DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 05 de outubro do 2017

Representantes das dúas institucións mantiveron unha reunión coa súa comisaria, Julia Fabry

Vicerreitoría e Concello traballan para organizar a maior exposición en España da cineasta Agnès Varda

O proxecto engloba unha mostra de fotografía e instalacións, un ciclo de cine e outro de conferencias


ImageConsiderada un dos nomes de referencia da Nouvelle Vague, a cineasta Agnès Varda foi recoñecida ao longo da súa traxectoria con premios como a Palma de Ouro de Cannes, o León de Ouro de Venecia ou o César de honor, aos que sumará o Óscar honorífico da Academia de Hollywood. Mais, ademais de cinema, Varda ten destacado pola súa traxectoria como fotógrafa e polo labor como artista plástica que iniciou en 2003. Tres facetas que a Vicerretoría e o Concello de Pontevedra, coa colaboración tamén da Deputación, traballarán para achegar a Pontevedra, a través dunha exposición que sería a maior dedicada a Varda en España.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Considerada un dos nomes de referencia da Nouvelle Vague francesa, a cineasta belga residente en París Agnès Varda foi recoñecida ao longo da súa traxectoria con premios como a Palma de Ouro de Cannes, o León de Ouro de Venecia, o César de honor ou, máis recentemente, o Premio Donostia na última edición do seu Festival Internacional de Cine, aos que se sumará en novembro o Óscar honorífico da Academia de Hollywood. Mais, ademais de cinema, Varda ten destacado pola súa traxectoria como fotógrafa, que iniciou en 1948, e polo labor como artista plástica que iniciou en 2003. Tres facetas que a Vicerretoría do campus e o Concello de Pontevedra, coa colaboración tamén da Deputación, traballarán para achegar a Pontevedra, a través dunha exposición que sería a maior dedicada a Varda en España e que se complementaría coa organización dun ciclo de cine e outro de conferencias sobre a cineasta.

O proxecto que as institucións intentarán levar adiante en 2018 foi presentado nesta xornada no Concello por Julia Fabry, quen desde hai máis de dez anos traballa como asistente e comisaria das exposicións de Varda. Fabry mantivo un encontro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; as concelleiras de Cultura e Promoción da Cidade, Carmen Fouces e Anabel Gulías; o deputado provincial Xosé Leal; o director da Área de Extensión do campus, Manuel Morquecho; e a programadora e coordinadora dos ciclos de cine francés da Vicerreitoría, Bárbara Santos.

Un proxecto con catro eixos para situar a Pontevedra no mapa

“A transcendencia dunha exposición destas características non se lle escapa a ninguén, estamos a falar dunha persoa que ten unha proxección internacional e que nos últimos anos estivo practicamente en todas as grandes cidades do mundo”, salientou Fernández Lores na rolda de prensa celebrada tras unha xuntanza que, como lembrou, parte das xestións iniciadas hai máis dun ano pola Área de Extensión Cultural do campus.

O seu responsable, Manuel Morquecho, foi o encargado de presentar as catro partes que engloba un proxecto, “que queremos facer o máis grande posible”. Por unha banda, estaría unha exposición que reúna traballos fotográficos e instalacións de Varda, que, de levarse a cabo, sería a súa segunda exposición artística en España, trala realizada en Sevilla en 2013, e tamén a de maiores dimensións, como apuntou Fabry, quen tras coñecer este martes o Pazo da Cultura, do que destacou a súa luz e amplitude, visita nesta xornada o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

Esta mostra tería como complemento un ciclo de cine no que percorrer a traxectoria dunha cineasta que debutou en 1954 con La Pointe courte e que nestes días atópase presentando nos Estados Unidos o seu último filme, Visages, Villages. “Pola súa temática e polo papel preponderante que outorga a persoas e espazos, o seu cine encaixaría de marabilla nesta cidade”, salientou Morquecho. Estas dúas propostas completaríanse ademais cunha serie de conferencias e cun taller para nenos e nenas centrado no seu filme Jacquot de nantes, baseado na traxectoria vital do que foi o seu marido, o falecido cineasta Jacques Demy.

“É un proxecto moi interesante”, recoñeceu Fabry, quen recoñeceu que na actualidade as instalacións de fotografía e vídeo, constitúen a “parte máis importante do traballo de Varda”, da que destacou a actividade que continúa desenvolvendo aos seus 89 anos e que está dando lugar a “moitos proxectos de exposicións en todo o mundo”. Nova York e La Habana foron de feito as cidades nas que máis recentemente puido verse o traballo da artista e cineasta antes dese posible paso por Pontevedra e de posteriores mostras en Arxentina e en Los Ángeles.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós