DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 18 de novembro do 2013

Este luns asinouse un convenio de colaboración entre a Universidade e UNICEF

Cultura e deporte para abrir camiño en defensa dos dereitos da infancia

A institución académica destinará á ONG a recadación da carreira 10 km Cidade Universitaria e dun concerto


ImageO que logre recadarse na carreira 10Km Cidade Universitaria dedicarase integramente a UNICEF e a isto sumarase tamén a recadación dun dos concertos da programación cultural da próxima primavera. Son as dúas actividades de partida que se van pór en marcha ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e UNICEF, o primeiro acordo destas características asinado pola ONG en Galicia e grazas ao cal se van pór en marcha diferentes actividades tanto nas áreas académica, como de investigación e da mobilización.
“Inicialmente imos colaborar en ámbitos como a cultura e o deporte, pero isto ampliarase en breve a outros eidos como pode ser o da investigación en diferentes temas que teñen que ver coa axuda a infancia”, subliñou o reitor vigués Salustiano Mato.

D. Besadío | Vigo
O que logre recadarse na carreira 10Km Cidade Universitaria dedicarase integramente a UNICEF e a isto sumarase tamén a recadación dun dos concertos da programación cultural da próxima primavera. Son as dúas actividades de partida que se van pór en marcha ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e UNICEF, o primeiro acordo destas características asinado pola ONG en Galicia e grazas ao cal se van pór en marcha diferentes actividades tanto nas áreas académica, como de investigación e da mobilización.

“Inicialmente imos colaborar en ámbitos como a cultura e o deporte, pero isto ampliarase en breve a outros eidos como pode ser o da investigación en diferentes temas que teñen que ver coa axuda a infancia”, subliñou o reitor vigués Salustiano Mato, que se encargou de rubricar o acordo xunto ao presidente de UNICEF-Galicia, Manuel Sandez Macho, quen non dubidou en afirmar que “é un convenio o suficientemente aberto para que isto sexa o principio dunha gran amizade”.

A colaboración en investigación buscará unha fotografía real da infancia en Galicia

Xunto ao concerto e á carreira 10 Km Cidade Universitaria, que nesta edición se levará a cabo o 27 de abril, o convenio inclúe a posta en marcha doutro tipo de actividades. No ámbito académico fomentarase a sensibilización e a formación da comunidade universitaria sobre os dereitos da infancia a través de diversas charlas e xornadas organizadas con perspectiva da infancia. Serán actividades que, a xuízo do reitor vigués, “respondan á necesidade continua e permanente da Universidade de axudar, protexer e crear ilusión e futuro na infancia”. Neste sentido interveu tamén a presidenta da axencia en defensa da infancia en Vigo, Gloria Del Río Hernández, que insistiu en que a xuventude e os nenos teñen que estar implicados desde o primeiro intre na necesidade de cambiar o mundo infantil. “Temos diferentes programas con nenos e a Universidade é precisamente o cumio de todo este proceso”, insistiu Del Río.

No que a investigación se refire Manuel Sandez adiantou que as colaboracións se dirixirán conseguir unha fotografía real e actual da situación da infancia en Galicia. “Se as cousas funcionan como agardamos e como o fixeron nestes últimos meses hai moitos proxectos a emprender non só con nenos de terceiros países, senón tamén cos cativos de aquí”, recalcou o presidente de UNICEF-Galicia, que insistiu en “desgraciadamente” nestes intres os nenos galegos tamén están a sufrir “esta tremenda crise que está a asoballar o noso país”.

Reforzo das actividades de voluntariado

O acordo ten unha duración de catro anos prorrogables e nesta liña Salustiano Mato insistiu en que se trata dun marco “amplo” no que ano a ano se revisarán as actividades concretas que se van levar a cabo”. Neste sentido no ámbito da mobilización, no que se encadran a carreira e o concerto, periodicamente revisaranse as actividades de recadación de fondos e sensibilización coas que concienciar ao conxunto da comunidade universitaria do compromiso coa infancia.

Unha das liñas principais será tamén o voluntariado “unha das materias nas que tentaremos esmerarnos máis xa que consideramos que é un dos aspectos que máis contribúe a formación integral do noso alumnado”, recalcou Mato. Neste aspecto, a representante de UNICEF- en Vigo, insistiu na idea de que na Universidade non só se ensina matemáticas ou bioloxía, senón que tamén se ensina a ser persoas e, desde este punto de vista os nosos obxectivos e os da Universidade coinciden plenamente”… pensamos que é unha relación que pode ser moi frutífera en todos os xeitos.

Festival de axuda para as vítimas do tifón Haiyan

A sinatura do convenio, preparada dende hai meses, coincide no tempo coa emerxencia declarada tralo paso do tifón Haiyan/Yolanda en Filipinas; co traballo que dende o inicio do conflito bélico de Siria está a desenvolver UNICEF cos nenos refuxiados; ou coa axuda que se está a prestar ante a crise alimenticia no Sahel. Neste sentido, Glorio Del Río adiantou que o vindeiro 30 de novembro se celebrará un festival no Auditorio Mar de Vigo pensado especificamente para recadar fondos para as vítimas de Filipinas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós