DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 05 de outubro do 2012

O Gabinete Psicopedagóxico inicia un amplo programa de actividades

Un curso por diante para mellorar as capacidades persoais e académicas

A primeira acción será un curso de motivación de alto impacto o día 19 de outubro


ImageAs psicopedagogas Isabel Ferreiro e Conchi Cochón e a psicóloga Paula Sánchez veñen de incoporarse ao campus de Ourense para atender o seu Gabinete Psicopedagóxico e axudar á comunidade universitaria a enfrontar persoal e academicamente mellor este novo curso. Con este obxectivo, ademais de atención personalizada e orientación aos estudantes que o soliciten, propoñen un amplo programa de actividades formativas e traballo en grupo. A través do desenvolvemento do equilibrio persoal, estas profesionais apostan por mellorar a calidade de vida da comunidade universitaria.

Rosa Tedín | Ourense
As psicopedagogas Isabel Ferreiro e Conchi Cochón e a psicóloga Paula Sánchez veñen de incoporarse ao campus de Ourense para atender o seu Gabinete Psicopedagóxico e axudar á comunidade universitaria a enfrontar persoal e academicamente mellor este novo curso. Con este obxectivo, ademais de atención personalizada e orientación aos estudantes que o soliciten, propoñen un amplo programa de actividades formativas e traballo en grupo. A través do desenvolvemento do equilibrio persoal, estas profesionais apostan por mellorar a calidade de vida da comunidade universitaria.

“No gabinete brindamos unha asesoría multidisciplinar e integral co propósito de fortalecer a autonomía, a autoestima, a autoaprendizaxe e os valores fundamentais dos estudantes”, explica Isabel Ferreiro. De xeito primordial, as profesionais do gabinete ofrecen apoio psicolóxico e psicopedagóxico ao alumnado para a solución de problemas persoais, sociais e académicos que afecten ao seu rendemento. Cunha atención individual e confidencial, os interesados reciben orientación laboral, apoio didáctico, asesoramento psicolóxico e outros servizos destinados a axudalos a superar situacións conflitivas.

Grupos de traballo e cursos

Alén da atención individual, cada mes o gabinete creará un grupo de traballo no que se afondará conxuntamente nun aspecto concreto, como o autocoñecemento e a autoestima; o estrés; a reforma do pasado; o namoramento; a relaxación a través das artes; o enfoque de futuro ou a cuestión dos límites. Por último, e tamén ao longo do curso académico, o campus acollerá a celebración dunha serie de cursos e xornadas que traballarán en profundidade aspectos como a motivación de alto impacto; os mapas mentais e a lectura rápida; as habilidades de comunicación; o coaching; as relación interpersoais; as técnicas de relaxación para o control da ansiedade; o coaching como ferramenta educativa e a intelixencia emocional.

A primeira destas actividades será un programa de motivación de alto impacto que se celebrará o día 19 de outubro. “O seu obxectivo é a transformación do medo en forza, descubrindo os condicionamentos neuroasociativos que limitan a nosa vida e xerando aqueles que nos leven ao éxito”, destaca Conchi Cochón. Deste xeito, os participantes levarán a cabo accións como camiñar sobre brasas, romper unha lanza contra a parede apoiándoa na gorxa ou deixarse caer nun salto de confianza cos seus compañeiros de curso. Esta e as demais actividades están abertas de balde a todas as persoas interesadas ata esgotamento de prazas. Para inscribirse nelas ou para recibir asesoramento personalizado, o gabinete está a disposición da comunidade universitaria no soto do Edificio de Ferro.

Ademais de atender aos xa universitarios, sinalan desde o gabinete, as súas psicopedagogas traballarán na captación de novo alumnado para o campus de Ourense, dando a coñecer as súas facultades e titulacións nos centros educativos da contorna e amosando a Universidade a todos aqueles que se interesen por ela. Dada a súa área de traballo, tamén se vincularán ás accións que desde o proxecto Campus ConVida se leven a cabo, como xa aconteceu na feira do Campus Animado celebrada en setembro para dar a benvida ao curso académico 2012/2013.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós