DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 15 de xuño do 2011

Ex equo na categoría de Teses de Doutoramento na rama de Ciencia e Tecnoloxía

A mellora de materiais para próteses dentais e óseas, premio de investigación da Deputación

Eugenio Solla empregou técnicas láser para conseguir metais que permitan unha maior rexeneración do óso


ImageO fito é claro: o material é máis biocompatible e mellora a taxa de tecido neoformado en próteses dentais e óseas. Estes son os resultados que lle valeron a Eugenio Solla o premio de investigación da Deputación de Pontevedra na categoría de Tese de Doutoramento, ao que concorreu cun estudo sobre os recubrimentos de hidroxiapatita substituída con silicio cunha técnica que ninguén empregara antes, o láser. Algo máis de cinco anos de traballo que agora lle valen un galardón valorado en 2000 euros concedido ex equo xunto á pontevedresa Olalla Vázquez. “É unha ledicia que recoñezan o teu traballo”, confesa.

Noemí Rey | Vigo
O fito é claro: o material é máis biocompatible e mellora a taxa de tecido neoformado en próteses tanto dentais como óseas. Estes son os resultados que lle valeron a Eugenio Solla o premio de investigación da Deputación de Pontevedra na categoría de Tese de Doutoramento na rama de Ciencia e Tecnoloxía, ao que concorreu cun estudo sobre os recubrimentos de hidroxiapatita substituída con silicio cunha técnica que ninguén empregara antes, o láser. Algo máis de cinco anos de traballo tras que agora lle valen un galardón valorado en 2000 euros concedido ex equo xunto á pontevedresa Olalla Vázquez. “É unha ledicia que recoñezan o teu traballo, aínda que tampouco quero darlle unha importancia excesiva”, confesa Solla, agora no departamento de Microscopía Electrónica do CACTI da Universidade de Vigo.

Da electrónica aos implantes

Os implantes dentais e óseos, onde os de cadeira son os reis, tradicionalmente están feitos de materiais biocompatibles como o titanio que, a pesar das súas peculiaridades, é o que o óso recoñece como “máis afín”. Por iso ao longo dos anos investigouse arreo sobre como dotar a estas próteses de superficies que o fagan aínda máis compatible co corpo. Un dos tratamentos clásicos é o da hidroxiapatita, un material que ao estar formado polo fosfato de calcio cristalino permite crear próteses máis baratas que as de titanio e que en combinación con materiais metálicos proporcionan unha solución que se adapta á perfección a implantes ortopédicos. “A hidroxiapatita pode depositarse de moitos xeitos, pero eu traballei con técnicas láser, facendo depósitos por láser pulsado, unha técnica que se ten aplicado moito no campo da electrónica pero que vimos que neste eido tamén va ben e produce recubrimentos cunhas propiedades moi interesantes”, subliña Eugenio Solla.

Se dende os anos 90 e ata o de agora se empregaban técnicas como a síntese química clásica, coa tese de doutoramento probouse de xeito “pioneiro” a substituír a hidroxiapatita por partes de silicio con láser nese intento “por facer un material sintético producido polo home pero máis afín á composición do óso e que permita sobrelevar mellor o futuro transplante”. Unha técnica facilmente exportable ao mercado para a fabricación en serie a pesar da complexidade do proceso. “Fanse cousas máis complicadas en aparatos máis cotidianos. Unha grabadora é complexa e fanse millóns ao día. Hai técnicas máis sinxelas e baratas que o láser, pero tamén peores e cun alto índice de casos malogrados, con perdas de adhesión”, asegura.

Test ‘in vivo’

Un dos últimos traballos experimentais feitos ao longo da tese de doutoramento por Eugenio Solla foi un test ‘in vivo’ en colaboración co Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo, onde se lle implantou unha prótese na tibia dun coello, facéndolle un burato no óso onde se lle introduciu un cilindro de titanio recuberto de hidroxiapatita con silicio. Tras analizar determinados parámetros cualitativos como o grado de osteointegración e a formación de novo tecido óseo, Solla certificou que “o óso crece ao redor do implante e melloraba a taxa de tecido neoformado”. Agora o grupo de investigación traballa xa con outros oligoelementos a introducir neste material, como estroncio ou selenio, porque aínda que o óso contén unha cantidade moi baixa “ten repercusión na bioactividade do óso e se se conseguen incorporar mellorarán as propiedades dos implantes”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós