DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 01 de agosto do 2017

O xadrecista do Universidade de Vigo-EXP logrou a súa terceira norma vencendo no Open de Andorra

Manuel Pena, a un paso de converterse en Gran Mestre Internacional

Sete vitorias consecutivas fraguaron o seu triunfo no torneo do Principado


ImageSumar dez puntos no ránking internacional é o único paso que separa ao xadrecista do Universidade de Vigo–Escola Xadrez Pontevedra Manuel Pena de converterse no terceiro Gran Mestre Internacional na historia do deporte galego. Pena acaba de proclamarse campión da XXXV edición do prestixioso Open Internacional de Andorra, o que lle outorga a súa terceira e definitiva norma para acadar a maior titulación deportiva do xadrez, que só outros dous xogadores acadaron en toda a historia do deporte galego e 43 no conxunto de España. Para oficializar esta distinción, deberá alcanzar os 2500 puntos de ránking internacional.

Duvi | Vigo
Sumar dez puntos no ránking internacional é o único paso que separa ao xadrecista do Universidade de Vigo–Escola Xadrez Pontevedra Manuel Pena de converterse no terceiro Gran Mestre Internacional na historia do deporte galego. Pena acaba de proclamarse campión da XXXV edición do prestixioso Open Internacional de Andorra, o que lle outorga a súa terceira e definitiva norma para acadar a maior titulación deportiva do xadrez, que só outros dous xogadores acadaron en toda a historia do deporte galego e 43 no conxunto de España. Para oficializar esta distinción, deberá alcanzar os 2500 puntos de ránking internacional, o que podería lograr nas próximas semanas no V Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, xa que Pena conta actualmente con 2490 puntos.

Nun dos torneos con maior recoñecemento de Europa, con 35 anos de historia, Pena fraguou a súa vitoria nas sete vitorias consecutivas que acadou nas primeiras roldas dunha competición que se desenvolveu entre o 22 e o 30 de xullo. Sete triunfos que lle garantían tanto a consecución da terceira norma como a vitoria final nun torneo que, co éxito xa asegurado, pechou cun empate na oitava rolda e unha derrota na derradeira. O español Daniel Forcen e o israelí Alexander Kaspi, ambos con 7,5 puntos, ao igual que o gañador, ocuparon o segundo e o terceiro chanzo dunha competición que reuniu un total de 149 xadrecistas.

“Un diamante do xadrez nacional”

Deste xeito presenta Pablo García, director da sección de xadrez da Universidade de Vigo, ao seu compañeiro de club, quen, aos seus 29 anos, atesoura un extenso palmarés deportivo que o converten “no máximo expoñente do xadrez galego nas súas categorías base e, sen dúbida, nun dos novos talentos de maior proxección no ámbito nacional”.

O camiño cara a máxima distinción do mundo do xadrez, como lembra García, comezou xa hai 12 anos, cando Pena, con tan só 17, lograba a súa primeira norma de Gran Mestre ao proclamarse campión do Open Internacional de Mondariz. Éxito ao que, na súa etapa de estudante de Administración e Dirección de Empresas, sumaría novos logros como a prata no Campionato de España Universitario de Xadrez de 2010. De aí que García sinale como un “premio ao seu tesón” o recoñecemento que proximamente obterá un deportista que “foi e é un dos piares fundamentais” da sección de xadrez da Universidade de Vigo. Os seus logros, sumados os éxitos de Rubén Fernández, Pablo Vidal, Miguel Senlle ou Alberto Portela, sinala o coordinador do equipo, fan deste 2017 “un ano dificilmente esquecible” para novo proxecto da Universidade de Vigo e a Escola Xadrez Pontevedra.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós