DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 11 de novembro do 2013

Salustiano Mato e Benito Vázquez inauguran as actividades da Semana da Ciencia no campus

Impulso ás vocacións científico-tecnolóxicas con toda unha ‘mina’ de cousas por descubrir

Esta semana visitarán a ETSE de Minas preto de mil estudantes de Secundaria e Bacharelato


ImagePara boa parte deles foi a súa primeira visita a un campus universitario e esta primeira toma de contacto tivo lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, un centro tecnolóxico no que tiveron a oportunidade de aprender a relación da enxeñaría coa enerxía, os novos materiais e o medio ambiente e facelo de xeito “entretido e moi divertido”, tal como subliñaba unha das alumnas do Colexio Apostol de Vigo ao remate da visita. Foron o primeiro grupo de alumnas e alumnos de Secundaria e Bacharelato en participar na Semana da Ciencia 2013, un encontro que arrancou este luns no campus de Vigo e que traerá ao longo de toda a semana á ETSE de Minas preto de mil mozas e mozos de toda Galicia entre os que se pretende espertar moitas vocacións científicas e tecnolóxicas.
Á súa chegada ao campus foron recibidos polo reitor, Salustiano Mato, e o director da escola, Benito Vázquez.

Duvi | Vigo
Para boa parte deles foi a súa primeira visita a un campus universitario e esta primeira toma de contacto tivo lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, un centro tecnolóxico no que tiveron a oportunidade de aprender a relación da enxeñaría coa enerxía, os novos materiais e o medio ambiente e facelo de xeito “entretido e moi divertido”, tal como subliñaba unha das alumnas do Colexio Apostol de Vigo ao remate da visita. Foron o primeiro grupo de alumnas e alumnos de Secundaria e Bacharelato en participar na Semana da Ciencia 2013, un encontro que arrancou este luns no campus de Vigo e que traerá ao longo de toda a semana á ETSE de Minas preto de mil mozas e mozos de toda Galicia entre os que se pretende espertar moitas vocacións científicas e tecnolóxicas.

Á súa chegada ao campus foron recibidos polo reitor, Salustiano Mato, e o director da escola, Benito Vázquez, que os convidaron a facer “toda unha viaxe de experiencias e sensacións”, subliñoulles o reitor, que aproveitou a presenza destes mozos no campus para describirlles brevemente a Universidade de Vigo e, máis polo miúdo, o seu campus central “unha zona de montaña con lagoas naturais onde o que fixemos foi recuperar a vexetación de hai máis de 200 anos”. Pola súa banda, Vázquez deu os detalles dunha visita “lúdica, pero tamén de aprendizaxe” e que, nesta ocasión, está vinculada á conmemoración do Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga. “A auga é un ben escaso fortemente asociado aos recursos enerxéticos renovables, fundamental para a vida e que necesita procesos rigorosos de control, prospección e xestión”, subliñou Vázquez, que fixo fincapé en que nestes procesos a contribución, “ás veces invisible dos titulados dunha Escola de Enxeñaría de Minas é fundamental”, destacou, ao tempo que lles explicou que, con este motivo “entre os materiais que ides recibir como agasallo e recordo do voso paso polo centro está unha taza que vos lembrará esta data”.

Un pequeno ‘tour’ e moitos experimentos

Co obxectivo de que os visitantes acadasen unha visión realista do tipo de actividades que se levan a cabo na ETSE de Minas organizóuselles un pequeno ‘tour’ pola escola no que tiveron a oportunidade de coñecer máis de preto as diferentes facetas que pode desempeñar un enxeñeiro de minas. A visita iniciouse no propio recibidor da ETSE de Minas onde asistiron á toma activa de imaxes cunha cámara termográfica como a empregada nos estudos da eficiencia térmica das edificacións “pero non só nisto, tamén en moitas outras cousas, como a Medicina ou a Veterinaria”, subliñoulles Javier Tamajón, estudante de doutoramento con tarefas de investigación e docencia na escola, que foi o encargado de guialos nesta primeira parada da visita.

Entre os experimentos que tiveron oportunidade de realizar Tamajón amosoulles como visualizar os gradientes térmicos nun pequeno anaco de tubaria de PVC á que se lle provocara unha sedimentación interna con silicona e unha das cousas que máis sorpresas provocou foi a visualización da súa propia temperatura corporal “algo do que imos facer unha foto para que poidades levar de recordo”, indicoulles Tamajón, un exemplo da enorme implicación do persoal da escola coa Semana da Ciencia, “todo un equipo de profesionais interdisciplinares representativo das principais áreas de investigación da escola e no que nos incluímos todo o equipo directivo”, subliña satisfeito Benito Vázquez.

Asistiron a un manexo simulado de explosivos

Como vén sucedendo noutros anos, a idea dos organizadores é que estudantes pre-universitarios participen en actividades manipulativas reais apoiadas por medios audiovisuais, proxeccións e as explicacións dos monitores. Neste senso, o programa da visita comprendeu tamén a participación en actividades que amosan as posibilidades das enerxías alternativas en xeral e en particular da biomasa, observando o funcionamento dun modelo real de investigación no cal se estuda de forma pormenorizada o proceso de combustión con este tipo de enerxía renovable. Ademais, puideron tamén achegarse aos novos materiais tanto cerámicos como metálicos ou híbridos e coñeceron como é o proceso completo de fabricación dunha botella de auga mineral de PET e dun tubo de pasta de dentes.

Neste particular percorrido pola escola visitaron tamén oo laboratorio de láser 3D, onde ademais de escaneados deles mesmos, puideron comprobar a utilidade destas técnicas en aspectos tan concretos como a análise de pontes ou outras estruturas históricas. E non marcharon da escola sen asistir a unha demostración activa de manexo simulado de explosivos proporcionados pola antiga Unión Española de Explosivos, actualmente MAXAM, demostración que lles serviu de escusa aos monitores para explicar astarefas que os enxeñeiros de minas realizan en obras civís subterráneas coma túneles ou aparcadoiros.

Colaboracións e financiamento

A celebración da Semana da Ciencia no campus conta co apoio de institucións como a Fecyt, o Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste, O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia, o Instituto Geológico y Minero de España e a Cámara Mineira. Ademais, conta tamén co financiamento da Fecyt do Ministerio de Economía e Competitividade, o que o director valora como un logro importante, porque “entrar nese reducido grupo de eventos da Semana da Ciencia que financia o Ministerio, sendo como somos un centro universitario de
500 persoas, hai que velo como un recoñecemento ao traballo de divulgación destes sete últimos anos”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós