DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 06 de outubro do 2017

O luns 9 na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, organizada polo catedrático Jaime Cabeza

Unha xornada analiza o culto á xuventude e estereotipos de xénero como claves da discriminación da muller no mercado de traballo

A discriminación múltiple provoca situacións de desigualdade por seren mulleres e pola súa idade


En marzo deste ano o Tribunal Superior da Unión Europea publicou dúas resolucións que consideran discriminación relixiosa o despido de dúas mulleres por usar o velo islámico. No mes de xullo unha sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo condenaba a Portugal por rebaixar a indemnización a unha muller que, froito dunha operación, quedou incapacitada para ter relacións sexuais, por ter a demandante máis de 50 anos. Para o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade, Jaime Cabeza, estes son dous exemplo de discriminación múltiple. Neste aspecto leva varios anos traballado o grupo de investigación de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, que coordina Cabeza, e que este luns organiza a xornada Discriminación por idade da muller no mercado de traballo.

M. Del Río | Vigo
En marzo deste ano o Tribunal Superior da Unión Europea publicou dúas resolucións que consideran discriminación relixiosa o despido de dúas mulleres por usar o velo islámico. No mes de xullo unha sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo condenaba a Portugal por rebaixar a indemnización a unha muller que, froito dunha operación, quedou incapacitada para ter relacións sexuais, por ter a demandante máis de 50 anos. Para o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade, Jaime Cabeza, estes son dous exemplo de discriminación múltiple. Pregúntase como tería sido o resultado se no primeiro caso, en lugar de mulleres musulmás, fosen homes coa vestimenta tradicional ou se no segundo fose un home de máis de 50 anos o que perdese a súa capacidade para manter relacións sexuais. Ambos son casos nos que se conviven varias discriminacións que afectan ás mulleres, “mesturando discriminación relixiosa e sexual e sexual e por idade”, o que se da en chamar discriminación múltiple. Neste aspecto leva varios anos traballado o grupo de investigación de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, que coordina Cabeza, e que este luns organiza a xornada Discriminación por idade da muller no mercado de traballo.

“A discriminación múltiple non é unha suma de discriminacións, é unha situación cualitativamente diferente”, destaca Cabeza, que pon como exemplo que a discriminación que pode sufrir unha muller non é igual se é lesbiana ca se é heterosexual; non igual se é musulmá que se é católica. Ao longo desta xornada, os asistentes poderán debater, centrándose na idade, “sobre estereotipos que afectan ás mulleres, sobre a presión social pola imaxe e sobre o culto á xuventude”, factores todos eles que provocan que as mulleres sufran discriminación na súa vida profesional tanto polo seu xénero como pola idade.

A xornada desenvolverase na tarde do luns na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo co apio da Unidade de Igualdade e contará coa participación de docentes e xuristas e. A finalidade é presentar os problemas que enfronta a muller no mercado laboral por mor da idade, co fin de formar o alumnado no concepto de discriminación múltiple e na súa problemática. Ademais, os poñentes tamén farán un repaso polas circunstancias que, ao longo da vida activa das mulleres, provocan a desvantaxe retributiva da mulleres, prestando especial interese á discriminación que sofren as mulleres a partir da idade madura.

Discriminación múltiple: xénero e idade

“Para falar da discriminación da muller no mercado laboral por causa da idade hai que falar de estereotipos”, sostén o catedrático, patróns socialmente estendidos que relacionan, por exemplo, ás mulleres novas con “persoas inseguras, pouco profesionais e pouco de fiar”. No caso das mulleres maduras, a situación complícase porque “semella que todo o que non sexa novo debe esconderse, existe un culto á mocidade, á xuventude e todo o que sae dese esquema non encaixa, o vello é obsoleto”, destaca o docente. Para as mulleres aínda é peor, xa que os requirimentos sociais e estéticos son maiores, “os homes son maduros, as mulleres vellas”. Esta invisibilidade das mulleres maiores reflíctese por exemplo, na escasa presenza de mulleres con cargos relevantes que rolden os 75 anos, cando no xénero masculino é moi habitual. A taxa de ocupación tamén reflexa esta discriminación por idade, xa que mentres na etapa 33-50 a presenza feminina é “aceptable”, a partir desta barreira “cae en picado”. “A invisibilidade, as cargas sociais, os coidados dos familiares, etc. fan que as mulleres abandonen antes o mercado de traballo”, lembra o catedrático.

Programa da xornada

A xornada arranca ás 17.30 horas coa presentación oficial e seguidamente terá lugar o primeiro relatorio da man de María Belén Cardona, catedrática de Dereito do Traballo e a Seguridade Social da Universitat de València, que analizará o binomio muller/idade, afondando na discriminación múltiple, nas imaxes estereotipadas e nas vulnerabilidades tanto das mulleres novas como das mulleres maiores.

Seguidamente Fernando Lousada, maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e doutor en Dereito, presentará unha análise sobre a normativa da Unión Europea de loita contra a discriminación por idade e por xénero.
A terceira relatora da xornada será Carmen Viqueira, catedrática de Dereito do Traballo e a Seguridade Social da Universidad de Alicante, que falará sobre a protección da muller contra a discriminación por idade no marco interno e internacional. Tras a súa intervención a xornada pecharase cun debate.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós