademais, engadiu, “é relevante que preto do 35% das candidaturas procedan de fóra das sete grandes cidades galegas, o que é indicativo da boa saúde das dinámicas emprendedoras nas vilas e no rural galego”. O director do Pont-Up tamén destaca que os sectores dos que proceden os casos "máis destacados" son as novas tecnoloxías e as enxeñarías con apostas "moi valentes e innovadoras" tamén no ámbito da alimentación, a formación, a arte e a cultura e especialmente o deseño, a moda, complementos e decoración.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós