DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 13 de outubro do 2017

A tese de José Carregal é o primeiro traballo de doutoramento en España sobre o autor irlandés

De como o escritor Colm Tóibín contribuíu á redefinición da familia tradicional irlandesa

Analizou oito obras do xornalista e escritor de 'The Blackwater Lightship', 'Brooklyn' e 'Nora Webster'


ImageUnha muller que escapa da súa vida como nai e esposa en Irlanda, exiliándose en España para comezar unha nova existencia. Un home vítima da sida que reúne a súa familia biolóxica e aos seus amigos homosexuais. Unha Virxe María que rebela unha conflitiva relación co seu fillo Xesús. Un xuíz conservador que protagoniza polémicas sentenzas froito da tradición nacionalista, dogmática e patriarcal na se formou e que chocan coa sociedade liberal emerxente da Irlanda de principios da década de 1990. Estes son as e os protagonistas das obras The South, The Blackwater Lightship, The Testament of Mary e The Heather Blazing, respectivamente, do escritor e xornalista irlandés Colm Tóibín, que xunto a Brooklyn, Nora Webster e os relatos curtos Entiendes e One Minus One, analizou José Carregal na súa tese de doutoramento, a primeira presentada en España sobre a obra literaria do autor nacido Enniscorthy en 1995.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Unha muller que escapa da súa vida como nai e esposa en Irlanda, exiliándose en España para comezar unha nova existencia. Un home vítima da sida que reúne a súa familia biolóxica e aos seus amigos homosexuais. Unha Virxe María que rebela unha conflitiva relación co seu fillo Xesús. Un xuíz conservador que protagoniza polémicas sentenzas froito da tradición nacionalista, dogmática e patriarcal na se formou e que chocan coa sociedade liberal emerxente da Irlanda de principios da década de 1990. Estes son as e os protagonistas das obras The South, The Blackwater Lightship, The Testament of Mary e The Heather Blazing, respectivamente, do escritor e xornalista irlandés Colm Tóibín, que xunto a Brooklyn, Nora Webster e os relatos curtos Entiendes e One Minus One, analizou José Carregal na súa tese de doutoramento Contemporary Redefinitions of the Irish Family in Colm Tóibín's Fiction, a primeira presentada en España sobre a obra literaria do autor nacido Enniscorthy en 1995.

No seu traballo de doutoramento, dirixido pola docente e investigadora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá Teresa Caneda, José Carrregal comeza por analizar as conexións entre o nacionalismo irlandés e a familia católica, que servía como ideal de organización social e principios morais, excluíndo ás persoas homosexuais e reprimindo a liberdade das mulleres. Tras dar conta do papel de Tóibín como intelectual público que promove ideas de igualdade e xustiza social e describir as principais características da literatura contemporánea irlandesa e da obra do escritor irlandés, José Carregal analiza seis novelas e dous relatos curtos protagonizados por persoas que atopan noutros individuos un sentido de fogar, domesticidade e pertenza que vai máis aló do modelo tradicional de familia. “Tóibín desestabiliza o concepto canónico de familia mediante unha visión revisionista e unha definición alternativa da institución familiar. Nos seus relatos da sociedade irlandesa escapa de clixés e estereotipos, tratando de achegar reflexión de como o público afecta ao ámbito máis privado das persoas, no seu propio concepto e nas relacións coa comunidade”, explica José Carregal, para quen a familia na obra de Tóibín convértese nunha das metáforas máis importantes que o autor emprega a modo de análise social.

Un compromiso ético coa promoción de valores sociais de tolerancia e inclusión en Irlanda

Os debates públicos, que tiveron lugar en España a raíz da aprobación no ano 2005 da Lei de matrimonio homosexual, nos que se polemizaba sobre que era ou debería ser unha familia ou un matrimonio e a lectura da obra de Colm Tóibín, espertaron o interese de José Carregal por investigar as redefinicións de cidadanía e familia na Irlanda contemporánea. “Ao longo das últimas décadas o modelo católico de familia, coa súa exclusión dos homosexuais, indisolubilidade do matrimonio e ideoloxía patriarcal, foi obxecto de numerosos debates, dando lugar a que o propio concepto de familia cambiase notablemente. Como afamado xornalista e autor literario, Tóibín contribuíu claramente a esta redifinición da familia, tanto na súa obra xornalística como literaria”, detalla o doutor pola Universidade de Vigo, que incide en que o autor irlandés, lonxe de axustarse aos estereotipos de familia, ofrece complexas pero realistas representacións da familia como inestable, vulnerable e, sobre todo, aberta a cambios.

Para José Carregal, Colm Tóibín a través da representación da familia incide en aspectos socioculturais a miúdo marxinados, mentres expresa un compromiso ético á hora de promover valores sociais de tolerancia e inclusión nunha Irlanda, na que os valores da familia católica determinaban os comportamentos sociais arredor do xénero e da sexualidade “Tóibín axudou a desenmascarar realidades silenciadas como mulleres que viaxaban a Inglaterra a abortar, marxinalización de mulleres solteiras, violencia doméstica ou infanticidio”, asegura o autor da tese, para quen a día de hoxe a idea de familia en Irlanda foi redefinida e agora reflicte ideas de xustiza social e dereitos individuais como equidade de mulleres e homosexualidade.

Institucionalización da familia tradicional e post-colonialismo

A familia tradicional institucionalizouse en Irlanda despois da independencia en 1922 e na constitución de 1937, xogando un papel fundamental na promoción do culto á domesticidade que exercía gran control sobre as mulleres, mentres que a homosexualidade recibía unha dura condena social. “Colm Tóibín insírese nun clima socio-político chamado post-nacionalismo que emerxeu a principios da década de 1990, no que a república irlandesa experimentou cambios na sociedade e na cultura, como a perda de poder da igrexa católica, a legalización en 1993 da homosexualidade masculina e voto a favor de implementar o divorcio en 1995”, explica José Carregal, que destaca que as obras de ficción da corrente post-colonialista mostran o compromiso social e político, sacando á luz e denunciando realidades marxinadas ata entón.

“Non me cabe dúbida, por tanto, que Tóibín ten que ser estudado non só como un dos máis relevantes escritores irlandeses contemporáneos, senón como un importante referente intelectual”, asegura o autor da tese, que destaca o estilo literario aparentemente sinxelo e austero, pero cheo de matices do xornalista e escritor irlandés, que lonxe de moralizar nas súas obras “emprega a ambigüidade para recrear as contradicións ás que todos nos vemos abocados ante dilemas persoais que comprometen os nosos propios esquemas éticos”. José Carregal atópase na actualidade desenvolvendo unha investigación sobre Literatura e homosexualidade no University College Dublin coa única bolsa postdoutoral da Xunta de Galicia de Humanidades concedida á Universidade de Vigo.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós