DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 13 de outubro do 2017

A antropóloga Fátima Braña investiga arredor das prácticas nestes lugares

Os espazos termais, fonte de valores simbólicos e patrimoniais

O estudo lígase ás temáticas de interese do proxecto de especialización do Campus da Auga


ImageTendo como base a temática da auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga naceu cunha vocación multidisciplinar, facendo fincapé en que a investigación ao redor deste recurso empape as diversas liñas de investigación que se desenvolven nas diferentes facultades e escolas ourensás, non só nas da área científica. Neste senso, a antropóloga da Universidade de Vigo Fátima Braña está a realizar unha análise simbólica e patrimonial dos espazos termais en Ourense no marco dunha liña de investigación que intenta afondar no termalismo e nos usos da auga desde un punto de vista etnográfico, indagando nas prácticas culturais que os rodean.

Rosa Tedín | Ourense
Tendo como base a temática da auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga naceu cunha vocación multidisciplinar, facendo fincapé en que a investigación ao redor deste recurso empape as diversas liñas de investigación que se desenvolven nas diferentes facultades e escolas ourensás, non só nas da área científica. Neste senso, a antropóloga da Universidade de Vigo Fátima Braña está a realizar unha análise simbólica e patrimonial dos espazos termais en Ourense no marco dunha liña de investigación que intenta afondar no termalismo e nos usos da auga desde un punto de vista etnográfico, indagando nas prácticas culturais que os rodean.

“Con esta investigación teórica queremos pór sobre o papel unha das múltiples posibilidades de analizar o uso das termas na actualidade”, sinala a profesora da Facultade de Ciencias da Educación. O obxectivo do traballo que está a realizar é, apunta Fátima Braña, “entender o uso das termas en relación coa práctica termal e a apropiación dos espazos”, tomando como referentes autores teóricos posmodernos. Trátase, engade, de afondar en “como a práctica termal constrúe os espazos das termas, como os transforma en lugares significativos para a experiencia persoal, corporal e no ámbito social do patrimonio cultural”. Segundo relata, o uso habitual das termas fai que as persoas empreguen nelas "rituais" que lles permiten apropiarse do espazo e que lle dan valor, que o converten nalgo representativo non só para o individuo senón tamén para o grupo, abríndose así á consideración destes lugares como patrimonio cultural.

O foco de interese deste estudo, do que foi presentado un avance no II Symposium Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida organizado a finais de setembro pola Vicerreitoría do Campus de Ourense-Campus da Auga, sitúase nos espazos públicos termais de acceso libre de Ourense, como son pozas e fontes. Estes lugares, apunta a antropóloga, “non teñen acoutamento espacial máis alá da configuración dunha paisaxe de carácter lúdico e nesta investigación son considerados como espazos culturais, espazos de socialización”. Desde este prisma, indica Braña, é posible analizar o territorio termal ao amparo da antropoloxía simbólica, “o que nos dará novas formas de achegarnos ao fenómeno termal en Ourense”.

De Foucault a Nantes

A nivel teórico, detalla Fátima Braña, o seu traballo estase centrando na exploración dos espazos termais da cidade a partir de dous eixes: por unha banda aplicando a análise simbólica do territorio e por outra desde o ámbito do patrimonio cultural e a paisaxe cultural. Sobre a análise simbólica, apunta que bebe fundamentalmente do traballo de Foucault e da súa categorización dos espazos de utopía e heterotopias. Estes conceptos de Foucault, sinala, “permítennos ver como as Burgas, que eran consideradas lugares marxinais, vinculadas ao proletariado, convertéronse nalgo patrimonialmente significativo, cambiando a representación do lugar”. Ademais, engade Fátima Braña, este estudo teórico complétase coa perspectiva de Nantes, tomando del os conceptos de dividualidade e topofilia. “O primeiro termo recollémolo por canto se entende que o baño e a inxesta de auga termal constitúe a recuperación e/ou a curación do corpo e o segundo podémolo relacionar coas memorias de benestar e afectividade, relacionadas coas sensacións e vivencias da experiencia termal”.

Sobre o segundo eixe de traballo teórico, a construción patrimonial dos espazos termais, a antropóloga sinala por último que é necesario analizar os parámetros identitarios que se manexan en relación ás termas, pero tamén coñecer as formas da explotación comercial e/ou turística destes mesmos espazos. Desde esta perspectiva, engade, “podemos entender que o valor do termal vén da súa vinculación co tradicional e esta vinculación convérteo en ocasións en fórmula para a elaboración de produtos turísticos competitivos”.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós