DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 12 de setembro do 2017

No pasado ano participaron máis de 6000 persoas e para este ano a matrícula xa está aberta

Comeza un curso moi deportivo

O programa de actividades inclúe escolas deportivas, ligas, servizo de saúde e diferente tipos de abonos


ImageTanto para as persoas que queiran retomar a actividade física tras as vacacións estivais, como para aquelas que pretenden comezar a realizar algún deporte como propósito para o novo curso, a Área de Benestar, Saúde e Deporte ten deseñado un completo programa formativo para o primeiro cuadrimestre. Para todo tipo de persoas, con calquera condición física e sexa cal sexa o deporte que lles interese, a programación cubre case todas as necesidades. Como cada ano, desenvolveranse escolas deportivas, ligas universitarias, escolas deportivas, programas de lecer na natureza, etc. e ofértanse tamén abonos para o uso da instalacións deportivas universitarias ou dos centros asociados en Vigo, Ourense e Pontevedra. O prazo de matrícula estañá aberto dende o día 1 deste mes.

M. Del Río | Vigo
Tanto para as persoas que queiran retomar a actividade física tras as vacacións estivais, como para aquelas que pretenden comezar a realizar algún deporte como propósito para o novo curso, a Área de Benestar, Saúde e Deporte ten deseñado un completo programa formativo para o primeiro cuadrimestre. Para todo tipo de gustos, con calquera condición física e sexa cal sexa o deporte que lles interese, a programación cubre case todas as necesidades. De feito, o balance do curso pasado amosa a boa aceptación das diferentes actividades, cunha participación de máis de 6000 persoas nos tres campus. As ligas universitarias foron a opción máis numerosa, con 480 inscritos no campus de Ourense; 255 no de Pontevedra e 1440 en Vigo.

Escolas deportivas e instalacións dos campus

Como cada ano, desenvolveranse escolas deportivas, neste cuadrimestre de pilates, ioga, xadrez, danza oriental, tai chi, aeróbic, defensa persoal, salsa bachata, street dance, ritmos latinos, natación, padel, aquagym, squash, voleibol, rugby, balonmán, tenis, escalada e tenis entre outras. Na pasada edición as escolas do campus de Ourense reuniron 245 persoas, as de Pontevedra 45 e as de Vigo 570.

Por outra banda, os membros da comunidade universitaria poden optar por actividades non dirixidas empregando de xeito puntual as instalacións dos campus. Así, en Ourense teñen á súa disposición pista polideportiva cuberta, pistas de squash, sala cardio-fitness, área de tenis de mesa, pista de tenis, pista de atletismo e campo de herba sintética para a práctica do fútbol/rugby e as instalacións do CDU-AQA Ourense. No campus de Pontevedra poderanse empregar a sala cardio-fitness, a pista polideportiva e a área de tenis de mesa. Finalmente, en Vigo existe sala de xadrez, pista polideportiva cuberta, área de tenis de mesa, rocódromo, sala cardio-fitness, pistas de tenis, campo de herba sintética, campo de herba natural, pista de atletismo e pista de footing pero tamén se poden empregar as instalacións do SOOM CDU Vigo, que inclúe piscina, sala cardio-fitness, sala de actividades dirixidas e pistas de squash.

Diferentes tipos de abonos e tarxetas

Para todas as persoas que queiran facer un uso regular dalgunha destas instalacións, a mellor opción son os diferentes tipos de abonos, segundo as necesidades específicas e de duración cuadrimestral ou anual, unha alternativa que no pasado curso elixiron máis de 2000 membros da comunidade universitaria. O abono básico inclúe acceso a vestiarios, armarios e pista de atletismo. O abono Muver permite acceso a todas as instalacións deportivas dos campus, así como descontos nas escolas deportivas e en programas como Augaventura ou o servizo de saúde. Unha terceira opción é a tarxeta Muver Ponte en Forma, que suma á anterior a posibilidade de ter un seguimento personalizado, valoración médico deportiva e accesos puntuais á piscina ou jacuzzi. Finalmente, a abono Active Campus Europe ofrece as mesmas condicións que o Ponte en Forma, pero cunha duración menor, pensado para alumnado que non practique deporte. Tamén existe a posibilidade de facer un abono para o uso das instalación do CDU-AQA Ourense ou o SOOM CDU Vigo. Outra das opcións para poñerse en forma neste outono e inverno para comunidade universitaria son as actividades de fitness de balde para persoas aboadas, que desta volta incluirán ciclo indoor, aerojump-GAP, Power Dumbell e Boot Camp en Ourense; pilates, HIIT, ciclo indoor, GAP-stretching en Pontevedra e fitness express, train & talk, escalada, ioga, urban dance & hiphop, cross training e rugby en Vigo.

Outras opcións ao longo do curso

Todas estas actividades complétanse con outros programas que se poñen en marcha ao longo do curso como os Roteiros Culturais, Augaventura ou Delecer e coas Ligas Universitarias, as competicións interuniversitarias, os equipos federados, os servizos de medicina deportiva e fisioterapia, o servizo de préstamo de bicicletas, o Trofeo Universidade de Vigo de Carreiras de Orientación ou a XII edición da carreira HappyGoRunning,

Para deporte fóra dos campus, Centros Deportivos Abertos

Outra modalidade que ofrece a Universidade son os Centros Deportivos Abertos, ximnasios e centros deportivos de Vigo, Ourense e Pontevedra que contan con acordos coa institución académica para ofrecer á comunidade universitaria condicións vantaxosas. No caso de Ourense son os ximnasios Sabrosura e Saraiba; no caso de Pontevedra Centro Budo, Ximnasio Ardeas, CD Rías do Sur e Ximnasio Campolongo e, finalmente, en Vigo Club Kae Sport, Centro Pilates Juan Barberá, Toni Pilates, CD Coliseum, Ximnasio C. Simón, IFitness, TR Sport & Spa, Ximnasio Escola Vigo, Vigoentrena, EDAM Center, Mega Sport Center, MáisqueAuga, Florida Gym, AD Kiap e Ximnasio Tao. No curso 17-18 esta foi a opción escollida por preto de 700 usuarios e usuarias.

Ligas Universitarias

Para todas aquelas persoas que prefiran a práctica de deportes colectivos, as Ligas Universitarias son as mellor opción. Esta proposta trata de fomentar valores como a deportividade e o compañeirismo e o regulamento das competicións inclúe un sistema de puntuación fair play que promove o xogo limpo e castiga a falta de deportividade. Para este curso desenvolveranse ligas de baloncesto mixto, balonmán mixto, fútbol sala feminino, fútbol sala masculino, fútbol 7 mixto, rugby 7 mixto e voleibol mixto. As inscricións para as competición nos tres campus está aberta ata o 29 de setembro.

Os prazos de matrícula, os prezos e lugares de celebración de cada unha da actividades poden consultarse na páxina da Área de Benestar, Saúde e Deporte.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós