DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 28 de febreiro do 2013

ANILIJ organiza as III Xornadas Internacionais de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil

Tradúcesme unha historia?

O evento terá lugar entre os días 25, 26 e 27 de marzo na Universidade de Boloña


Image Co fin de reunir a investigadores de Literatura Infantil e Xuvenil, fomentar a investigación interdisciplinar e lograr a colaboración entre expertos, a Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, ANILIJ, organiza por terceiro ano consecutivo unhas xornadas internacionais que, desta volta, se centrarán na tradución das obras. Nesta ocasión o evento celebrarase en Boloña, “xa que coincide coa Feira Internacional do Libro máis importante a nivel europeo, o que supón un gran aliciente para acudir”, indica Ana Fernández, profesora na Facultade de Filoloxía e Tradución e secretaria da asociación.

Jessica Fdez. | Vigo
Co fin de reunir a investigadores de Literatura Infantil e Xuvenil, fomentar a investigación interdisciplinar e lograr a colaboración e participación en proxectos comúns entre profesionais, a Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, ANILIJ, organiza por terceiro ano consecutivo unhas xornadas internacionais que, desta volta, se centrarán na tradución. A asociación, nada na Universidade de Vigo e único organismo nacional dedicado á investigación neste campo, leva ata a Boloña o evento “xa que coincide coa Feira Internacional do Libro máis importante a nivel europeo, onde se dan cita editores, autores, ilustradores ou produtores, entre outros, e na que houbo, no ano 2012, arredor de 1.300 expositores de 67 países, o que supón un gran aliciente para acudir”, indica Ana Fernández, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución e secretaria da asociación.

Nesta terceira edición, as xornadas levan o título ¿Me traduces una historia?: la traducción en ámbito infantil y juvenil. As principais temáticas que se tratarán serán a tradución de textos da literatura infantil e xuvenil, a tradución audiovisual, de cómic, de novela gráfica e de teatro, así como a adaptación dos clásicos, a análise dos textos e imaxes na tradución para nenos e a función desta disciplina en comunidades con linguas minoritarias ou minorizadas. Ademais das comunicacións e conferencias plenarias, “a Xunta Directiva de ANILIJ teremos a oportunidade única de facer unha presentación da asociación e dar unha conferencia sobre a tradución en Galicia no Centro de Tradutores da Feira de Boloña”, apunta Fernández.

A experiencia como aval

A Asociación de Literatura Infantil e Xuvenil trata de celebrar congresos e xornadas de xeito anual ou bianual co fin de servir de punto de encontro entre profesionais do sector. Dende o ano 1999 cidades coma Vigo, Alcalá de Henares, León, Cádiz ou Guadalaxara, en México, acolleron estes eventos de carácter interdisciplinar, cos que se pretende “contribuír á difusión das achegas de investigadores do ámbito filolóxico, coma anglicistas, xermanistas, americanistas ou hispanistas e doutras disciplinas afíns coma historiadores, artistas, tradutólogos ou biblioteconomistas”, indica Fernández.

Tras o éxito logrado despois da celebración de seis congresos internacionais e dúas xornadas, “xa que dende o ano 2010 eliximos este formato por ser máis dinámico, de menor duración e con máis espazos para o debate e as mesas redondas”, dende ANILIJ apuntan que “non podemos estar máis contentas coa traxectoria e resposta obtida destes case 14 anos de andadura da asociación”, conclúe.

Matrícula e datas clave

As xornadas celebraranse na Universidade de Boloña entre os días 25, 26 e 27 de marzo. O prazo para o envío de propostas estará aberto ata o vindeiro domingo día 3, mentres que aqueles que desexen asistir como público poderán formalizar a matrícula ata o día 20 seguindo, en ambos casos, os pasos estipulados na páxina web de ANILIJ. As comunicacións poderán enviarse en italiano, español ou portugués e, como indican dende a organización, ata o momento recibiron comunicacións tanto de España e Italia coma de Costa Rica, México, Brasil ou Estados Unidos. Todos os participantes recibirán de xeito gratuíto un exemplar das actas ou monografía das xornadas, así como un diploma de asistencia.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós