DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 25 de xuño do 2012

O novo titulado Pablo Pedrido creou a web 'rescataaunespañol.com' para amosar o currículo de forma orixinal

Conta atrás para atopar traballo na casa

Se antes de 19 días non recibe unha oferta, verase obrigado a emigrar fóra de España


ImageQuedan 19 días para “salvar” a Pablo Pedrido de ter que buscar sorte fóra de España. Este novo titulado de Publicidade e Relacións Públicas acaba de pór en marcha unha campaña virtual “que non ten outro ánimo de lucro que atopar traballo”, destaca o propio interesado, que optou por presentar o seu currículo dunha forma orixinal para tentar chamar a atención do sector publicitario galego. Baixo o dominio rescataunespañol.com, Pedrido púxose un prazo de 30 días dende o pasado 14 de xuño para ser contratado e, se non o consigue, “vereime na obriga de emigrar”, destaca.

Bea Feijóo | Pontevedra
Quedan 19 días para “salvar” a Pablo Pedrido de ter que buscar sorte fóra de España. Este novo titulado de Publicidade e Relacións Públicas acaba de pór en marcha unha campaña virtual “que non ten outro ánimo de lucro que atopar traballo”, destaca o propio interesado, que optou por presentar o seu currículo dunha forma orixinal para tentar chamar a atención do sector publicitario galego. Baixo o dominio rescataunespañol.com, Pedrido púxose un prazo de 30 días dende o pasado 14 de xuño para ser contratado e, se non o consigue, “vereime na obriga de emigrar”, destaca.

Na diferenciación está a clave, opina Pedrido, cuestión que el está a levar perfectamente á práctica cunha campaña publicitaria que se afasta dos procesos convencionais de procura de emprego. “Ao longo da carreira insístennos moito en que usemos a creatividade que se nos presupón para buscar traballo. Por iso, opto por esta vía de chamar a atención como alternativa ao envío indiscriminado de currículos”, comenta o novo titulado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Así, Pablo Pedrido escolleu innovar “e en vez de esperar ofertas e entrevistas, prefiro que as empresas me coñezan e se interesen polo meu talento”, engade. Con rescataunespañol.com, este novo egresado pretende venderse a si mesmo cunha páxina web na que amosa o seu currículo e os proxectos creativos que el mesmo desenvolveu ao longo da súa formación. “Neste caso a campaña representa o propio traballo porque a páxina web non deixa de ser unha mostra das miñas capacidades no deseño, na fotografía, na creatividade …”, sinala Pedrido, que estivo "rápido e áxil" en rexistrar o dominio da páxina web, “moi importante para lograr unha visibilidade da iniciativa na rede”.

Ademais do seu currículo e portfolio, Pedrido tamén inclúe no seu espazo web unha sección de retos na que insta a calquera interesado ou interesada en contratalo a mandarlle unha serie de probas para comprobar o seu desempeño profesional “xa que antes de mercar un produto, a todos nos gusta probalo antes”, aclara o candidato a quen se lle poderá remitir calquera cuestión “con total liberdade”.

Inspiración na crise económica

O contexto de crise mundial foi o que inspirou a Pablo Pedrido para o seu eslogan Rescata a un español. “A actualidade económica deume a clave para esta campaña e apliqueina no meu caso concreto”, explica, coa que tamén pon de manifesto o fenómeno incesante “de fuga de cerebros que está sucedendo nos últimos anos”. Aclara que non pretende achegar unha mensaxe pesimista, máis ben todo o contrario xa que lanza a idea “de que axudándonos mutuamente eu podo ficar en Galicia e a empresa pode aproveitar o que son quen de realizar por ela”.

Aínda que se mostra bastante optimista, se no prazo establecido non recibe ningunha oferta de traballo, “cumprirei a miña promesa e probarei fóra de España”, resalta Pedrido que conta coa vantaxe de coñecer idiomas, sobre todo o alemán, “polo que aproveitarei o verán para buscar alternativas en Alemaña ou en Suíza, aínda que non sexa fácil”. A campaña virtual tamén está presente nas redes sociais Facebook, Twitter e Linkedin e algúns blogs especializados xa se fixeron eco da súa iniciativa. “Tamén teño pensado facerlla chegar ao maior número de axencias de publicidade galegas”, comenta Pedrido coa esperanza de non ter que abandonar o país “que tanto investiu na miña educación e ao que lle debo unha última oportunidade”, conclúe.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós