DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 09 de novembro do 2009

Comezan as actividades da Semana da Ciencia 2009

A Universidade amosa a cara máis divertida da ciencia

Robots e enerxía nos obradoiros da primeira xornada


ImageSe a ciencia e a tecnoloxía son sempre dous dos eixes sobre os que se vertebra a vida nos campus, chegado o mes de novembro cobran un protagonismo especial da man da xa clásica Semana da Ciencia que hoxe botou a andar e que, ata o vindeiro día 23, porá en marcha multitude de actividades que invitan á sociedade a achegarse dun xeito ameno ás diferentes ramas do coñecemento científico.
Durante estes quince días a astronomía, a bioloxía, as ciencias do mar e da terra ou a robótica brillarán con luz propia esperando a que os participantes, na súa maioría estudantes de ensinanza secundaria e bacharelato, aprendan sobre ciencia, se afagan a ela e atopen respostas a moitas cuestións que a diario se formulan na vida real. Nesta primeira xornada os protagonistas foron os robots na ETSE de Telecomunicación e os obradoiros de enerxía, materiais e medio ambiente na ETSE de Minas.

Duvi | Vigo
Se a ciencia e a tecnoloxía son sempre dous dos eixes sobre os que se vertebra a vida nos campus, chegado o mes de novembro cobran un protagonismo especial da man da xa clásica Semana da Ciencia que hoxe botou a andar e que, ata o vindeiro día 23, porá en marcha multitude de actividades que invitan á sociedade a achegarse dun xeito ameno ás diferentes ramas do coñecemento científico.
Durante estes quince días a astronomía, a bioloxía, as ciencias do mar e da terra ou a robótica brillarán con luz propia esperando a que os participantes, na súa maioría estudantes de ensinanza secundaria e bacharelato, aprendan sobre ciencia, se afagan a ela e atopen respostas a moitas cuestións que a diario se formulan na vida real.

Enxeño converte a ficción en realidade

Se a finalidade do obradoiro Enxeño é divertir e entreter aos cativos achegándoos á ciencia, pódese dicir que coa primeira das visitas o obxectivo está cumprido. Antes de hoxe, para moitos deles construír e programar un robot era algo máis próximo á ciencia ficción que á realidade. Pero a tecnoloxía e ciencia permitíronlles poñer en funcionamento nunha soa mañá un aparello que obedece as súas ordes, se despraza, esquiva obstáculos e xoga. Así, entre risas e con moito interese, unha trintena de rapaces do colexio Eduardo Pondal de Cangas puxeron en práctica as súas habilidades como futuros enxeñeiros de Telecomunicación e, coa axuda de monitores do escola, construíron dez robots coas súas mans, programáronnos cun ordenador e “incorporándolles os sensores de luz, ultrasons, tacto e cor”, explica a directora da escola, Edita de Lorenzo. Trátase de que vexan que eles sos son capaces de realizar programación básica para que os robots realicen determinadas accións como xogar cunha pelota”.
O obradoiro Enxeño, co financiamento da Semana da Ciencia, ofrece aos rapaces de primeiro de Secundaria, a posibilidade de montar un robot Lego Mindstorms NXT, de xeito que cada tres rapaces teñen á súa disposición o material para poñer en funcionamento un. “Eles fano todo, danse conta de que poden e, en moitos casos, é a primeira vez que teñen a oportunidade de aprender e divertirse deste xeito e con estes medios”, apunta a directora da ETSET.
Esta actividade desenvolverase todas as mañás durante as dúas vindeiras semanas e pasarán por ela máis de dez colexios e institutos, aínda que as solicitudes superaban as 60 de máis de 30 centros de secundaria diferentes. Ademais de facer ciencia e tecnoloxía divertida, para a ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación, esta é tamén unha oportunidade para dar a coñecer a escola o que se fai nela e “se cadra, espertar algunha vocación entre os máis novos”, apuntaba a súa directora.

Practicando con “explosivos” en Minas

Se na ETSE de Telecomunicación os rapaces empregaron os robots para facer voar a súa imaxinación, a ETS de Enxeñaría de Minas empregou como icona unha simple botella de auga e é que con ela os arredor de 180 rapaces de institutos de bacharelato e secundaria que hoxe visitaron o centro tiveron nas súas mans tres mostras do que é a investigación asociada aos enxeñeiros de minas: a enerxía, os materiais e o medio ambiente.
Nunha visita guiada polas novas dependencias da escola os bachareis tiveron a oportunidade de participar durante dúas horas en diversas demostracións prácticas como o manexo dunha cámara termográfica das empregadas no estudo de eficiencia térmica en edificacións e que lles serviu durante a visita para visualizar a súa propia distribución de temperatura corporal ou dun simulador real de biomasa como exemplo da investigación que se está a realizar na escola no eido das enerxías renovables.
Un dos laboratorios que máis chamou a súa atención foi o dos láseres, en concreto puideron comprobar o funcionamento dun modelo 3D co que obtiveron un modelo tridimensional do interior da sala na que se atopaban e que habitualmente é empregado na análise de pontes ou barcos. Tampouco nos podemos esquecer do laboratorio de explosivos, onde puideron achegarse a kit de materias que acostuma a empregarse nas grandes infraestruturas de obra civil subterránea como, por exemplo, os túneles do AVE.
A visita guiada polas instalacións da escola iniciouse cunha charla de presentación do centro por parte do director, Pedro Arias, quen lles achegou unha visión actualizada da escola, “un centro novo con instalacións modernas e ben dotadas” e da titulación, “unha das máis demandadas do presente curso académico”.
Se hoxe se achegaron ao centro estudantes de Moaña, Celanova, Boiro e Vigo, as visitas continuarán o resto da semana con centros de Ourense, A Coruña e Pontevedra, ata acadar un total de 800 visitantes nunha semana

Actividades para todos na Semana da Ciencia

A participación da Universidade de Vigo nesta Semana da Ciencias 2009 comprende unha programación ampla de actividades que se desenvolverán ao longo deste mes de novembro.
Hoxe mesmo comeza no campus de Ourense Astrocampus, unhas xornadas de observación astronómica utilizando telescopios desde diferentes lugares do campus e da cidade de Ourense que se alongará ata o día 19. Xa mañá martes bota a andar, coa recepción das obras en Naturnova, no Centro Social Caixanova, o concurso exposición Evolución e adaptación dos seres vivos. Esta actividade comprende, por unha banda, un concurso sobre esta temática aberto a todo o público, dende infantil ata universitario e, por outra, unha exposición con pezas procedentes do Museo del Jurásico de Asturias e do Museo Paleontológico de la Universidad de Zaragoza así como de coleccións privadas.
Outro modo de achegar os diferentes ámbitos científicos á sociedade é substituíndo as palabras polo teatro. Dende a semana pasada diferentes espazos están acollendo a representación de teatro científico Ciencia sen palabras, que este venres recalará no IES Torrente Ballester de Pontevedra. Tamén a partir deste venres e ata o vindeiro 20 de novembro, a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla súmase á Semana da Ciencia con visitas didácticas e exposicións para escolares nas que poderán coñecer o litoral desta zona e do medio mariño en xeral. Por outra banda, o concurso de relatos Ciencia que Conta premiará os mellores relatos curtos sobre ciencia que poñan en valor as achegas deste eido á sociedade e á nosa vida cotiá.
Xa para pechar as actividades da Semana da Ciencia 2009, o día 21 de novembro a Fundación Barrié de la Maza acollerá Contos e Coplas de Estrelas, unha acción que inclúe, en colaboración coa RG, a tradución ao galego do libro Contos de Estrelas, a gravación dun Cd e con coplas tradicionais que fan referencia aos astros e un concerto con contacontos.
O programa con todas as actividades pode consultarse na web da Universidade de Vigo na Semana da Ciencia.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós