DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 04 de agosto do 2017

Nun concerto promovido pola Vicerreitoría, que terá lugar o xoves 10 no Conservatorio Manuel Quiroga

O pianista Josep Colom recreará en Pontevedra os estudos de Chopin

O recital conta con entrada gratuíta, previa recollida de invitación na Casa das Campás


ImageComo o seu propio nome indica, os estudos son pezas musicais destinadas primordialmente ao desenvolvemento da técnica, o que fai que adoitasen basearse nun único motivo musical. Dos milleiros de estudos para piano escritos durante o século XIX, os realizados polo compositor polaco Fryderyk Chopin foron os primeiros “nos que se realizou plenamente o ideal de combinar esta finalidade práctica cun contido de elevada significación musical”. Así o destaca o pianista barcelonés Josep Colom, que o vindeiro xoves 10 de agosto recreará 24 destes estudos no concerto que, da man da Vicerreitoría do campus, ofrecerá no Conservatorio Manuel Quiroga.

Duvi | Pontevedra
Como o seu propio nome indica, os estudos son pezas musicais destinadas primordialmente ao desenvolvemento da técnica, ao dominio dunha destreza específica, o que fai que adoitasen basearse nun único motivo musical. Dos milleiros de estudos para piano escritos durante o século XIX, os realizados polo compositor polaco Fryderyk Chopin foron os primeiros “nos que se realizou plenamente o ideal de combinar esta finalidade práctica cun contido de elevada significación musical”. Así o destaca o pianista barcelonés Josep Colom, que o vindeiro xoves 10 de agosto recreará 24 destes “poemas sonoros intensmente concentrados” no concerto que, da man da Vicerreitoría do campus, ofrecerá no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra.

O recital Estudios de Chopin, programado para as 19.30 horas, contará, segundo explica o responsable de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, con entrada gratuíta, previa recollida de invitación na Casa das Campás. Segundo indica Morquecho, As invitacións poden reservarse ata completar aforo a través do correo Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver ou do teléfono 986802080, pero será preciso recollelas antes do concerto na sede da Vicerreitoría do campus.

Colom, que o pasado mes de decembro ofrecía no Teatro Principal o recital Diálogo: Mozart & Chopin, nunha actuación organizada tamén pola Vicerreitoría, é un pianista avalado por preto de catro décadas de traxectoria, ao longo das que participou en numerosos concursos e festivais internacionais. Traxectoria que o levou a colaborar con numerosas orquestas de España, Inglaterra, Francia ou Alemaña, ou a plasmar en diferentes gravacións discográficas as obras completas de Manuel de Falla ou, xunto con Carmen Deleito, as obras de piano a catro mans de Johannes Brahms. Traxectoria, tamén, ao longo da que foi distinguido con premios como os do Concurso Internacional de Piano Paloma O´Shea, o Concurso Internacional de Piano Premio Jaen ou o concurso Epinal, en Francia, así como co premio Beethoven de Radio Nacional e co Premio do Ministerio de Cultura, outogardo polas súas gravacións das sonatas completas de Manuel Blasco de Nebra.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós