DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 13 de setembro do 2017

A Área de Benestar, Saúde e Deporte mantén aberta a inscrición nas súas diferentes iniciativas

Dúas semanas de portas abertas para poñer en movemento á comunidade universitaria

Entre os días 18 e 30, será libre a participación nas actividades dirixidas para aboados e aboadas


ImageO inicio dun novo curso constitúe tamén é unha boa oportunidade para manterse ou poñerse en forma e para axudar neste propósito a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade propón no campus unha serie de servizos e actividades que desde inicios de mes manteñen aberta a súa inscrición. Ademais de ligas internas ou dos centros deportivos colaboradores, a área organiza por segundo curso unha serie de actividades dirixidas gratuítas para os usuarios dos abonos Muver e Ponte en Forma, que estarán abertas á participación de calquera membro da comunidade universitaria entre os días 18 e 30 deste mes.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
O inicio dun novo curso constitúe tamén é unha boa oportunidade para manterse ou poñerse en forma e para axudar neste propósito a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade propón no campus pontevedrés unha serie de servizos e actividades que desde inicios de mes manteñen aberta a súa inscrición. Ademais de ligas internas ou dos centros deportivos colaboradores, a área organiza por segundo curso unha serie de actividades dirixidas gratuítas para os usuarios dos abonos Muver e Ponte en Forma, que, con motivo da conmemoración da Semana Europea do Deporte, estarán abertas á participación de calquera membro da comunidade universitaria entre os días 18 e 30 deste mes.

Trátase, de cross training, unha serie de exercicios de resistencia, forza e flexibilidade; ciclo indoor, unha actividade de bicicleta estática con coreogarfías; pilates e ioga, a novidade no presente curso. Con inscrición gratuíta para aboados e aboadas a través da plataforma Deporxest, todas elas contarán con dúas sesións semanais, ás que hai que sumar tamén as diferentes sesións de fitness express que se desenvolverán en cada xornada no ximnasio do Pavillón Universitario. “Trátase dunha actividade que non precisa de inscrición previa, pensada para xente que non ten moito tempo e que en 20 minutos pode facer un circuíto de exercicios de alta intensidade de forza e resistencia”, explica o técnico da área, Gustavo Loureiro, dunha das novidades nesta serie de actividades a disposición dos usuarios e usuarias dos abonos Muver e Ponte en Forma. O primeiro, con diferentes prezos para membros da universidade universitaria, cónxuxes e fillos, egresados e persoas alleas á Universidade, dá acceso á sala de cardio-fitness e a estas actividades, así como descontos noutra serie de iniciativas da area. Máis de 400 persoas empregaron o pasado curso este abono ao que hai que sumar o Ponte en Forma, que engade a estas opcións unha valoración médico-deportiva ao inicio e final do curso e un plan de exercicio físico personalizado personalizado.

No pavillón, no campus e noutros puntos da cidade

Co propósito de achegar estas propostas á comunidade universitaria, dúas destas actividades trasládanse ás facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia. Na primeira delas desenvolveranse as sesións de cross training, nos mediodías de martes e xoves e na segunda celebraranse as clases de ioga luns e mércores.

Así mesmo, nas propostas da Área de Benestar, Saúde e Deporte atópanse tamén os servizos de Fisioterapia e Medicina Deportiva e a oferta de centros deportivos colaboradores, que ofrecen á comunidade universitaria descontos no seu servizos. Trátase, no caso de Pontevedra, da Piscina Municipal de Campolongo, o CD Rías do Sur, o Centro Budo, Ximnasio Ardeas e Formas Ximnasios Femininos.

Do mesmo xeito, tamén permanece aberta, desde principios de setembro, a inscrición nas competicións internas de deportes colectivos, nas que o pasado curso participaron 25 equipos no campus, integrados por 255 persoas.

O pavillón renova a súa faciana

Este deportivo inicio de curso chega acompañado dunha serie de actuacións coas que a Vicerreitoría do campus buscou renovar a faciana do Pavillón Universitario. Ademais da instalación de lonas identificativas no seu exterior e interior, os traballos acometidos nos últimos meses abrangueron o pintado dos vestiarios, coa colaboración do Concello, ou a colocación dunha fonte de auga e de cristais protectores nas súas gradas, traballos que á vez se suman á instalación, o pasado curso, dun ascensor que contribuíse a mellorar a accesibilidade destas instalacións.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós