DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 10 de outubro do 2017

Amigos da Terra organizou este martes unha xornada informativa sobre este servizo

Ese 'gran descoñecido' chamado voluntariado europeo

As persoas asistentes puideron coñecer de primeira man testemuños de beneficiarios e beneficiarias


ImagePor segundo ano consecutivo, a asociación ecoloxista Amigos da Terra escolleu este martes o campus de Ourense para celebrar a xornada de peche da súa iniciativa de promoción do Servizo Voluntario Europeo, realizada ao abeiro do Programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Nela, organizacións e persoas interesadas neste tema puideron, ademais de recibir toda a información precisa del, coñecer de primeira man testemuños de persoas que foron ou son voluntarios europeos. “Este servizo é o gran descoñecido para a xente”, destacou Patricia Iglesias, responsable de Voluntariado de Amigos da Terra.

Rosa Tedín | Ourense
Por segundo ano consecutivo, a asociación ecoloxista Amigos da Terra escolleu este martes o campus de Ourense para celebrar a xornada de peche da súa iniciativa de promoción do Servizo Voluntario Europeo, realizada ao abeiro do Programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Nela, organizacións e persoas interesadas neste tema puideron, ademais de recibir toda a información precisa del, coñecer de primeira man testemuños de persoas que foron ou son voluntarios europeos. “Este servizo é, a pesar de todas as vantaxes que ofrece en comparación con outros programas de mobilidade, o gran descoñecido para a xente”, destacou Patricia Iglesias, responsable de Voluntariado de Amigos da Terra.

Patricia Iglesias e Ángel Dorrío, tamén técnico de Amigos da Terra, foron os encargados de explicar nesta Xornada de Experiencias sobre Voluntariado Europeo que é este servizoo, os requisitos para participar, a duración, as actividade que contempla, os conceptos que financia, etc. Segundo salientaron, Amigos da Terra leva desde o ano 2000 participando tanto como entidade de acollida coma de envío de voluntariado europeo, acollendo nestes 17 anos a arredor de 70 voluntarios e voluntarias procedentes de diferentes países e enviando a case medio centenar de ourensáns a proxectos europeos de todo tipo. Esta bagaxe, afirmaron, permítelles destacar os "bos resultados que ten tanto para as entidades como para as persoas participantes".

Información e testemuños

A través deste programa, detallouse na xornada, persoas menores de 30 anos poden traballar en máis de 20 países de Europa por un período que pode ir de 2 a 12 meses, colaborando a tempo completo en diversos proxectos que poden ser de carácter social (infancia, xuventude, persoas maiores), tecnolóxico, deportivo, artístico, cultural, patrimonial ou ambiental, entre outros. Durante a súa realización, as persoas beneficiarias reciben apoio lingüístico e teñen cubertos os custes de aloxamento, manutención, viaxe, visado e seguro médico, ademais de recibir mensualmente unha pequena cantidade de diñeiro. “En tempos como os actuais, nos que se valora tanto o coñecemento de idiomas e a experiencia, participar neste voluntariado pode ser unha oportunidade moi boa para aumentar as probabilidades de empregabilidade e unha experiencia persoal e profesional única”, apuntou Patricia Iglesias aos asistentes.

A sesión celebrada este martes no campus tamén contou coa presentación de experiencias de voluntariado de diversas organización e persoas. Entre elas estivo Cindy Martínez, da asociación ambiental Sustinea, unha entidade que ao igual que Amigos da Terra tamén acolle voluntarios e voluntarias europeas. Acompañada por dúas desas persoas, Steve, procedente de República Cheva, e Ruken, de Turquía, a técnica explicou a satisfacción que supón tanto para a súa entidade como para os participantes esta experiencia de mobilidade. Steve e Ruken estiveron desde marzo e ata finais de outubro colaborando na horta ecolóxica que ten Sustinea na Carballeira, apoiando o seu cultivo orgánico e sobre todo participando das actividades de divulgación que nela se realizan para diferentes colectivos, entre eles nenos e nenas, como obradoiros, formacións ou campos de traballo. “O balance é moi bo, vale a pena participar”, recalcou Cindy Martínez.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós