DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 20 de xuño do 2011

Dragos Zaharescu, o autor da tese, continúa coa busca de respostas en Arizona

O cambio climático aumenta o nivel de arsénico nos lagos dos Pirineos

O aumento de períodos secos provoca a acumulación excesiva de metais pesados, poñendo en perigo á poboación


ImageO cambio climático deixou de ser un mito e os lagos de alta montaña que se atopan nos Pirineos son a proba máis evidente. A elevación do nivel de conxelación, o aumento xeral da frecuencia dos períodos secos e a redución da cuberta de neve dende os anos 80 traen consigo unha consecuencia directa: a acumulación de metais pesados como arsénico e níquel disparouse e comeza a por en perigo os cursos de auga que baixan dende os lagos. Esas son as principais conclusións da tese de doutoramento de Dragos Zaharescu, feita tras seis anos de expedicións “cargando coa mochila subindo e baixando 3400 metros” e que agora continuará dende a súa praza de investigador en Tucson, Arizona.

Noemí Rey | Vigo
O cambio climático deixou de ser un mito e os lagos de alta montaña que se atopan nos Pirineos son a proba máis evidente. A elevación do nivel de conxelación, o aumento xeral da frecuencia dos períodos secos e a redución da cuberta de neve dende os anos 80 traen consigo unha consecuencia directa: que a acumulación de metais pesados como arsénico e níquel disparouse e comeza a por en perigo os cursos de auga que baixan dende os lagos. Esas son as principais conclusións da tese de doutoramento de Dragos Zaharescu, feita tras seis anos de expedicións “cargando coa mochila subindo e baixando 3400 metros”.

A súa ubicación na parte alta da topografía e a interacción coa atmósfera provoca que os lagos pirenaicos teñan unha alta sensibilidade aos factores ambientais, o que fai que o cambio climático se reflicta de xeito case inmediato nas súas augas coa disolución dos metais pesados das rochas. Os niveis de concentración de arsénico e de níquel, “dous elementos perigosos”, xa superaron o límite de seguridade para a protección da vida acuática nos sedimentos superficiais. “Isto apunta a unha ameaza potencial para os ecosistemas e para a poboación. Un risco que se vai incrementando co tempo debido a todos os cambios nos factores ambientais que predín os modelos climáticos para as próximas décadas”, explica Zaharescu.

O traslado da poboación, unha posibilidade

O perigo meirande está sobre todo na alteración das temperaturas e das precipitacións, xa que “poden causar cambios graves na hidroloxía, na cuberta de neve, no réxime de desgaste e na erosión do chan” e deste xeito influír nos ciclos bioxeoquímicos dos metais pesados. A primeira recomendación deste investigador é clara: non introducir modificacións no medio ambiente, como remover os sedimentos do fondo dos lagos, “porque o ser humano normalmente o que cambia non é para ben e só aumentaría o risco. Debemos comunicar os resultados científicos aos responsables das áreas onde o perigo é maior para poder decidir con certa marxe sobre fontes de auga e alimento alternativos procedentes de zonas non contaminadas”, subliña.

Unha advertencia: se se deixa pasar o tempo sen facer nada, habería que empezar a pensar xa no traslado das poboacións humanas, con todos os trastornos económicos que suporía, sobre todo tendo en conta que nesas zonas a riqueza está moi relacionada co turismo de aventura ou de neve. “Temos que ser moi conscientes e responsables dos cambios que determinan as nosas accións e o efecto resposta que se produce no medio ambiente, ao que lle viñamos prestando moi pouca atención”, apunta Zaharescu.

Con moitos frontes abertos

Foron seis anos de esforzo que deron os seus froitos, aínda que Zaharescu non ten claro se o faría outra vez. “Sería doutra forma, partindo doutras hipóteses, porque é bonito subir a pé e ver tantos lagos, pero acabas literalmente roto”. Xa antes de ler a súa tese, coa que acadou un sobresaínte cum laude, un posto como investigador estáballe esperando en Tucson, Arizona, onde agora buscará resposta á morea de preguntas no aire que deixaron os resultados acadados. “Na Universidade de Arizona vou tentar comprobar se os metais pesados están nunha forma química biodispoñible, o que podería conlevar un incremento na acumulación na súa flora e fauna. O máis importante destes incrementos é que se verán incorporados e aumentados ao longo da cadena trófica. Iso ao final poderá ter repercusión nos servizos que os ecosistemas ofrecen ás poboacións humanas”, recoñece o investigador. A 30 graos polo día e 5 pola noite, Zaharescu tratará de atopar a resposta a tantas incógnitas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós