DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Mércores, 04 de novembro do 2009

Creatividade e tecnoloxía únense no obradoiro de Son, gravación e posprodución

Dentro do programa do campus de Pontevedra para o primeiro cuadrimestre


Descubrir os dispositivos axeitados para ser capaz de realizar gravacións de son con calidade profesional é a meta principal do obradoiro de Son, gravación e posprodución coordinado por Javier Abreu. “É un curso de iniciación, que máis abranguer unha serie de contidos teóricos, ten un carácter eminentemente práctico”, precisa. Os asistentes realizarán desde a gravación dunha canción ata a sonorización dun fragmento dun filme. Esta actividade, que comeza o vindeiro martes día 10 de novembro, forma parte do programa de obradoiros para o primeiro cuadrimestre do curso 2009-10 organizado pola vicerreitoría do campus de Pontevedra.

Image E.L. Castro | Pontevedra
Descubrir os dispositivos axeitados para ser capaz de realizar gravacións de son con calidade profesional é a meta principal do obradoiro de Son, gravación e posprodución coordinado por Javier Abreu. “É un curso de iniciación, que máis que abranguer unha serie de contidos teóricos, ten un carácter eminentemente práctico”, precisa. Busca achegar unha visión xeral sobre as posibilidades sonoras da tecnoloxía, para o que os asistentes experimentarán a gravar unha canción ou sonorizar un fragmento dun filme, con todos os seus rexistros (voz, son ambiental, banda sonora...). Esta actividade, que comeza o vindeiro martes día 10 de novembro, forma parte do programa de obradoiros para o primeiro cuadrimestre do curso 2009-10 organizado pola vicerreitoría do campus de Pontevedra. Cun cartel centrado nas artes escénicas, a linguaxe audiovisual, a solidariedade e o voluntariado, o seu obxectivo é achegarlle ao alumnado unha formación complementaria de carácter cultural, máis aló da regrada no plan curricular da súa titulación.

Solucións creativas aos inconvenientes tecnolóxicos

Ao longo do taller dirixido por Javier Abreu os matriculados descubrirán como mesturar todos os elementos sonoros dunha canción, como recrear de xeito realista o son duns pasos ou como mudar a comicidade dunha escena cinematográfica a un ton máis tenso a través do son. Para isto a fórmula de Abreu é a seguinte: “buscar solucións creativas aos inconvenientes tecnolóxicos”. Isto levado á practica significa “evitar os sons de libraría e procesar dixitalmente na medida que sexa posible todo o que se precisa”.
Nos últimos anos produciuse unha grande evolución das tecnoloxías e das ferramentas informáticas de tratamento sonoro, polo que outro obxectivo deste curso é buscar solucións accesibles e rendibles para cada aplicación. Abreu destaca que na clase se “empregarán programas que son o estándar da industria como o Pro Tools e outros de acceso libre como GarageBand, para realizar unha comparativa de prezos e prestacións e demostrar que con poucos recursos poden inventarse grandes cousas”.
A actividade desenvolverase en dous espazos diferentes, o estudo de Radio 1 e o estudo de gravación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “Isto permitiralle ao alumnado facer prácticas en dous ámbitos diferentes, o primeiro unha cabina de son máis pequena e o segundo nun estudo profesional coa tecnoloxía máis avanzada, que reflicten a realidade do ámbito de traballo”, sinala o coordinador da actividade.
O obradoiro está dirixido a calquera persoa interesada no son, a gravación musical, a informática musical e mesmo a posprodución de son para vídeo, polo que pode atraer estudantado desde a titulación de Educación Musical ata Belas Artes ou Comunicación Audiovisual. Abreu amosa unha gran satifacción co resultado das cinco edicións anteriores debido a esa diversidade dos asistentes. Afirma que se xeran experiencias moi positivas e un intercambio moi enriquecedor, pois tanto acoden alumnas e alumnos músicos cos seus instrumentos, como profesores de conservatorios e docentes de Belas Artes que están traballando en proxectos de psicoacústica.

A maquillaxe e a fotografía completan o programa

Outros dous obradoiros completan o programa do primeiro cuadrimestre no campus de Pontevedra. A finais de mes, o día 27 de novembro, comeza o taller de Efectos especiais de maquillaxe, modelado e moldes, coordinado por Ricardo Spencer Hartmann. O seu obxectivo é ensinar técnicas de modelado, pintura e deseño conceptual e impartirase no seminario 14 da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
O 2 de decembro botará a andar o obradoiro Fotografía e composición fotográfica, baixo a dirección de Ana Seoane Suárez, unha novidade na programación deste ano, debido á demanda procedente de titulacións como Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual e Belas Artes. Desenvolverase na Casa das Campás co cometido de incrementar e perfeccionar os coñecementos daquelas persoas ligadas a calquera das disciplinas da linguaxe visual.
Así mesmo, están en marcha desde finais de outubro os talleres de Posta en escena dunha montaxe teatral, Prevención de riscos laborais e Voluntariado, solidariedade e participación. O pasado luns 2 de novembro empezou na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o obradoiro de Primeiros auxilios para a infancia e a idade adulta e mañá xoves día 5 dará comezo o titulado Introdución aos efectos especiais para cinema e televisión.
Todas as actividades incluídas nesta programación teñen unha duración mínima de trinta horas, polo que achegan a posibilidade de solicitar dous créditos de libre elección, ou tamén un crédito ECTS no caso do curso de voluntariado. Pódese consultar o programa completo no seguinte enlace: Obradoiros para o primeiro cuadrimestre do curso 2009-10 no campus de Pontevedra.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós