DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 11 de setembro do 2017

A Casa das Campás acolle unha exposición en defensa os dereitos de nenos e nenas

25 sorrisos que reivindican un futuro para a infancia

Comisariada polo profesor Jorge Soto, reúne unha serie de retratos da egresada Sandra Martínez


Image25 rostros de nenos e nenas marcados na súa meirande maioría pola presenza dun sorriso reúnense desde a tarde do pasado mércores na sala de exposicións da Casa das Campás, que acolle ata este venres 15 de setembro a exposición Miradas da infancia, unha compilación de 25 retratos realizados pola artista e egresada Sandra Martínez. Co profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Jorge Soto como comisario, a exposición ten por obxectivo “reivindicar os dereitos dos nenos, chamar a atención e sensibilizar sobre o mundo no que vivimos e o futuro da infancia”.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
25 rostros de nenos e nenas marcados na súa meirande maioría pola presenza dun sorriso reúnense desde a tarde do pasado mércores na sala de exposicións da Casa das Campás, que acolle ata este venres 15 de setembro a exposición Miradas da infancia, unha compilación de 25 retratos realizados pola artista e egresada Sandra Martínez. Co profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Jorge Soto como comisario, a exposición ten por obxectivo “reivindicar os dereitos dos nenos, chamar a atención e sensibilizar sobre o mundo no que vivimos e o futuro da infancia”.

Cada un dos 25 retratos realizados por Martínez Rivas, egresada da Facultade de Belas Artes e ex-alumna tamén no máster de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, acompáñase de 25 dos artigos recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno. “Escollemos os 25 máis significativos, aqueles que representaban dunha forma máis concreta o que é a defensa dun futuro e dun benestar para a infancia”, sinala Soto do que foi o punto de partida desta exposición.

Retratos de felicidade e diversidade

Os rostros e os retratos constitúen os eixos centrais do traballo artístico de Martínez, que para esta exposición optou por acompañar estas miradas da infancia de sorrisos, “por representar nenos felices, que é o que debía estar ocorrendo e non falar do tráfico de nenos ou da explotación sexual”. Partindo de fotografías, Martínez e Soto buscaron tamén que estas 25 miradas representasen a diversidade e multiculturalidade para “que todo o mundo se vise representado a través dun rostro alleo e, á vez, próximo”, como engade este docente.

O dereito á liberdade de expresión, á protección contra os malos tratos ou a non discriminación combínanse nestas 25 miradas coa posta en relevo de problemas como o tráfico de nenos, o traballo infantil ou a explotación sexual. “900 millóns de nenos no mundo vense privados dalgún destes dereitos, só en Europa hai 10.000 nenos desaparecidos”, recalca nese senso Soto do que é o motor dunha mostra que busca “mirar á infancia” para así sensibilizar das problemáticas que lle afectan.

En novembro, no campus

Trala súa estrea na sede da Vicerreitoría, os retratos de Martínez poderán contemplarse en novembro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ata onde está previsto trasladar esta mostra como parte das actividades que se desenvolven cada ano no centro con motivo da conmemoración do Día Internacional dos Dereitos da Infancia.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós