DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 12 de novembro do 2013

Coa sinatura dun convenio coa Consellería que dotará de fondos os proxectos

A Universidade estreita a súa colaboración co Centro Ramón Piñeiro en investigación lingüística

Vigo asume as tarefas de dirección e asesoramento no Sintetizador de Voz Cotovía


ImageAs universidades galegas traballan en colaboración co Cetro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dende 1995, pero este apoio e sinerxía ratificouse este martes coa sinatura de cadanseu convenio entre os tres reitores e o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez. A finalidade dos acordos é fomentar e dotar de fondos os 18 proxectos que dende o Centro Ramón Piñeiro se veñen desenvolvendo coas universidade de Vigo, Santiago e A Coruña. En total, a administración autonómica destinará 169.260 euros ao apoio, dirección e asesoramento científico-técnico que recibirán estas iniciativas dende o eido universitario.

Duvi | Vigo
As universidades galegas traballan en colaboración co Cetro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dende 1995, pero este apoio e sinerxía ratificouse este martes coa sinatura de cadanseu convenio entre os tres reitores e o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez. A finalidade dos acordos é fomentar e dotar de fondos os 18 proxectos que dende o Centro Ramón Piñeiro se veñen desenvolvendo coas universidade de Vigo, Santiago e A Coruña. En total, a administración autonómica destinará 169.260 euros ao apoio, dirección e asesoramento científico-técnico que recibirán estas iniciativas dende o eido universitario. No caso da Universidade de Vigo, o reitor, Salustiano Mato firmou un acordo en virtude do cal, a institución viguesa colaborará no Etiquetador-Lematizador para o Galego Actual, Xiada, que impulsa a Universidade da Coruña, e asumirá as tarefas de dirección e asesoramento no Sintetizador de Voz Cotovía.

A este acto de sinatura asistiron ademais de Jesús Vázquez e Salustiano Mato, os reitores da USC, Juan Casares Long e da Coruña, José Luís Armesto, así como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Cotovía, do texto á voz

Cotovía é un proxecto desenvolvido polo grupo de Tecnoloxías do Sinal, en colaboración coa USC e o Centro Ramón Piñeiro, para desenvolver un sistema de conversión texto-voz bilingüe para galego e castelán. Esta ferramenta permite a conversión dun texto escrito nunha cadea oral, de xeito que a transferencia texto-fala poida facerse cun nivel de calidade aceptable. Baséase na concatenación de unidades pregravadas, na actualidade de dúas voces masculinas e dúas femininas adultas, catálogo que os investigadores agardan poder ampliar a voces infantís. Cotovía consta de dous grandes módulos, un lingüístico e outro acústico. O primeiro é o encargado de xerar o sinal de voz sintética, mentres que o segundo ten como obxectivos fundamentais proporcionar a información fonética necesaria para o transcritor fonético, así como a información sintáctica que se precisa para a xeración da prosodia.

No tocante ao Etiquetador-Lematizador para o Galego Actual, Xiada, consiste no desenvolvemento de ferramentas que permitan o recoñecemento e a análise automática do galego actual, do que neste 2013 se publicou a versión 2.5. O léxico posúe 726.346 entradas, engadíndose respecto á versión anterior 1045 novos lemas.

Centro Ramón Piñeiro, unha referencia na investigación en humanidades

O Centro Ramón Piñeiro, centro adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística, desenvolve, dende a súa creación en 1993, diversos proxectos que inciden no estudo filolóxico e de conservación das fontes lingüísticas, literarias e antropolóxicas e que permiten unha investigación en profundidade da historia lingüística e literaria do galego. As tres universidades galegas colaboran con este organismo no desenvolvemento de proxectos de investigación como Termigal, que se centra na terminoloxía de certos campos; o proxecto Corga, Corpus de Referencia do Galego Actual; o dicionario de literatura ou o proxecto de recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos. En total, 18 iniciativas que acadan con estes acordos un marco de colaboración e financiamento.

Por outra banda, e ademais dos convenios de colaboración asinados este martes en materia de investigación lingüística, a Consellería de Cultura e Educación mantén cadanseu convenio anual coas universidades galegas en materia de dinamización lingüística, co fin de incrementar o uso da lingua propia de Galicia no espazo da educación superior, tanto no contexto administrativo como nas actividades docentes ou investigadoras que lle son propias.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós