DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 22 de xuño do 2012

Xornada de graduacións no campus pontevedrés

148 ilusións que converterán as adversidades en oportunidades


ImageO campus de Pontevedra viviu este venres unha “intensa” xornada de despedidas coa celebración dos actos de graduación da terceira promoción do Grao en Fisioterapia, da última da licenciatura de Publicidade e Relacións Públicas e da segunda do Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais. Un total de 148 alumnos e alumnas recolleron as súas bandas e diplomas cheos de ilusión e satisfeitos por culminar unha longa etapa formativa “no que foi o seu segundo fogar” para emprender novos retos na súa inminente andaina profesional.

Bea Feijóo | Pontevedra
O campus de Pontevedra viviu este venres unha “intensa” xornada de despedidas coa celebración dos actos de graduación da terceira promoción do Grao en Fisioterapia, da última da licenciatura de Publicidade e Relacións Públicas e da segunda do Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais. Un total de 148 alumnos e alumnas recolleron as súas bandas e diplomas cheos de ilusión e satisfeitos por culminar unha longa etapa formativa “no que foi o seu segundo fogar” para emprender novos retos na súa inminente andaina profesional.

Dobre despedida na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

As celebracións xa comezaron de mañá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación co acto de graduación do Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais, dirixido pola profesora Anna Amorós. Os 19 estudantes desta segunda promoción do mestrado tiveron como madriña de excepción á actriz de cine e televisión Camila Bossa, “que xa coñecía a profesionalidade de algúns dos alumnos ao ter traballado con eles”, mentres que a lección maxistral correu a cargo da profesora da Universidade de Aveiro, Ana Isabel Veloso, sobre a Parcipaçao activa das crianzas no game design. Ao acto tamén asistiron os guionistas, directores e produtores profesores do mestrado, como Ángel de la Cruz, Zaza Ceballos ou Carlos Ares, ademais de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, “que como estudosa do xénero tiña que estar presente dado o gran número de traballos desta edición que tiveron como protagonista á muller”.

As despedidas continuaron pola tarde co acto de graduación da derradeira promoción de licenciados e licenciadas en Publicidade e Relacións Públicas. 75 novos profesionais da comunicación abandonaron o seu centro de referencia durante os últimos catro anos arroupados polos seus familiares e polas palabras de apoio e de ánimo da vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, e do seu padriño, o profesor Xosé Baamonde que lles aconsellou que confiasen en si mesmos. “Os últimos recoñecementos que vindes de recibir en distintos festivais demostran que sodes unha promoción de gran talento e creatividade, polo que sen medo”, lanzoulles o padriño. Nesta idea tamén afondou o decano do centro, Juan Manuel Corbacho, que quixo lembrar que esta nova promoción “pecha o ciclo da licenciatura que comezou en 1994 e que ultimamente está dando moita visibilidade á facultade”, sinalou. No transcurso do acto, no que tamén estiveron presentes o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e o profesor emérito Manuel Fernández Areal, homenaxeouse a Isabel Tenreiro, PAS da facultade, que se xubila tras 41 anos de servizo, primeiro na Universidade de Santiago e logo na de Vigo.

Fisioterapia lanza ao mercado 54 especialistas da saúde

A Facultade de Fisioterapia trasladou as súas celebracións ao salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal. Neste caso foron 54 os alumnos e alumnas que remataron os seus estudos dun grao que “a pesar da crise, aínda conta cunhas boas expectativas de traballo”, resaltou Manuel Gutiérrez, decano da facultade. Tanto Gutiérrez como o padriño desta terceira promoción de grado, o profesor José Manuel Pazos Rosales, felicitaron e desexáronlle moita sorte aos novos egresados e egresadas “que iniciaron unha diplomatura e que rematan cunha titulación de catro anos grazas á implantación en bloque do novo plan de estudos adaptado a Boloña”, remarcou o decano. "Tendes un compromiso coa saúde da sociedade", resaltou o padriño durante o acto que estivo presidido polo vicerreitor de Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, no que tamén tivo voz o alumnado representando polos compañeiros Yolanda Briones e Miguel Carrera que lembraron nun discurso cargado de humor e anécdotas os anos na facultade.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós