DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 12 de setembro do 2017

A Facultade Dereito acollerá o día 29 de setembro unha xornada sobre este tema

Cal é a función do salario e da negociación colectiva no século XXI?

A cita reunirá a especialistas na materia e representantes sindicais e empresariais


Image“O salario sempre se entendeu como a paga ou remuneración pola realización dunha función acordada entre as partes. Cal é a súa función no século XXI? Cal é a situación da negociación salarial trala crise?”. Para responder a estas e outras preguntas o día 29 de setembro a Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá a xornada A dimensión económica e social do salario. Os novos sistemas retributivos, organizada polo centro universitario, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense.

Duvi | Ourense
“O salario sempre se entendeu como a paga ou remuneración pola realización dunha función acordada entre as partes. Cal é a súa función no século XXI? Cal é a situación da negociación salarial trala crise?”. Para responder a estas e outras preguntas o día 29 de setembro a Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá a xornada A dimensión económica e social do salario. Os novos sistemas retributivos, organizada polo centro universitario, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense.

O salario, sinalan os promotores da iniciativa, constitúe “unha das prestacións máis importantes do contrato de traballo, polo que todo cambio que se leve a cabo do sistema de pago do salario afecta a unha parte esencial do contrato de traballo”. Neste contexto, engaden, o bonus salarial, a retribución variable e a dirección por obxectivos como formas de incentivar aos traballadores e ás traballadoras para mellorar os resultados da empresa está a converterse cada vez máis nunha realidade presente en todas as organizacións. Con todo, apuntan, “estes sistemas tan recomendados polos expertos en recursos humanos poden ter problemas”, o que leva aos responsables das xornadas a propor a abordaxe do seu réxime xurídico.

Sumándose a esta reflexión, a xornada que se celebrará en setembro no campus tamén abordará a cuestión da negociación colectiva na actualidade. “A importancia da retribución no equilibrio global do convenio colectivo constitúe un factor que non necesita ser explicado. O exercicio da autonomía colectiva e a súa formalización en convenios colectivos supuxo historicamente o instrumento máis adecuado de fixación de salarios”, subliñan desde a organización da cita. Porén, engaden, “neste tempo de crise ou poscrise, a negociación colectiva está débil e debe revalorizarse como esencial para determinar a competitividade e crecemento das empresas e o conxunto do sistema produtivo e para incidir no volume e na calidade do emprego”.

Mesas redondas e conferencia

Para tratar de abordar estas e outras cuestións relacionadas, a xornada contará coa participación de profesionais especialistas na materia e representantes das organizacións sindicais e empresariais. A cita comezará cunha mesa redonda sobre A dimensión económica e social do salario e os novos sistemas retributivos, facendo especial referencia aos convenios das empresas multiservizos. Nela participarán Isabel Olmos, maxistrada do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e Genoveva García, inspectora de Traballo e de Seguridade Social de Ourense. A segunda das mesas levará por título A función do salario no século XXI e contará coa participación de representantes de CCOO de Galicia, CIG, UGT-Galicia e CEG. O programa completarase con varios coloquios e a conferencia A negociación salarial en tempos da post crise, que será impartida por Daniel Pérez del Prado, profesor doutor na Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Carlos III de Madrid.

A inscrición na xornada faranse por orde de solicitude ata completar aforo dende o 11 ao 28 de setembro, estando especialmente dirixida a persoas de organizacións empresariais e sindicais, graduados e graduadas sociais, avogados e avogadas, profesionais vencellados ou interesados nesta materia, persoal de inspección de Traballo e alumnado do campus de Ourense.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós