DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 05 de setembro do 2017

Abertos a toda a cidadanía, manteñen aberto o seu período de inscrición

Escalada, radio, cine, impresión 3D e percusión centran a renovada oferta de obradoiros do campus

Trátase de cinco talleres de 30 e 32 horas que se desenvolverán entre setembro e decembro


ImageCo propósito de dar cabida a novas propostas dentro do seu programa de actividades de Extensión Universitaria, a Vicerreitoría do campus impulsa un renovado programa de obradoiros para este primeiro cuadrimestre. A iniciación á creación dun programa de radio e á escalada en rocódromo combínanse coa análise e escritura fílmica, a impresión 3D e a ecopercusión nunha oferta formativa que mantén aberta a súa inscrición. “Trátase de propostas abertas a todo o mundo, que irán pechando as súas prazas por orde de inscrición e ás que buscaremos sumar outras actividades”, apunta o responsable de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Co propósito de dar cabida a novas propostas dentro do seu programa de actividades de Extensión Universitaria, a Vicerreitoría do campus impulsa un renovado programa de obradoiros para este primeiro cuadrimestre. A iniciación á creación dun programa de radio e á escalada en rocódromo combínanse coa análise e escritura fílmica, a impresión 3D e a ecopercusión nunha oferta formativa que mantén aberta a súa inscrición na plataforma Culturxest. “Trátase de propostas abertas a todo o mundo, que irán pechando as súas prazas por orde de inscrición e ás que buscaremos sumar outras actividades”, apunta o responsable de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, destes cinco talleres nos que as e os integrantes da comunidade universitaria contan cun desconto do 35% no prezo de matrícula.

Para comezar, clases de radio e cine

Para o vindeiro luns 11 está programado o arranque de Iniciación á creación dun programa de radio, un taller coordinado por Jorge García e José Jardón, que busca achegar aos e ás participantes ás diferentes ferramentas necesarias para a creación dos contidos dun programa radiofónico. “Partindo dos aspectos máis formais, como por exemplo elaborar un guión técnico, o obradoiro irá tocando os distintos xéneros coa realización de prácticas diarias nas que se levarán a cabo simulacros reais de espazos radiofónicos”, explica Jardón dun taller no que contarán coa participación de diferentes profesionais.

Unha semana despois, o martes 19, botará a andar na Casa das Campás a primeira edición de Análise e escritura fílmica. Tamén a amizade das películas se conquista, taller que propón un percorrido pola historia do cinema, desde mediados do século XX, e orientado a “formar a ollada crítica do alumnado”. Dirixido pola profesora de CCSS e da Comunicación Diana Ramahí e impartido polo crítico e profesor asociado José Manuel López, trátase dun obradoiro pensado tanto para o alumnado de titulacións vinculadas ao audiovisual como para o “público interesado no cine en xeral”, explica a súa responsable.

Tres opcións máis a partires de outubro

Dando continuidade ao obradoiro que o músico Didier Díaz desenvolveu o pasado curso na EE Forestal, ao abeiro do proxecto Green Campus, no programa de obradoiros deste primeiro cuadrimestre figura tamén un Taller de ecopercusión, dirixido polo profesor Marco Lucato, no que, partindo exclusivamente da reciclaxe de materiais, buscarase dotar ao alumnado das claves necesarias para poder abordar a educación musical sen instrumentos convencionais. O inicio deste taller está previsto para o 3 de outubro, xornada na que tamén arrincará na EE Forestal o obradoiro Impresión 3D. Aplicación, deseño e desenvolvemento de proxectos, impartido por Vicente López e Antón Vázquez e dirixido a achegar ao alumnado ao mundo do deseño e impresión de modelos 3D con programas de software libre.

Por último, a oferta de obradoiros complétase, entre o 6 de outubro e o 3 de novembro, con Iniciación á escalada en rocódromo, un curso fundamentalmente práctico e dirixido a achegar ás persoas asistentes ás técnicas básicas de escalada nun rocódromo. Dirixido pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez, o taller conta entre os seus docentes co guía nacional de escalada en rocha, recoñecido deportista e director da escola deportiva de escalada do Club Montañeiros Aromon de Pontevedra, José Juan Domínguez, e co técnico de Deportes do Concello de Pontevedra e director da Escola Galega de Alta Montaña, David Pérez Araújo.

A danza despide os cursos de verán

Estes cinco obradoiros dan continuidade ao programa de cursos de Extensión Universitaria impulsado pola Vicerreitoría para este verán e abertos tamén a toda a cidadanía. O último deles, Danza histórica e técnica Laban, desenvólvese desde este martes e ata este venres na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Dirixido pola profesora Marián Fernández Villarino, o curso que reúne tanto a estudantes como a persoas alleas á comunidade universitaria, busca achegar, dun modo práctico, unha “ampla representación” de múltiples aspectos englobados no mundo da danza. Así, a profesora da Universidad Europea de Madrid Diana Campóo centra a súa participación en catro pezas da danza barroca española, mentres que o egresado da facultade Francisco Javier Vidal propón un achegamento a diferentes estilos de baile en parella. O curso complétase coa participación do coreógrafo e profesor da Royal Academy of Dramatic Art de Londres Darren Royston, quen propón unha introdución á técnica de danza Laban, baseada “na análise do movemento expresivo, o que fai que tivese repercusións noutros ámbitos, desde a análise biomecánica ata nas cadeas de montaxe”, explica Fernández Villarino.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós