DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 11 de xaneiro do 2011

A través da iniciativa 'Mobilízate pola Selva' instaláronse colectores específicos nos tres campus

A OMA pon en marcha a segunda edición da campaña de recollida de teléfonos en desuso


Image A Oficina de Medio Ambiente (OMA) pon en marcha, por segundo ano consecutivo, a campaña de recollida de teléfonos móbiles coa que colabora co proxecto Mobilízate pola Selva, promovido polo Instituto Jane Godall. O curso pasado estivo en activo ata o mes de xullo, cun éxito “relativo”, como explica Marta Pérez, da OMA. “Tendo en conta que foi unha primeira experiencia e que hai empresas que compran os móbiles, a resposta pode considerarse moi boa”, asegura. Recolleron preto de cen aparellos, cifra que esperan superar este ano, no que os colectores estarán sete meses.

Image Anabel Vila | Vigo
A Oficina de Medio Ambiente (OMA) pon en marcha, por segundo ano consecutivo, a campaña de recollida de teléfonos móbiles coa que colabora co proxecto Mobilízate pola Selva, promovido polo Instituto Jane Godall. O curso pasado estivo en activo ata o mes de xullo, cun éxito “relativo”, como explica Marta Pérez, da OMA. “Tendo en conta que foi unha primeira experiencia e que hai empresas que compran os móbiles, a resposta pode considerarse moi boa”, asegura. O certo é que finalmente recolleron un total de 56 aparellos en Vigo, 31 en Ourense e 12 en Pontevedra, datos que esperan mellorar nesta edición na que, ademais, ampliaron o tempo que os colectores estarán na Universidade, posto que nesta edición do proxecto serán sete meses, fronte aos catro do pasado curso.

O fin que se persigue coa recollida destes aparellos é o aproveitamento dos materiais e deste xeito fomentar a reutilización do seus compoñentes e a reciclaxe dos residuos, tratando así de colaborar cos programas de conservación levados a cabo en Congo polo Instituto Jane Goodall como son campañas de educación, plantacións, proxectos de desenvolvemento sostible e o mantemento do Centro de rescate de chimpancés de Tchimpounga, pertencente ao instituto que leva o nome da primatóloga e conservacionista que foi galardoada co Premio Príncipe de Asturias 2003 e nomeada Mensaxeira da Paz polas Nacións Unidas. Uns fins que chaman a atención dos alumnos que “xa se dirixiron a nós preguntando se íamos repetir”, afirma Marta Pérez.

Puntos de recollida nos tres campus

A OMA instalou colectores específicos nos tres campus da Universidade de Vigo. Un na conserxería da Facultade de Ciencias de Ourense e outros dous nos campus de Pontevedra (ata o 31 de xaneiro na conserxería da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte) e Vigo (conserxería da Facultade de Filoloxía e Tradución, tamén ata fin de mes), que irán rotando. Deste xeito preténdese que tódolos membros da comunidade universitaria teñan acceso a eles, para o que poderán consultar as novas localizacións na web da OMA.

Sorteos da organización Jane Godall

Ademais na web da OMA pódense descargar unhas etiquetas para unir ao móbil, que ten que ir sen accesorios nin tarxeta SIM, grazas as cales se participará nos sorteos que realiza a organización Jane Godall.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós