DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 25 de setembro do 2012

A xornada Campus Animado amosou ao alumnado os servizos que ten á súa disposición

Diversión e información para empezar o curso de xeito saudable

Os participantes tamén recibiron consellos sobre como mellorar a súa calidade de vida


ImageDesde a posta en marcha o pasado curso do proxecto Campus ConVida, a comunidade universitaria de Ourense cada día máis ten á súa disposición recursos e iniciativas para mellorar o seu benestar físico, psíquico e social. Nesta liña de traballo, celebrouse este martes o Campus Animado 2012 e a Feira Campus ConVida, unha iniciativa que, a través da diversión e da información, quixo amosar ao alumnado os servizos que ten á súa disposición no campus para mellorar a súa calidade de vida persoal e académica. Deporte, cultura, alimentación sa e sexualidade foron algúns dos temas tratados.

Rosa Tedín | Ourense
Desde a posta en marcha o pasado curso do proxecto Campus ConVida, a comunidade universitaria de Ourense cada día máis ten á súa disposición recursos e iniciativas para mellorar o seu benestar físico, psíquico e social. Nesta liña de traballo, celebrouse este martes o Campus Animado 2012 e a Feira Campus ConVida, unha iniciativa que, a través da diversión e da información, quixo amosar ao alumnado os servizos que ten á súa disposición no campus para mellorar a súa calidade de vida persoal e académica. Deporte, cultura, alimentación sa e sexualidade foron algúns dos temas tratados.

Durante a visita á feira, que contou con financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, salientou que esta iniciativa xorde coa idea de que a Universidade, alén de formar aos estudantes nas súas áreas de coñecemento, debe contribuír a formar cidadáns felices e sans. Ademais, destacou, esta cita naceu para ser un punto de encontro e convivencia entre a comunidade universitaria agora que comeza un novo curso académico.

Sexualidade, deporte, cultura e moito máis

Un dos postos que máis éxito tivo entre o numeroso alumnado asistente foi o atendido polo Departamento Psicosocioeducativo do campus. Nel, tal e como explicou o docente Alberto Alonso, “se informou aos interesados sobre os diferentes métodos anticonceptivos existentes, incluíndo aqueles menos coñecidos como o preservativo feminino; sobre a proba rápida do VIH e sobre os efectos das diferentes drogas”. Entre o material que se entregou aos estudantes estiveron uns alcoholímetros de uso sinxelo para que os mozos poidan, antes do coller o coche, coñecer o seu nivel de alcool en sangue e decidir se están ou non en condicións de conducir. Para comprobar as consecuencias de conducir bébedo, os asistentes puideron pórse unhas gafas que simulaban a visión dunha persoa borracha.

Noutro dos postos, o da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, varios alumnos tomaron as constantes aos participantes e déronlle nocións de primeiros auxilios en situacións cotiás, como un desfalecemento ou un corte. Tamén vinculado coa saúde, noutro stand a Área de Ciencias e Tecnoloxías dos Alimentos foi a encargada de explicar aos asistentes os beneficios da dieta mediterránea e de amosar como aplicala á dieta diaria.

Na feira tamén estiveron representados os servizos de Deportes e Cultura do campus, que explicaron ao alumnado as instalacións e iniciativas que teñen á súa disposición, como os obradoiros de extensión cultural, as escolas deportivas, as ligas universitarias ou as rutas culturais. As asociacións estudantís e os departamentos de prácticas preprofesionais e orientación para o emprendemento completaron o listado de participantes na feira.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós