DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 19 de setembro do 2017

A conmemoración da Semana Europea de Mobilidade pecha ao tráfico parte da estrada central

A diversión substitúe aos coches no campus de Pontevedra

Diferentes actividades lúdicas buscan nestas xornadas sensibilizar sobre o uso de transportes alternativos


ImageUn circuíto dedicado a medios de transporte alternativos, a realización dun mural ou postos informativos sobre actividades para a mocidade e hábitos de ocio saudable ocupan desde este martes un espazo habitualmente reservado aos vehículos no campus de Pontevedra. A conmemoración da Semana Europea da Mobilidade pecha durante estes días ao tráfico o treito da estrada central situado entre a rotonda de acceso ao campus da Xunqueira e a situada fronte a Ciencias da Educación e do Deporte, ambas abertas á circulación. No seu lugar, este espazo é ocupado nos mediodías de martes, mércores e xoves, por unha serie de propostas lúdicas abertas ao conxunto da cidadanía. “É o segundo ano que celebramos esta actividade, que se enmarca no plan de acción do proxecto Green Campus”, salienta o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Un circuíto dedicado a medios de transporte alternativos, a realización dun mural ou postos informativos sobre actividades para a mocidade e hábitos de ocio saudable ocupan desde este martes un espazo habitualmente reservado aos vehículos no campus de Pontevedra. A conmemoración da Semana Europea da Mobilidade pecha durante estes días ao tráfico o treito da estrada central situado entre a rotonda de acceso ao campus da Xunqueira e a situada fronte a Ciencias da Educación e do Deporte, ambas abertas á circulación. No seu lugar, este espazo é ocupado nos mediodías de martes, mércores e xoves, por unha serie de propostas lúdicas abertas ao conxunto da cidadanía.

“É o segundo ano que celebramos esta actividade, que se enmarca no plan de acción do proxecto Green Campus”, salienta o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, dunha iniciativa que busca “a concienciación respecto da idea dunha mobilidade responsable e respectuosa co medio ambiente” así como tamén o fomento de hábitos de vida saudables. Trátase ademais, explica o vicerreitor, dunha serie de actividades abertas nestas tres xornadas en horario de 13.00 a 16.00 horas non só á comunidade universitaria, senón tamén a toda a cidadanía, o que motivou que a campaña de difusión previa abranguese tamén os diferentes centros de ensino situados na contorna da Xunqueira.

Tres días de actividades

Entre as actividades que integran esta conmemoración atópase o Green Circuit, un espazo no que sortear unha serie de obstáculos enriba dun ninebot, un pequeno vehículo eléctrico de dúas rodas, ou dun longboard, un monopatín de grandes dimensións “pensados para desprazamentos longos”, como explica Julián Montoto, un dos técnicos encargados do evento. Tamén durante estes días, aqueles e aquelas que se acheguen polo campus poderán participar na Green Adventure, unha cinta na que pór a proba o equilibrio.

A estas dúas propostas súmase ademais Green & Art, a realización, coa colaboración da comunidade universitaria, dun mural que reproduce un mapa de Pontevedra no que se sinalizan os seus espazos verdes e no que se empregarán diferentes materiais de refugallo. Ao seu carón, atópase situado o posto informativo do programa A que xogas?, da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, onde se ofrece información respecto de substancias aditivas como alcol ou drogas e sobre hábitos de vida saudable, ao que se engade o stand no que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ofrece información dos seus diferentes programas.

Así mesmo, nas xornadas de mércores e xoves sumaranse a estas actividades as Green Bubbles, unhas burbullas xigantes nas que atravesar unha piscina e o programa de actividades complétase coa Green Masterclass, unha sesión de zumba ao aire libre que terá lugar o xoves de 13.00 a 14.00 horas.

Préstamo de bicicletas

Nese mesmo obxectivo de potenciar o uso de transportes sustentables e coincidindo con esta Semana Europea da Mobilidade, a Vicerreitoría vén de poñer en marcha, na plataforma Deporxest, un sistema de préstamo de 14 bicicletas doadas polo Concello á Universidade e que a institución académica pon a disposición da comunidade universitaria. “Trátase dun paso máis en liña coas obras realizadas no seu momento para conectar o carril-bici da cidade co campus”, apunta Corbacho dunha iniciativa deste sistema de préstamo gratuíto, previo depósito dunha fianza de 30 euros.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós