DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 09 de abril do 2010

Lagartos vexetarianos?

Investigadores de Ecoloxía das Plantas demostran a importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares

Os resultados da investigación reflicten que estes réptiles seguen sendo fundamentais para as plantas


ImageO lagarto ocelado (Lacerta lepida) consume os froitos de gran número de plantas, algunhas delas claves na configuración das comunidades ás que pertencen. Así o demostrou unha recente investigación realizada polo grupo de Ecoloxía das Plantas no Parque Nacional das Illas Atlánticas, uns datos que ademais do seu interese teórico presentan tamén un elevado interese aplicado xa que “serán unha ferramenta sumamente útil para a xestión dos recursos naturais do parque”, tal e como salientou o director do proxecto, o profesor Luis Navarro, quen destacou que servirán “para formular a mellor estratexia de conservación das partes implicadas nesta interesante interacción entre organismos”.

D.Besadío | Vigo
O lagarto ocelado (Lacerta lepida) consume os froitos de gran número de plantas, algunhas delas claves na configuración das comunidades ás que pertencen. Así o demostrou unha recente investigación realizada polo grupo de Ecoloxía das Plantas no Parque Nacional das Illas Atlánticas, uns datos que ademais do seu interese teórico presentan tamén un elevado interese aplicado xa que “serán unha ferramenta sumamente útil para a xestión dos recursos naturais do parque”, tal e como salientou o director do proxecto, o profesor Luis Navarro, quen destacou que servirán “para formular a mellor estratexia de conservación das partes implicadas nesta interesante interacción entre organismos”.
A pesar de que os primeiros animais que se alimentaron dos froitos das plantas foron os réptiles no mesozoico, fai máis de 65 millóns de anos, tanto a comunidade científica como o público en xeral subestimou esa relación entre réptiles e plantas. “Os réptiles pasaron a ser vistos máis como carnívoros, mentres que os froitos serían consumidos principalmente por paxaros e algúns mamíferos”, explicou o profesor Navarro, ao tempo que aclarou que recentemente, e sobre todo en ambientes insulares, esa relación foi posta de novo en valor.
Ao consumir os froitos non só contribúen á dispersión das súas sementes, levándoas a lugares afastados de plántaa nai, e situándoas en micro-ambientes que van favorecer a súa xerminación; ademais, o paso das sementes polo tracto dixestivo dos lagartos favorece sensiblemente a capacidade de xerminación desas sementes con respecto a outras sementes non inxeridas. “O paso polo tracto dixestivo do lagarto favorece a eliminación das cubertas da semente, facilitando a súa xerminación posterior, o que se manifesta nunha xerminación máis rápida e en maior proporción”, apunta o coordinador da investigación.

Favorecen a xerminación de máis de 14 especies de plantas

Entre as plantas participantes desta relación complexa, atópanse algunhas de particular interese, como a camariña (Corema album), un dos principais valores botánicos do parque nacional que, grazas ao servizo que lle presta o lagarto, ve favorecida a dispersión das súas sementes. É a que máis se beneficia, pero non a única, outras plantas que se favorecen dos seus servizos son a zarzamora (Rubus ulmifolius), o abruñeiro(Prunus spinosa), a madreselva (Lonicera peryclimenum) e ata catorce especies de plantas máis que foron atopadas nos excrementos dos lagartos.
Esta interacción positiva para as plantas dáse con maior frecuencia en illas, xa que neses territorios, limitados no espazo e confinados con respecto ás masas continentais, os froitos carnosos constitúen unha maior proporción da dieta dos lagartos. Mentres que os seus conxéneres do continente teñen un acceso fácil a outro tipo de recursos alimenticios como os insectos, nas illas eses recursos son tamén limitados e a dieta a base de froitos adquire unha maior importancia relativa.

O perigo das especies exóticas xa se comprobou en Ons

Con todo, a xuízo dos investigadores, esta historia de interaccións positivas entre lagartos e plantas, a pesar da súa importancia, pode verse severamente alterada en ocasións pola introdución de especies exóticas. No caso das Illas Atlánticas este efecto foi documentado: a introdución nas illas de predadores novos diminuíu a poboación de lagartos. “Ese proceso sucedeu na illa de Ons, a máis habitada de todas elas”, salientou Navarro, quen destacou que a presenza estable de habitantes viuse acompañada polos seus animais domésticos, de maneira que os gatos traídos polo home reduciron sensiblemente a poboación nativa de lagartos. “Desa forma, as plantas vense privadas duns dos seus principais dispersores na illa”, engadiu.
Divulgación de resultados cun vídeo
Os principais resultados da investigación estanse a divulgar por medio de diferentes ferramentas de divulgación, entre as que destaca a elaboración dun vídeo de animación tridimensional titulado A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares onde se mostra o funcionamento da interacción entre lagartos e froitos, e que pode ser consultado na plataforma VIMEO (http://www.vimeo.com/8612833), así como na páxina web do grupo de investigación (http://webs.uvigo.es/plantecology/divulgacion.es.html).

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós