DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Luns, 05 de outubro do 2009

A mostra, "Caducas", de Paco Peregrino será inaugurada este xoves

A Sala X abre un novo curso postulándose como un espazo do campus e para a cidade


Image Está a punto de cumprir cinco anos. Un tempo ao longo do que, a golpe de exposicións e propostas artísticas, vén achegando ideas para despexar o X da arte contemporánea. Coa madurez lograda neste período e as gañas intactas, a Sala X, o espazo de exposición artísticas do campus de Pontevedra, encara un novo curso académico no que, como vén sendo habitual, presentará ao seu público as propostas de profesores e alumnos da Facultade de Belas Artes pero tamén outros proxectos de artistas galegos e de fóra de Galicia.

Image
O coordinador da Sala X, Xosé Manuel Buxán
Camino Carballeira | Pontevedra
Está a punto de cumprir cinco anos. Un tempo ao longo do que, a golpe de exposicións e propostas artísticas, vén achegando ideas para despexar o X da arte contemporánea. Coa madurez lograda neste período e as gañas intactas, a Sala X, o espazo de exposición artísticas do campus de Pontevedra, encara un novo curso académico no que, como vén sendo habitual, presentará ao seu público as propostas de profesores e estudantes da Facultade de Belas Artes pero tamén outros proxectos de artistas galegos e de fóra de Galicia.
O escultor Paco Peregrino inaugurará o vindeiro xoves o programa de exposicións do novo curso con Caducas, unha singular instalación escultórica a base de follas secas. Tomará o relevo unha mostra de obras realizadas por profesores da Facultade de Belas Artes, creadas expresamente para o espazo da sala, á que seguirá unha exposición da obra de Elías Pérez, profesor na Universidad Politécnica de Valencia, ademais doutros proxectos nos que aínda se está a traballar. Esta previsión amosa a filosofía coa que naceu a sala de “dar espazo a artistas e profesores da facultade e acoller tamén a outros autores alleos ao centro ou mesmo de fóra de Galicia”, en palabras do seu responsable, o profesor Xosé Manuel Buxán.
Outro aspecto vital no devir da sala nestes últimos anos teñen sido as colaboracións con outras plataformas expositivas como o proxecto catalán Transart, que xa ten recalado varias veces en Pontevedra, ou Circuitos da Comunidad de Madrid. Precisamente este último volverá parar no campus a comezos do vindeiro ano. Trátase dunha mostra que recolle a produción dos novos valores madrileños e nesta edición a Sala X será a súa única sede fóra de Madrid. Estas colaboracións que, segundo apunta Buxán, “enriquecen o proxecto”, revélanse tamén moi importantes para outros proxectos de mecenado artístico da Vicerreitoría como as exposicións itinerantes de artistas acabados de saír da facultade. Lancôme con grelos e Oito_artistas.gal foron os proxectos dos últimos anos e este, toma o relevo Novas da negra sombra que, precisamente por ese vínculo creado ao longo do tempo recalará no Centro de Arte Joven de Madrid, ademais da Sala X e outros espazos expositivos da península.

De taller a sala pública

Antes de ser rebautizada como Sala X (por un concurso de ideas que gañou a proposta de David Carballal e Juan Gallego) e adquirir unha nova imaxe de marca, o espazo que hoxe ocupa, á entrada da Facultade de Belas Artes, era empregado por estudantes e profesores para a presentación de traballos, taller ou pequenas mostras. “Faltáballe unha programación estable, con coherencia interna e orzamento”, apunta Buxán. Foi así como se puxo en marcha un proxecto “cun marcado carácter profesional”, impulsado por Jesús Hernández, actual vicerreitor de campus e naquel momento decano da facultade, e Óscar Rubiños naquel intre vicerreitor de Extensión Universitaria. Unha comisión selecciona desde entón e cada ano as propostas que se levarán á Sala X, das que se editan tarxetas e catálogos “que se distribúen por todos os centros de arte contemporánea de España, como o Musac ou o Reina Sofía, o que lle dá rigor”, apunta Buxán. Ademais, dous bolseiros realizan "un labor agochado pero importantísimo nas montaxes, distribución e apertura do espazo".

Sala do campus universitario e para a cidade

Sen a referencia no campo da arte contemporánea que cidades como Vigo, A Coruña ou Santiago teñen en centros como o Marco, a Fundación Luis Seoane ou o CGAC, respectivamente, o contexto da Sala X en Pontevedra é difícil. “O público potencial é máis pequeno e cun perfil cultural distinto porque, por exemplo, o referente artístico aquí é o Museo de Pontevedra, que ten un perfil moito máis clásico”. Ademais, neste labor poida que pequeno, pero relevante, a Sala X atopa outro handicap herdado do seu pasado e é que “ao estar no propio espazo da Facultade de Belas Artes é lida como ‘a sala de Belas Artes’”. Unha fronteira psicolóxica que cada nova programación da sala pretende superar.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós