DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 18 de setembro do 2017

CCSS e da Comunicación acolle o II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia

Preto de 20 especialistas afondan na necesidade dun novo relato para a Unión Europea

Na conferencia inaugural, Camilo Nogueira defendeu a UE como un "fito democrático revolucionario"


ImageTras formular unha ollada integral á acción exterior de Galicia na súa edición inaugural, o Congreso de Estudos Internacionais de Galicia que a Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade promove xunto co Igadi buscou para a súa segunda edición centrarse nun dos marcos de acción exterior de maior incidencia para o país. Ese non podía ser outro que a Unión Europea, “o primeiro bloque internacional no que debe saber desenvolverse Galicia” e o eixo do debate que hoxe luns e mañá martes reúne na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a preto de 20 expertos en áreas como a política ou a economía, co propósito de analizar, desde Galicia, o futuro dunha unión “que está atravesando uns momentos de crise, sobre todo arredor do Brexit, pero tamén da rexeneración que busca o eixo franco-alemán”, como apunta o director do Igadi, Daniel González Palau.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Tras formular unha ollada integral á acción exterior de Galicia na súa edición inaugural, o Congreso de Estudos Internacionais de Galicia que a Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade promove xunto co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) buscou para a súa segunda edición centrarse nun dos marcos de acción exterior de maior incidencia para o país. Ese non podía ser outro que a Unión Europea, “o primeiro bloque internacional no que debe saber desenvolverse Galicia” e o eixo do debate que hoxe luns e mañá martes reúne na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a preto de 20 expertos en áreas como a política ou a economía, co propósito de analizar, desde Galicia, o futuro dunha unión “que está atravesando uns momentos de crise, sobre todo arredor do Brexit, pero tamén da rexeneración que busca o eixo franco-alemán”, como apunta o director do Igadi, Daniel González Palau. De aí que o congreso arrincase cunha apelación á importancia de construír un “novo relato” para o proceso de integración europea, que permita que a cidadanía “crea realmente na súa importancia”, como salientou o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo.

Repensar Europa desde aquí é o título dun congreso codirixido por González Palau e os profesores Álvaro Xosé López Mira e Celso Cancela, que conta cun máis de 50 inscritos e que busca promover, “desde Galicia, unha reflexión do que está a acontecer en Europa”, como salientou o director do Igadi. “A un mes de que reciba o premio Princesa de Asturias da Concordia, son moitas as voces críticas coa Unión Europea que se ten construído”, lembrou o decano de CCSS e da Comunicación, Xosé Manuel Baamonde, nun acto de apertura no que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, salientou o congreso como un “espazo de reflexión fundamental” e puxo de relevo a importancia da internacionalización.

O presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, salientou pola súa banda o importante papel que a Universidade, con iniciativas como esta, pode xogar na “formulación de alternativas”, mentres que o deputado provincial de Economía, Carlos López Font, incidiu na importancia de “volver a construír a imaxe de Europa como un espazo común e compartido”. Nesa mesma liña, Jesús Gamallo puxo o acento en que “o consenso básico” que durante décadas existiu entre as elites europeas e a cidadanía de que “Europa era necesaria” perdeuse nos últimos anos como consecuencia da crise “e tamén da desafección da cidadanía respecto do proxecto europeo”. De aí que o representante da Xunta incidise na necesidade dese novo relato, xa que “o futuro pasa por ilusionar á cidadanía e avanzar con transparencia”.

Europa, a revolución democrática

A conferencia inaugural deste Congreso de Estudos Internacionais de Galicia correu a cargo do político e economista Camilo Nogueira, eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004, quen iniciou a súa intervención defendendo a creación da UE como un “fito democrático revolucionario”, que uniu “países enfrontados durante décadas” e foi capaz de construír “un marco de paz e seguranza". “Para min, a revolución democrática é ir máis aló de todo o conseguido”, salientou o conferenciante, que reivindicou a UE como “a primeira economía mundial, por riba dos Estados Unidos e de China”, ao tempo que apuntou tamén algunhas “cuestións cruciais” por resolver, como “a dependencia dos EEUU, froito da política de alianzas”, a política exterior en materia de seguranza, a loita contra a pobreza ou a defensa do medio ambiente.

Nun relatorio titulado Galeguismo e europeísmo, o ex-europarlamentario defendeu tamén que “os tratados da Unión Europea non impiden o recoñecemento das diversas nacións, nin das derivadas de procesos de autodeterminación”. Varios dos estados que integran actualmente a unión “teñen esa orixe”, lembrou Nogueira nunha conferencia na que subliñou que, no contexto comunitario, “ninguén impide que Galicia estea representada como nación”.

Reflexións desde Galicia para a UE

Estruturado en catro mesas redondas, este Congreso de Estudos Internacionais, que dará pé a un número monográfico da revista Tempo Exterior do Igadi, parte do “convencemento pleno que desde Galicia pódese facer unha reflexión válida para o conxunto da Unión Europea”, como salienta López Mira. De aí que ademais do papel da autonomía neste contexto, un dos eixos do debate sexan “as oportunidades, problemas e desafíos que este espazo vai ter nos próximos anos”, como engade González Palau.

Así, trala conferencia inaugural, o debate abriuse coa mesa Europa, de novo na encrucillada, na que participaron os profesores Argimiro Rojo, da Universidade de Vigo, e Antonio Pereira, da Santiago, xunto coa directora da Oficina Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos. Xa o martes, o congreso ábrese coa sesión económica na que participan os profesores Xabier Martínez Cobas (Universidade de Vigo), Xavier Vence (USC) e Anxo Calvo (UDC), continuada pola mesa sobre cuestións socioculturaisis, na que intervirán os profesores da institución viguesa Albino Prada, Constantino Cordal e Celso Cancela.

A sesión sobre política exterior e seguridade Europa, no mundo con voz propia, coas intervencións do investigador da USC Rafael García Pérez, a profesora da Universidade do Minho Sandra Fernandes e a directora de Esglobal, Cristina Manzando, pechará un debate que clausuraráa conferencia A idea de Europea do director do Instituto Choiseul de xeoeconomía e intelixencia económica, Eduardo Olier.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós