DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Xoves, 25 de marzo do 2010

O mago Martín Camiña fixo un percorrido polos estilos do ilusionismo na Intercultural

A manipulación de cartas foi un dos trucos que espertou máis emocións no público


ImageMartín Camiña é un mozo de Sanxenxo que descubríu o mundo da maxia con tan só 16 anos grazas a un libro antigo de ilusionismo que pertencía a seu pai. Na actualidade conta xa cunha importante traxectoria ás súas costas merecedora de galardóns como o terceiro Premio Nacional de Maxia de Preto que recibiu nos anos 2002 e 2007. O mago presentou este mércores no campus o seu último espectáculo chamado Feitizo dentro da programación de actividades organizadas pola Vicerreitoría con motivo da Intercultural.

Raquel Feijóo | Ourense
Un libro antigo de maxia que pertencía a seu pai espertou nel a curiosidade e o interese polo mundo do ilusionismo. Daquela, Martín Camiña tiña só 16 anos pero tivo xa moi claro que o seu era dedicarse ao espectáculo para “repartir un pouco de felicidade”, como el mesmo asegura, utilizando como medio a maxia e como recurso trucos de ilusionismo clásicos e outros creados por el mesmo. Na actualidade este mozo de Sanxenxo conta xa cunha importante traxectoria ás súas costas merecedora de galardóns como o terceiro Premio Nacional de Maxia de Preto que recibiu nos anos 2002 e 2007. O mago presentou este mércores no campus o seu último espectáculo chamado Feitizo dentro da programación de actividades organizadas pola Vicerreitoría con motivo da Intercultural.
Feitizo é un conxunto de prácticas destinadas a conseguir un efecto máxico ou extraordinario e este foi precisamente o obxectivo de Martín Camiña na súa función. O ilusionista tentou achegarse a esta definición cunha posta en escena na que só utilizou como complementos de apoio unha coidada selección musical e a súa voz para pedir a participación do público.

Trucos baseados nas técnicas do gran Cardini

Na súa actuación o mago fixo un percorrido por moitos estilos do ilusionismo, dende a manipulación de cartas ata os xogos de panos e utilizou tamén outros elementos como xornais, billetes, espadas e ata unha camisa de forza que esixiu de todo o seu esforzo para liberarse das súas ataduras.
O número clásico de manipulación de cartas foi un dos que espertou unha atención maior nos espectadores. Camiña explica que o autor deste truco de ilusionismo foi Richard Walentine Pitchford (1874-1973), máis coñecido como Cardini e considerado como un dos grandes manipuladores da historia da maxia cuxas técnicas se seguen a empregar na actualidade. “Cardini era capaz de facer este número con guantes –explica o mago-, algo tremendamente difícil porque non tes sensibilidade nas mans. No meu espectáculo apóiome nas súas técnicas para facer un número adaptado á miña personalidade”, afirma. Tamén amosou outros números creados por el mesmo nunha inspiración que bebe de moitas fontes, “dende a lectura dun libro ata o escoitar unha canción”. Unha sede de creatividade que el compara coa que posúen outros creadores pertencentes a diferentes ramas artísticas. “Necesito sacar os xogos de maxia de dentro como un compositor necesita crear as súas cancións ou un escritor escribir”, asegura. Todo elo cun obxectivo que se fai realidade cando se sube ao escenario. “O que quero en cada unha das miñas funcións é tentar repartir un pouco de felicidade, elevar o sorriso do público contando sempre coa súa participación porque sen ela non hai espectáculo”. Para Martín Camiña a maxia é “o que a xente quere que sexa” e cita palabras como “o amor, a amizade e o compartir todo o que levamos dentro” para definir esta arte. “É a arte da transformación onde o mago transforma coa participación do público para crear uns minutos nos que nos evadimos dos nosos problemas e volvemos á infancia onde todo o que viamos era máxico”, declara.

Proxección cinematográfica con música en vivo

A seguinte actuación prevista no programa da Intercultural será o día 7 de abril, ás 22.00 horas nos exteriores da biblioteca do campus e consistirá na proxección da película Oliver Twist, dirixida no ano 1922 por Frank Lloyd. O pase estará amenizado pola interpretación de música en vivo a cargo do grupo Ensemble Ancestral, unha formación especializada na creación de bandas sonoras para proxeccións de cine mudo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós