DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 12 de setembro do 2017

25 estudantes estarán nas aulas ourensás ao abeiro de programas de intercambio

Alumnado de nove nacionalidades conforma a faciana máis internacional do campus

Italia é o principal país de orixe e Ciencias Empresariais e Turismo o principal centro de acollida


ImageO alumnado universitario xa está de cheo incorporado ás aulas e formando parte del están, como cada ano, os estudantes que chegan ao abeiro dalgunha das iniciativas de mobilidade internacional. Este primeiro cuadrimestre son 21 os estudantes que elixiron facultades e escolas do campus de Ourense para continuar os seus estudos fóra do seu país de orixe. A eles únense tres que estarán durante todo o curso 2017/2018 e unha persoa que se incorporará no segundo cuadrimestre, cifra esta última provisional xa que a matrícula está aberta ata finais de ano. Trátase en total de 25 persoas de nove nacionalidades entre as que destaca en número o grupo procedente de Italia.

Rosa Tedín | Ourense
O alumnado universitario xa está de cheo incorporado ás aulas e formando parte del están, como cada ano, os estudantes que chegan ao abeiro dalgunha das iniciativas de mobilidade internacional. Este primeiro cuadrimestre son 21 os estudantes que elixiron facultades e escolas do campus de Ourense para continuar os seus estudos fóra do seu país de orixe. A eles únense tres que estarán durante todo o curso 2017/2018 e unha persoa que se incorporará no segundo cuadrimestre, cifra esta última provisional xa que a matrícula está aberta ata finais de ano. Trátase en total de 25 persoas de nove nacionalidades entre as que destaca en número o grupo procedente de Italia.

Despois de que este luns se celebrase no campus de Vigo o acto de benvida ao alumnado foráneo, este martes foi a quenda do campus de Ourense. Eva Garea, técnica superior de Relacións Internacionais, e representantes dos servizos de Deportes, Cultura, Normalización Lingüística, Biblioteca, Gabinete Psicopedagóxico e Centro de Linguas foron os encargados de recibir aos novos estudantes e explicarlles en detalle a oferta formativa, cultural e deportiva da Universidade de Vigo. Dos 384 estudantes que xa confirmaron a súa estadía na Universidade de Vigo este curso, lembrouse no acto, 25 elixiron escolas e facultades de Ourense, e na súa maioría chegan ao abeiro do Programa Erasmus, completándose a cifra con alumnado procedente de convenios bilaterais e programas como ISEP ou Erasmus+ Prácticas, entre outros.

Por centros, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo é que máis alumnado estranxeiro recibe no campus de Ourense, un total de doce. Séguelle Ciencias da Educación con seis; Ciencias, con tres, e Dereito e Historia, con dous cada un deles. Por países de procedencia, encabeza a lista Italia, de onde chegan 10 estudantes. Sitúanse a continuación Francia e México, con tres persoas de cada un destes países, e Colombia, Bélxica e Turquía, orixe de dous estudantes cada un deles. Completan este mosaico de nacionalidades Alemaña, Letonia e Portugal, cun representante de cada un.

Boas primeiras impresións

Entre os estranxeiros e estranxeiras que este martes foron recibidos no campus de Ourense estiveron as italianas Roberta Usai e Elena Usai. Procedentes as dúas da cidade de Cagliari, co mesmo apelido e estudando Educación no mesmo centro, non se coñecían ata participar nesta iniciativa de mobilidade internacional. Ambas as dúas salientan que escolleron este centro porque, no seu desexo de vir a estudar a España, a facultade ourensá era a que mellores condicións lle ofrecía para ter docencia tamén en inglés, idioma que aseguran dominar máis que o castelán. Aínda á espera de comezar estes días as primeiras clases, apuntan as boas impresións que teñen do ambiente nunha cidade “moi bonita e con xente moi agradable”.

De diferentes cidades de México, concretamente de Ensenada e Torreón Coahuila, proceden Jesús Omar e Andrea Román, que se incorporan ás aulas da Facultade de Dereito. El chega a Ourense despois de que unha prima súa lle recomendase que estudase, ao igual que ela, en Galicia. Cando xa pasaron un par de semanas desde a súa chegada, Jesús Omar salienta “o linda que é a cidade e o campus” e os contrastes coa súa cidade de orixe, cuxos dous millóns de habitantes, paisaxe desértica e planicie distan moito das características da cidade que agora o acolle. Tamén destaca este estudante a seguridade, a amabilidade da xente e “a calidade das infraestruturas da Universidade”. Estas boas primeiras impresións son compartidas por Andrea Román, que subliña como se atopou cunha universidade “moi moderna a pesar de ser pública”, tomando como referente o sistema educativo do seu país. Con eles e elas tamén estaba este martes Andrey Cornic, estudante que se incorpora ás aulas de Turismo co desexo “de aprender español” e vivir unha experiencia de mobilidade internacional, dous elementos que, salienta, poden ser de utilidade para o seu futuro profesional.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós