DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 29 de decembro do 2011

A entidade celebrou o seu último pleno do ano no campus de Ourense

O Consello Social aproba os orzamentos 'do equilibrio' para a Universidade de Vigo

Os seus membros fixeron un acto de recoñecemento ao anterior presidente, Emilio Atrio


ImageO campus de Ourense acolleu este xoves o último pleno do ano do Consello Social da Universidade de Vigo que tiña na súa axenda o fito de aprobar os orzamentos para 2012 da Universidade. Os seus membros deron luz verde a uns presupostos que segundo destacou o reitor, Salustiano Mato, son “os orzamentos do equilibrio, da estabilidade que nos permite seguir traballando para un futuro de crecemento en 2013”. Deste xeito, o presuposto da Universidade de Vigo para 2012 queda fixado en 162.969.745 euros, un 3% menos respecto a 2011. Esta última xuntanza do Consello Social antes de rematar o ano tamén contou cun recoñecemento para Emilio Atrio, ex presidente da institución, polo traballo realizado durante o tempo que estivo ao fronte da entidade que agora preside Ernesto Pedrosa.

Rosa Tedín | Ourense
O campus de Ourense acolleu este xoves o último pleno do ano do Consello Social da Universidade de Vigo que tiña na súa axenda o fito de aprobar os orzamentos para 2012 da Universidade. Os seus membros deron luz verde a uns presupostos que segundo destacou o reitor, Salustiano Mato, son “os orzamentos do equilibrio, da estabilidade que nos permite seguir traballando para un futuro de crecemento en 2013”. Deste xeito, o presuposto da Universidade de Vigo para 2012 queda fixado en 162.969.745 euros, un 3% menos respecto a 2011. Esta última xuntanza do Consello Social antes de rematar o ano tamén contou cun recoñecemento especial para Emilio Atrio, ex presidente da institución, polo traballo realizado durante os oito anos que estivo ao fronte da entidade que agora preside Ernesto Pedrosa.

Salustiano Mato quixo salientar o esforzo que supoñen estes orzamentos “nos que conseguimos facer os recortes que tiñamos que facer sen afectar ás cuestións de persoal e da marcha ordinaria da institución”. “Son tempos para facer investimentos en persoas e na institución, non en obras, onde os recursos propios estarán destinados a manter e mellorar o que xa temos”, apuntou. Pola súa banda, o presidente do Consello Social destacou o feito de que a institución que preside “refrendou uns orzamentos que se manteñen bastante estables, con só unha pequena baixada a pesares do contexto económico actual”. Ernesto Pedrosa gabou “o impecable labor” do equipo de goberno e a súa capacidade “para asumir as circunstancias polas que pasamos e prantexar solucións estratéxicas onde os recortes están en cuestións secundarias”.

Deste xeito, o presuposto da Universidade de Vigo para 2012 queda fixado en 162.969.745 euros, reducíndose por terceiro ano consecutivo, en case un 3% respecto a 2011. Un descenso de 4,9 millóns de euros que está directamente relacionado coa conxelación rexistrada nas achegas da Xunta de Galicia que para este ano acadarían preto de 103 millóns de euros, unha cifra estimativa xa que polo momento non se coñece o reparto exacto, tanto conceptual como entre as universidades que conforman o Sistema Universitario Galego (SUG).

A potenciación do mecenado

Durante a xuntanza os membros do Consello Social, que conta con representación do Consello de Goberno da Universidade e dos intereses sociais, como son a Xunta de Galicia, o Parlamento galego, os sindicatos, os concellos de Vigo, Ourense e Pontevedra e as organizacións empresariais, quixeron facer unha homenaxe ao ourensán Emilio Atrio, presente no acto como convidado. Atrio agradeceu este recoñecemento animando aos membros da institución a seguir traballando polo futuro do Consello Social, da Universidade de Vigo e da sociedade no seu conxunto.

Outro nome propio, o do médico ourensán Vicente Rodríguez Gracia, tamén tivo protagonismo neste pleno. O Consello Social aprobou a aceptación da doazón das súas coleccións científicas, considerada unha das mellores a nivel galego e estatal, pois conta cun herbario 30.000 pregos de papel e unha colección entomolóxica de 60.000 insectos que serán o xermolo do futuro Centro de Investigación e Interpretación da Biodiversidade. Neste senso, Salustiano Mato quixo salientar que con esta doazón ábrese unha nova etapa na que a Universidade de Vigo e o Consello Social queren potenciar o mecenado para que “as persoas e institucións poidan investir na Universidade para facer futuro.”

Presupostos do Consello Social

Ademais destas cuestións, os membros do Consello Social tamén deron luz verde aos orzamentos da propia institución, que se sitúan para 2012 en 367.000 euros, un 8% menos que o ano que remata. Tamén designaron a comisión que organizará en 2012 os actos de recoñecemento ás empresas que colaboran coa Universidade e a adscrición de representantes do Consello Social no Consello de Goberno. Tamén asistiron á presentación dun informe sobre a estratexia da Universidade de Vigo nos social media. O reitor da Universidade de Vigo informou igualmente aos presentes sobre o estado do decreto de Ensinanzas Superiores e sobre a reunión da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa á que asistiu a principios de decembro en León.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós